0 Gardados para despois

L. C. Carballal

Os sufixos trocados

A castelanización do galego ten varias frontes, unha delas, quizais a máis rechamante, é a do léxico e dentro deste a substitución dos sufixos patrimoniais polos correspondentes casteláns, dado que estes soaban sempre mellor nos ouvidos ca os rudes galegos, nunha mostra máis da diglosia secular que padecemos, pois a cousa como se vai ver vén de vello. Porén por que seguimos a usar estes sufixos foráneos no canto de recuperarmos os nosos? Ou que criterio segue a RAG para rehabilitar uns e non outros no galego estándar, cando todos eles sofreron a mesma substitución no galego popular polos correspondentes casteláns?

Obviamente entre os numerosos sufixos patrimoniais formadores de substantivos e adxectivos unha boa parte son comúns ou moi semellantes aos do castelán, estes loxicamente non tiveron de se mudar para se confundiren coa lingua prestixiosa. Así: –ada/–ado, –eda/–edo e –ida/–ido (freada, pedrada, bispado, peiteado, alameda, fumareda, viñedo, arboredo, fuxida, comida, estoupido, coído etc.); –al/–ar (carballal, feiral, lamazal, familiar, pomar, casar etc.); –azo (coiazo, broucazo etc.); –dor/–dora e –or/–ora (corredor, pasador, valedor, cazadora, lavadora, presentadora, grandor, negror, frescor, invasora, ardora, superiora etc); –dura/–ura  (armadura, cocedura, vestidura, baixura, lentura, tristura etc.); –enta/–ento (costenta, farturenta, cheirento, neboento etc.); –eña/–eño (gateña, ferreña, terreño etc.); –és/–esa (pedrés, montesa, luguesa etc.), –ez/–eza (candidez, rapidez, sandez, tristeza, rudeza, pobreza etc.); –ía/–ío (louzanía, invernía, teimosía, feitío, mullerío etc.); –il (beiril, caciquil, pernil etc.); –ismo (enxebrismo, galeguismo, cheísmo etc.); –iza/–izo (movediza, outoniza, calmizo, enfermizo etc.); –mento (adiamento, espallamento, finximento etc.); –nte (abafante, abrente, saínte, ouvinte etc.); –osa/–oso (agarimosa, xeitosa, copioso, teimoso etc.); –uda/–udo (comenenciuda, rabuda, repoludo, nafrudo etc.); ou –ura (loucura, brancura, tristura etc.)

Algún debeu modifiar o seu xénero para coincidir maioritariamente co do castelán, como –axe –pasando de feminino a masculino– (roupaxe, friaxe, follaxe etc.). E outros acabaron por abranxer tanto a forma patrimonial coma a culta e deviñeron en sufixos prototípicos galegos, caso de: –iña/–iño (mariña, menciña, touciño, campesiño etc.), de cuxa forma culta –ina/–ino (doutrina, piscina, rabino, monfortino etc.), pola percepción desta como propia do castelán, se crean hiperenxebrismos como: oficiña, esquiña, destiño, asesiño, diviño etc. De –á/–án (< med. –ã/–ão) (fisterrá, capitá, irmá, pagán, san, aldeán) que ten forma culta en –ana/–ano (urbana, humano etc.), sentida como pouco galega, polo que se crean hiperenxebrismos ou vulgarismos como: urbá, paisán, americán etc. E de –eira/–eiro (costureira, palleira, romanceiro, forneiro etc.), tan noso que crea hiperenxebrismos en palabras acabadas en –era/–ero como: galeira, calqueira, sinceiro, seveiro etc.; e cuxa forma semiculta –airo, pouco usada no propio medievo, apenas deixou unha palabra viva: vigairo, mentres que as demais foron substituídas polas formas cultas: calandairo (calendario), cossairo (corsario), contrairo (contrario), notairo (notario) etc.; mentres que a forma culta –aria/–ario tamén crea palabras derivadas: parlamentaria, lendario, vestiario etc.

Algúns resistiron aceptabelmente o embate castelanizador, quizais porque non tiñan ou se identificaban doadamente coas súas correspondencias castelás, como: –doira/–doiro (debandoira, corredoira, viradoira, invernadoiro, lavadoiro, miradoiro etc.), que mesmo segue a crear neoloxismos como: muxidoira ou aparcadoiro –moito mellor ca as solucións castelá (parking e aparcamiento) e portuguesa (parqueamento)–, con todo, este sufixo sofreu a competencia dos castelanismos nas palabras con correspondentes castelás: embarcadeiro, lavadeiro, invernadeiro etc.; –alla/–allo (poalla, borralla, meigallo, escumallo etc.); –ame e –emia (pelame, dentame, enxame, podremia, tolemia, burremia etc.); –aina (rebuldaina, andaina, buxaina etc.); –ela/–elo (portela, ruela, fornelo, rabelo etc.); –én (roibén, rouquén, mourén etc.); –ume (cerrume, cheirume, estrume etc.), que mesmo adapta castelanismos: mansedume (< mansedumbre), pesadume (< pensadumbre), servidume (< servidumbre) etc.; –ega/–ego (chairega, vilega, noitébrego, brañego etc.); ou –uxe (lanuxe, ferruxe, penuxe etc.).

Mais están os casos en que houbo que recuperar os sufixos orixinais galegos substituídos polos correspondentes casteláns, como en: –za/–zo, fronte aos seus correspondentes casteláns en –cia/–cio, sufixo este tamén galego en cultismos (audacia, provincia, ledicia, oficio, silencio, fornicio etc.), onde se recuperaron palabras malia que xa estivesen banidas de todo da fala popular hai tempo: graza, xustiza, terza, espazo, servizo, prezo etc. En –nza, fronte ao castelanismo –ncia, tamén presente lexitimamente en cultismos: elegancia, tolerancia, conciencia, influencia (pero: influenza = gripe) etc.; así se recuperaron: crenza, doenza, pertenza, doenza, presenza, tenza, licenza etc., mais foi innecesario, xaora, nas palabras coincidentes no sufixo coas castelás: esperanza, labranza, crianza, vinganza, perseveranza, ensinanza etc. E nas formas femininas de –án: –á, substituída por –ana, lexítima nos adxectivos pexorativos (langrana, testana, papana etc.) e –ón: –oa, substituída por –ona, tamén lexítima nos adxectivos pexorativos (chufona, lambona, pousona etc.) pero non no resto, que houbo que restaurar: catalá, aldeá, truá, bretoa, ladroa, comadroa etc.

E tamén en –dade/–tade, substituídos no galego oral polos vulgarismos –dá/–tá (< –dad/–tad): verdá/verdade (pl.: verdades), libertá/liberdade (pl.: libertades/liberdades), amistá/amizade (pl.: amistades/amizades), virxinidá/virxindade, trinidá/trindade etc. Amais das palabras acabadas en –ude: salú (< salud)/saúde, lentitú/lentitude, quietú/quietude, virtú/virtude etc.

E téntase recuperar a forma patrimonial no sufixo –aría (romaría, peixaría, meigaría etc.), claramente maioritaría no galego medieval e despois substituída no galego oral pola forma castelá –ería. Mais a pesar da preferencia normativa pola forma galega, non son poucos os que seguen usando o castelanismo, comezando pola mesma Xunta de Galicia (Consellería de Educación etc.). Caso diferente son os poucos galicismos que chegaron xa co sufixo –ería: galería, batería, galantería etc.

Mais hai dous sufixos patrimoniais emblemáticos, tanto pola súa alta frecuencia de uso coma pola súa nidia diferenciación a respecto dos seus correspondentes casteláns, que correron desigual sorte no galego contemporáneo. A que media entre a aceptación a contragusto no caso de –bel, forma claramente preterida fronte á castelá –ble, substituta da galega dende fins da Idade Media como demostrou de maneira clara no seu estudo: “Forma e función do sufixo –uel no galego medieval” (Cadernos de Lingua, 27. 2005) o profesor R. Mariño Paz; e a negación da forma patrimonial no caso de –zon/–son fronte ao “cultismo” –ción/–sión, que mesmo chegou vivo ata o galego contemporáneo. Con todo, a historia destes dous sufixos tan sintomáticos da castelanización da nosa lingua é moi semellante no seu percurso, mais diferente no seu final.

Así –bel, representación moderna da forma medieval, “con resultados diversos na lingua antiga (–vel(e), –vil(e), –bel(e), –bil) compite no estándar lingüístico con – ble, forma debida á presión do español” (M. Ferreiro: Gramática histórica galega, II. Lexicoloxía, 1997) pode competir co seu adventicio substituto –ble se o usuario o prefire. As NOMIG xustifican a dupla posibilidade indicando que: “A terminación –ble (pl. –bles) impúxose como solución xeral en todo o territorio galego”, e que: “De por parte, –bel, –beis (amábel, amábeis) ten tamén unha importante presenza na lingua escrita xa desde o século XIX”. Mais non nos din por que se impuxo –ble nin por que reaparece –bel no galego contemporáneo.

O antedito traballo de R. Mariño Paz demostra como as formas patrimoniais eran en singular: –vele,  –vel, –vil e –vile; e en plural: –veles, –viles/–vilis e –viis/–vees, das cales a máis usada con diferenza era –vel en singular e –veles en plural (s. semellavel > pl. semellaveles). Como a recuperación deste sufixo se fixo dende a forma portuguesa, adoptouse o plural en –beis (< port. –veis), malia que esta forma non estea documentada en galego medieval, e a máis próxima (–viis/–vees) fose moi minoritaria fronte a –veles. 

Porén era unha forma desaparecida case de todo no galego do s. XIX, onde a forma maioritaria era a castelá –ble sen e con rotacismo: –bre, que aparece moi minoritariamente a fins deste século e soamente se comezou a volver utilizar notoriamente, aínda que en minoría, no primeiro terzo do s. XX mercé aos coñecementos que se foran obtendo do outrora moi descoñecido galego medieval, alternando o seu uso con –ble e –bre nos mesmos autores, así: indudabel, palpabel, inefabel, imposibres, variables, sensibles etc. (V. Risco); amabel, considerabel, induvidábele, considerávele, imposibre, probabre, agradable, imposible etc. (F. Cuevillas); sensibel, loubabel, sensibres, consagrabres, visibles, controlables (A.D.R. Castelao); ademirabel, incomparabel, innumerabeis, invulnerabels, notabre, lamentables (A.Vilar Ponte). Non obstante, a “Gramática do Idioma Galego” (1922) de M. Lugrís Freire codénaa nidiamente: “Temos moitos derivados de verbos que finan en ble ou bre. As duas terminaciós son lexítimas en galego, inda que a segunda en bre ê a que mellor s’axeita â nosa fala e ao costume consagrado pol-os bôs escritores. Dende logo que a terminación en bel, que agora empregan algús innovadores que deixan as augas galegas pol-as estranas, ê sinxelamente portuguesa, barbarizada na ortografía”. E en consonancia co dito hai autores do mesmo período que case en exclusiva usan as formas en –bre como R. Otero Pedrayo (formidabre, invencibre, demostrabres etc.) ou F. Herrera Garrido (responsabre, increibre, posibres etc.).

Será coas “Normas Ortográficas do Idioma Galego da Comisión de Lingüística da Xunta de Galiza” en 1980, baixo a dirección R. Carballo Calero, único catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC na altura, cando se recupere como forma prescrita este sufixo, rexeitando a forma –ble. Após a imposición dos criterios do ILG en 1982, a forma –ble volveu ocupar o lugar de preferencia e –bel ficou como forma posíbel pero non preferida. Tanto o Reintegracionismo coma o Lusismo usan este sufixo coa grafía galega medieval maioritaria e portuguesa: –vel. Por tanto a recuperación de –bel está nas mans dos galegos que prefiran usar un galego menos castelanizado e por tanto máis digno.

Pola contra, –zon/–son, “representacións modernas dos medievais –çon/–zon/–son –universais no período medieval, que no período moderno, agás algúns casos concretos, se transformaron en –ción, moi probabelmente polo influxo do español” (M. Ferreiro: Gramática histórica galega, II. Lexicoloxía, 1997)–, non teñen o mesmo privilexio ca –bel e soamente a primeira forma se restituíu nun reducidísimo número de palabras –descoñecéndose aínda o criterio–: beizón, doazón, traizón, paixón e compaixón(< passionis, compassionis) e máis algunha, incluídas todas aquelas que coinciden coas usadas en castelán: armazón, arribazón, cerrazón, corazón, inchazón (cast.: hinchazón), infanzón, ligazón, punzón, razón, sazón, tenzón (cast.: tensón), tizón, virazón. En xustificación da súa escolla as NOMIG declaran: “En galego existe hoxe a variante tradicional –zón e as cultas –ción, –sión”, “Na época medieval as formas máis estendidas eran –zon, –çon, –son e –sson” e “O galego incorporou todas estas palabras cultas, coa acomodación fonética indispensable da terminación latina (FRACTIONEM > fracción), seguindo un criterio similar ao adoptado coa terminación –cio, –cia e cos cultismos en xeral”. Ningunha referencia a que todos estes cultismos entraron a través do castelán, é dicir entraron como castelanismos, e que as formas patrimoniais foron substituídas polas castelás.

Se consultamos no TMILG tres palabras patrimoniais con esta terminación, como “oración”: comprobamos o esmagador uso da terminación –çon/–ções [oraçon (149 rexistros), oraçõ (102), oraçom (8), orazon (2), orações/oraçoes (69) e oraçoos/oraçons (6)] contra o testemuñal de –cion/–cios [oracion (3) e oracios (2)] e a ausencia de –ão [oração (0)]; “condición”: 933 rexistros de condiçon (condiçon, condiçõ, condiçom, condizon e condizõ) contra 38 rexistros de condicion (condiçion, condicion e condición), a maioría do s. XV, e 0 de condição, e 536 de condições (condiçoes e condições) e 113 de condiçons (condiçoos, condiços, condiçons e condizos) contra 9 de condicións (condiciones, condiçions e condicios), todos do s. XV; e “perdición”: 17 rexistros de perdiçon (perdiçon, perdiçõ e perdiçom) contra ningún de perdicion ou perdição, sen se rexistraren formas en plural. Semella imposíbel ter algunha dúbida de cales eran as formas galegas.

Malia que a substitución tamén comeza a finais da Idade Media, estas formas van chegar en uso, aínda que de forma minoritaria, ata o galego do s. XIX, como demostran os primeiros textos escritos deste século ou a obra ben coñecida de Rosalía de Castro ou E. Pondal (partizón, gerazón, lunazón, prisón etc.). Sobre o seu uso no primeiro terzo do s. XIX  E.X. González Seoane (Notas sobre a funcionalidade do populismo léxico nos textos galegos de Prerrexurdimento. Papés d’emprenta condenada II. CCG, 2012) indica que “ao obxectivo de procura da autenticidade e dunha identificación da lingua dos textos co galego popular responde o emprego de certas solucións léxicas que neste momento é case seguro que se encontraban xa en franca recesión […]. […], isto é o que explica a presenza frecuente de palabras en –zón alternando coas rematadas na solución maioritaria –ción”. Mais a pesar do seu esmorecemento aínda a finais de século aparece en palabras como: atraisón, traizón/traizoes, canzón, desesperazón, emigrazón, recordazón e tentazón (Follas novas, 1880); aínda que as formas en –ión sexan esmagadoramente maioritarias, dado que a terminación patrimonial sería xa na altura moi minoritaria e sentida como arcaica.

Con todo, no primeiro terzo do s. XX vaise tentar a súa recuperación, así os autores deste período alternan as dúas terminacións: –zón e –ción, aínda que predomine a segunda, rexistrándose: nazón, cimentazón (F. Cuevillas); descentralizazón, situazón, comunicazón (R. Otero Pedrayo); orgaizazón (V. Risco) etc.; mais nunca usan –són, soamente –sión. Na altura o Seminario de Estudos Galegos nas súas recomendacións de “Algunhas Normas pra a Unificazón do Idioma Galego” sempre usa a terminación patrimonial –zón (pubricazón, orientazón, posizón, poboazón, evoluzón, perfeizón, prescrizóns, soluzón, seizón, exceizóns etc.), mais nunca a tamén patrimonial –són (pretensións, extensión, invasión, elisión). Secasí, a Guerra Civil truncará todo o proxecto en marcha.

Despois, con normas populistas, e por tanto castelanizadoras, como a usada pola Editorial Galaxia dende 1950 nos seus libros, haberá que agardar de novo ata as “Normas Ortográficas do Idioma Galego da Comisión de Lingüística da Xunta de Galiza” de 1980, para atopar outra tímida tentativa de recuperar este e os demais sufixos deturpados. A respecto de –zón, –són e –xón recomendaban o seu uso paulatino con palabras como: nazón, xerazón, confesón, profisón, prisón, reflexón… Mais a imposición en 1982, unha vez xubilado R. Carballo Calero, dos criterios populistas e castelanizantes do ILG nas NOMIG, ratificadas pola RAG e declaradas oficiais pola Xunta de Galicia, arrasaron esta tentativa xunto coa normativa timidamente reintegracionista que as auspiciaba. O chamado Reintegracionismo de Mínimos, xurdido após o golpe de man do ILG seguirá a defender este sufixo (eleizón, perfeizón, constituizón, distribuizón, maldizón, confisón, ilusón, combustón, dixestón, conexón, reflexón etc.) e os demais, algúns dos cales irán sendo asumidos pola normativa oficial en sucesivas revisións, ata á súa desaparición, fagocitado polo Reintegracionismo de Máximos ou pola adopción da NOMIG, trala revisión destas en 2003.

E por último o Reintegracionismo de Máximos tentou recuperar o sufixo coa ortografía –çom/–zom/–(s)som na súa proposta normativa de adopción da ortografía portuguesa, así a Comissom Lingüística da Associaçom Galega da Língua no seu “Estudo Crítico das NOMIG” (1983), di en contestación a estas: “Estes «cultismos», insistimos, nom entrárom, como na Idade Média, do latim ao galego, senom directamente desde o espanhol, coa terminaçom própia do espanhol –ción e –sión” e “Mesmo as palavras que existiam em galego coas terminaçons –zom/–çom e –som/–ssom passárom a usar-se coa terminaçom espanhola, cousa que nom sucederia, se estes cultismos tivessem entrado no galego directamente do latim, pois se adaptariam as novas palavras segundo as ja existentes”. Porén de novo o destino estaba na súa contra e a AGAL, tomada polos seguidores do estándar portugués, e outras asociacións lusistas recoñeceron os sufixos portugueses –ção/–(s)são como formas lexítimas e principais, polo que hoxe a primeira proposta reintegracionista só é defendida pola Associaçom de Estudos galegos, excisión da AGAL trala súa viraxe plenamente lusista.

Por último, gustaríame lembrar que a derradeira estrofa do himno galego conclúe así: Pois, onde quer, xigante / a nosa voz pregoa / a redenzón da boa / Nazón de Breogán. Se cadra habería que modificala para que coincida co sufixo fixado polas NOMIG?

Acerca de L. C. Carballal

Levo case media vida dedicado ao estudo e á defensa do galego, dende a miña posición de amador, polo que procuro axudar, alá onde me acollan, no desenvolvemento e defensa do galego, dende a miña modesta situación. Actualmente tamén colaboro co proxecto de nomenclatura científica que está a desenvolver A Chave