0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Os raposos e a ciencia

Hai diferentes iniciativas en Galicia sobre divulgación científica certamente notables, por exemplo o programa Efervesciencia da Radio Galega, a revista dixital GCiencia, as NerdNites ou incluso innovacións tan interesantes desde o ámbito empresarial como Observer de turismo científico.

Carta branca para a o estado de opinión construído sen ningún tipo de fundamento, unicamente prexuízos, crenzas, rumores, datos soltos, datos tomados ao azar ou interesadamente, ningún tipo de contraste da información

Resulta paradoxal. A ciencia está a sufrir recortes brutais en todos os centros de investigación do país coas Universidades como cara máis visible, recortes na miseria, habería que dicir. O talento científico marcha fóra, ao estranxeiro, un talento que nunca volverá e que non terá repercusión na nosa sociedade salvo para facernos máis dependentes de terceiros. Aos que quedan, entre os recortes e absurdas tarefas administrativas impostas, quítanlles posibilidades e motivación. 

A resposta simple que podemos atopar é que hai, en xeral, recortes económicos. A realidade creo que é un pouco máis complexa e hai que buscala noutra parte. Ramón y Cajal xa deixou dito que "al carro de la cultura española le falta la rueda de la ciencia". Creo que dende entón non melloramos moito. Unha posible explicación do asunto está, ao meu entender, no sistema educativo. Nel explícanse e avalíanse coñecementos pero non se explica de onde veñen, como se chega a eles, non se explica a ciencia como método e desde o meu punto de vista xusto iso é o básico a entender. Deste desenfoque deriva un dos problemas máis reais da sociedade a día de hoxe. Ten, como non, o seu reflexo no estamento político. Non é que sexa un problema que non haxa científicos entre eles ou profesionais que teñan o método científico como ferramenta de traballo cotiá, o problema é que non teñen nin remota idea do que é a ciencia ou o feito científico. Carta branca para a o estado de opinión construído sen ningún tipo de fundamento, unicamente prexuízos, crenzas, rumores, datos soltos, datos tomados ao azar ou interesadamente, ningún tipo de contraste da información, equivalencia entre as "fontes" de coñecemento, nulo análise matemático de realidades cada día máis complexas, ignorancia da literatura científica máis básica, xusto na era na que é máis sinxelo acceder a ela, etc.  En definitiva, estamos en mans de opinólogos, charlatáns guiados pola ocorrencia cando non pola maledicencia. O feito de que esta situación non sexa, nin tan sequera, identificada, só nos está a falar de que nin na sociedade en xeral nin, por exemplo, en colectivos específicos como os xornalistas, se ten a máis mínima cultura científica. 

Nin na sociedade en xeral nin, por exemplo, en colectivos específicos como os xornalistas, se ten a máis mínima cultura científica

Desta situación benefícianse moitos, algúns máis que outros, claro está. Por un lado temos o típico charlatán que pode dicir que o cancro é consecuencia de algo así como medo e que non hai que facer nada cando aparece (incrible pero pasou hai uns días!), por outro lado temos os aproveitados que, co traxe de científico precisamente, din que non pasa nada por empregar transxénicos, por exemplo, obviando todas as implicacións ecolóxicas, sociais e económicas que ten esa práctica por non comentar que transxénicos é unha maleta onde cabe todo tipo de obxectos diferentes. Escriben libros, danlles minutos en programas de radio e columnas de opinión e, como bos tramposos confunden ao pouco público interesado inda que ignaro, facéndolle crer que non hai fronteira entre ciencia e tecnoloxía, é máis, que son o mesmo. Dous extremos opostos que se aproveitan da ignorancia xeneralizada. 

O recente e comentado feito de que a eurodeputada Lidia Senra cargara irresponsablemente contra as vacinas evidencia o problema. Pero, lamentablemente, non é un caso illado, a única diferencia con outros é que cando nos metemos cun tema tan delicado como a saúde pública son moitos os que dan, con razón, a voz de alarma. Podemos traer a colación o primo de Rajoy co cambio climático ou o seu portavoz parlamentario non hai moito co mesmo asunto. Ou mesmo podemos falar de que, basicamente, a maior parte das opinións emitidas sobre os lumes en Galicia non teñen ningún tipo de respaldo científico e, máis concretamente, números que avalen ningunha opinión que por aí se verte. Desta praga non se libra ninguén. Entre algúns sectores do movemento ecoloxista que ata hai unha década, por dar unha data, tiña a ciencia por punta de lanza vemos como se fala de oídas e se repiten tópicos sen senso ningún contrarios ao coñecemento científico actual dispoñible. Vemos incluso como o Ministerio de Medio Ambiente avala proxectos millonarios para salvar especies sen ciencia detrás. Respecto aos políticos, como é posible que cheguen a ter cargos de responsabilidade os campións da ignorancia, os analfabetos da ciencia?

Podemos dicir que é, en realidade, tendencia mundial. O fenómeno Trump exemplifica á perfección o que está a pasar. Somos simios primitivos voando nun avión mentres empregamos os avances científicos impresionantes resumidos en toda a tecnoloxía contida dentro dun smartphone. Con total naturalidade, non so ignoramos a ciencia senón que a negamos. O paradigma mesmo podería ser ese rapaz con miles de seguidores en YouTube que mantén que a terra é plana.

Solucións? non é sinxelo. Sen dúbida asumir que temos unha brutal eiva no noso sistema educativo a todos os niveis. En canto á divulgación poderíamos comezar a pensar sobre se divulgar ciencia é informar de proxectos punteiros ou falar de buracos negros. Quizais unha aproximación desde o inmediato e cotiá fora máis acaida; por que funcionan as cousas das que estamos rodeados todos os días?. Por que funciona o meu móbil? por que medra unha leituga? como funciona unha vacina?

Sería interesante que alguén lle dixera aos políticos, tamén a técnicos e funcionarios, por certo, que as decisións que se tomen deben estar baseadas na mellor ciencia dispoñible no momento

Sería interesante que alguén lle dixera aos políticos, tamén a técnicos e funcionarios, por certo, que as decisións que se tomen deben estar baseadas na mellor ciencia dispoñible no momento. Exemplos de decisións estultas sen criterio científico vémolas a diario. Algúns exemplos: a "xestión" do lobo en España, a da auga, deixar aos inmigrantes sen papeis sen sanidade pública, que a homeopatía sexa legal, a construción de novos AVE, a "loita" suposta contra o lume, a reforestación masiva con especies exóticas, algunhas das accións para loitar contra o cambio climático que en realidade o agravan, o emprego masivo de determinados biocidas… quizais a alguén lle podan chocar algunha destas escollas, ben, se temos en conta que un dos elementos máis poderosos da ciencia son as matemáticas e concretamente a estatística na maior parte dos casos, posiblemente se entendan mellor. 

Volvendo ao concepto de "mellor ciencia dispoñible", penso que paga a pena comentar que, como dicía Leynman, a ciencia é unha cultura de dúbida, en contraposición á relixión, unha cultura de fe. E dicir, a ciencia é un organismo vivo que se constrúe a si mesmo cuestionándose constantemente. Póñase iso en relación a esa sentencia tan popular ultimamente "antes dicían que as graxas eran malas e agora que son boas" que ven a dar a entender que non se ten nin idea. E pode ser certo: non se ten nin idea e por iso mesmo é importante tomar decisións baseadas no mellor coñecemento dispoñible e non ao chou, para poder mellorar. 

Os raposos son xustamente un dos depredadores máis eficaces para manter en baixo nivel as poboacións de micromamíferos e polo tanto aos seus parasitos externos, as carrachas

Empregando a ciencia sabemos que hai, consecuencia do cambio climático entre outros factores, unha boa manchea de enfermidades emerxentes ou que van ter maior prevaleza nos próximos anos. Unha delas é a borreliose ou enfermidade de Lyme, que produce unha bacteria que as carrachas transmiten aos humanos e que sabemos ten unha gran incidencia xusto no noroeste de España. E dicir, temos un gran risco de ter persoas enfermas seriamente, co conseguinte sufrimento persoal e colectivo, máis gasto no sistema sanitario e laboral, etc. Pois ben: estas fins de semana estanse a celebrar, incriblemente, campionatos de caza de raposos cuxa caza é aínda legal. É sorprendente porque sabemos que os raposos son xustamente un dos depredadores máis eficaces para manter en baixo nivel as poboacións de micromamíferos e polo tanto aos seus parasitos externos, as carrachas. Os micromamíferos supoñen un dos principais reservorios destes arácnidos e polo tanto da bacteria que produce a enfermidade, a Borrelia. Cazar raposos vai traer enfermidade, e polo tanto sufrimento, e gasto económico tal e como se deduce dun artigo recente no que se explica que canto maior é a poboación de raposos (e de denosiñas) menor é a poboación de carrachas infectadas. No só é que  os raposos consuman máis roedores senón que estes saen menos e fano por períodos máis curtos. Todo isto enmarcado dentro do efecto coñecido en ecoloxía como cascadas tróficas. Por outra banda os raposos son uns excelentes dispersores de sementes de diferentes especies; tras a onda de lumes dos pasados meses, matar raposos diminúe a capacidade de rexeneración dos ecosistemas con todo o que iso conleva. Ademais fano gratis. Unha sociedade avanzada e prudente, simplemente por estes motivos (existen moitos máis) prohibiría matar raposos. Aquí non, logo mataremos moscas, ou carrachas, a canonazos.

Unha sociedade avanzada e prudente, simplemente por estes motivos (existen moitos máis) prohibiría matar raposos. Aquí non, logo mataremos moscas, ou carrachas, a canonazos

Citando, unha vez máis a Leynman, en ciencia deberíanse crer en lóxica e argumentos coidadosamente obtidos, non nas autoridades. Se engadimos isto á contraposición que fai de ciencia e relixión, entendemos que o sistema educativo actual cadra moi pouco cunha sociedade de futuro e iso é a causa dos recortes en ciencia que nos empobrecerá para as próximas décadas facéndonos tomar decisións ao chou (no mellor dos casos). A ciencia é evolución e, para as sociedades tristes, revolución.

Publicidade

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos