30 de xaneiro. Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia

Xa estamos a uns poucos días do 30 de xaneiro de 2018, Día Escolar pola Paz e a Nonviolencia, unha data marcada e recoñecida no calendario, nos respectivos Plans de Centro, e que moitos colexios e institutos celebran como unha expresión máis do traballo que realizan durante todo o ano na prevención das violencias, pola resolución pacífica dos conflitos, coa mediación, ou na mellora da convivencia diaria nas aulas e fora delas, porque é precisamente, na cotidianeidade, onde construímos a Cultura da Paz, pasiño a pasiño, moitas veces de maneira calada, anónima, diariamente, antes que en ningún outro lugar, na familia, o espazo privilexiado e primeiro onde educamos, e transmitimos, coa nosa conduta e comportamento, os valores e as virtudes cívicas e democráticas, envoltas co cariño, o coidado, os afectos e as emocións.

A escola, sabémolo ben, reforza aquelas aprendizaxes familiares no mellor dos casos. Noutras, por desgraza, está obrigada a corrixir hábitos e condutas erradas, violentas, discriminatorias, abusivas, que o alumnado porta na súa respectiva mochila, no seu disco duro. Por iso, nestes casos, resulta tan importante desaprender…

A escola, sabémolo ben, reforza aquelas aprendizaxes familiares no mellor dos casos. Noutras, por desgraza, está obrigada a corrixir hábitos e condutas erradas, violentas, discriminatorias, abusivas, que o alumnado porta na súa respectiva mochila, no seu disco duro

Este labor sistemático, permanente, cotián, non se fai con discursos máis ou menos solemnes, con sermóns, por suposto tampouco coa famosa “labazada a tempo”. Por sorte, nos últimos anos, temos aprendido moito, a neurociencia ven aportando novidades relevantes, sabemos moito máis da educación afectivo emocional, do exemplo, porque os nenos e as nenas, o alumnado aprende dos comportamentos que observa, que mama, que vive, cada día, tódolos días, a cada instante.

Desde a sociedade civil, os movementos de renovación pedagóxica, os grupos pacifistas (moito máis que as administracións públicas, debemos recoñecelo), achegan novas reflexións, presentan recursos didácticos inéditos, metodoloxías novidosas, co obxectivo de axudar a educar para a paz e os dereitos humanos, propostas que hoxe son moi accesibles coas novas tecnoloxías da información e a comunicación, están nas redes sociais, tamén en papel, en forma de contos, teatro tradicional, teatro de sombras, cinema, prensa, ou na publicidade…, recursos xa moi abundantes e de calidade cos que traballar nas aulas e nas respectivas materias ou nas titorías.

Neste ano, no 2018, cúmprese o 70 Aniversario da morte violenta do Mahatma Gandhi (1948-2018), o mesmo ano no que as Nacións Unidas aprobaron a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, cun mundo aínda conmocionado polo horror da guerra e do holocausto. Precisamente -tamén é unha proposta das Nacións Unidas- todo este ano estará dedicado a analizar as causas e as consecuencias do Holocausto. Existen numerosos materiais para apoiar esta aprendizaxe. No Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela editamos e distribuímos no curso pasado a Unidade Didáctica da Opera Infantil “Brundibár”, de Hans Krasa, que representamos no Teatro Principal, unha guía moi útil elaborada polas profesoras Mercedes Blanco e Adela T. Maroño, que recomendamos para esta tarefa.

Na Deputación coruñesa, a proposta nosa, o Pleno aprobou a creación dun Premio de Paz, Convivencia e Dereitos Humanos que recoñecerá as iniciativas de todo tipo que promovan estes valores desde este ano de 2018

Na Deputación coruñesa, a proposta nosa, o Pleno aprobou a creación dun Premio de Paz, Convivencia e Dereitos Humanos que recoñecerá as iniciativas de todo tipo que promovan estes valores desde este ano de 2018.

E como celebración deste día, para animar a construír cidadanía democrática, pacífica e tolerante, en todo momento, na familia e na escola, no Concello de Santiago de Compostela faremos un acto conmemorativo coas tres escolas infantís municipais, un Pleno con alumnado do CEIP de Vite e un Concerto na Escola Municipal de Música, tamén para recoñecer a aquel profesorado que, diariamente, coa súa dedicación constante, fai, educa e aprende, na cultura de paz.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.