Por que falamos de ‘crise’ demográfica?

Aínda que é posíbel que a poboación mundial empece a decrecer contra o final do século, os humanos multiplicámonos por máis de seis nos últimos cen anos. Porén, disque estamos no medio dunha crise demográfica sen precedentes. Unha crise que desde Galiza non é nada fácil de ver, porque os nosos fillos nacen cunha esperanza de vida altísima, son ben tratados e van ser moito máis produtivos ca nós; e porque as mulleres poden por fin desfacerse do seu tradicional papel exclusivamente reprodutivo. Ao comezo do século XX, a nosa esperanza de vida apenas alcanzaba os trinta e poucos anos. Hoxe superamos os oitenta. Pero dá igual que a demografía demostrase repetidamente as súas limitacións á hora de predicir tendencias. E dá igual que as proxeccións demográficas varíen segundo quen sexa o seu autor. Hai algo en que todos coincidimos: Galiza morre.

A idea da hecatombe demográfica parece xa imposíbel de desterrar. Polo visto é irracional que deixásemos de ter fillos como antigamente, o cal nos leva dereitiños ao suicidio colectivo. A lexión de expertos que nos alertan da catástrofe demográfica non cultivan unicamente unha imaxe de preocupación patriótica. A maiores, moitos deles adoitan pontificar sobre a bondade moral da procreación. Teñen claro que a nosa existencia é positiva, como se a vida non fose unha experiencia dolorosa, como se non fósemos tan terribelmente destrutivos, tan capaces de nos ferir entre nós, de lles causar sufrimento aos animais, de degradarmos o medio. Pensemos por un momento a que padecementos quedan expostos os fillos que traemos ao mundo, ningún dos cales poderá evitar finalmente a dor da morte. A procreación é realmente virtuosa?

Pero volvamos á suposta crise. Se o planeta ten agora máis de 7.500 millóns de habitantes non é por unha suba da natalidade, senón grazas a un espectacular aumento da supervivencia. Neste contexto, os países máis ricos, como os europeos, resistímonos a aceptar que o noso futuro demográfico depende en boa medida da importación de poboación. Aos galegos, a maiores, cústanos centrarnos na necesidade de que retornen os nosos compatriotas emigrados. Este –e non o incremento da natalidade– é o verdadeiro desafío político do cambio demográfico. Sábeo moi ben o populismo xenófobo en auxe, que fomenta na cidadanía a sensación de ameaza identitaria, material e social.

Os poderes públicos, incluídos os das nosas democracias, pensan que poden condicionar as decisións persoais en materia de procreación. Seguen sen entender que as políticas demográficas teñen moitas posibilidades de fracasar. Pero a experiencia histórica é concluínte: as políticas públicas natalistas non incidiron no cambio demográfico que tivo lugar durante o século XX. Así que aínda está por ver que existan expertos capaces de propor medidas que cambien a demografía. Pola contra, si sobran políticos que, ao socairo deste obxectivo, argallan novas políticas regresivas en materia reprodutiva, familiar, social, laboral e migratoria. Porén, está claro que nos atopamos no medio dunha revolución demográfica que xa exhibe orgullosa o seu trofeo: a democratización da supervivencia, a modernización da estrutura poboacional. Daquela: a quen lle interesa o alarmismo imperante?

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.