Unha condena por abuso sexual. A Real Academia recolle o seguinte: Abuso sexual: 1. m. Der. Delito consistente na realización de actos atentatorios contra a liberdade sexual dunha persoa sen violencia ou intimidación.
Aténdome á definición anterior supoño que que cinco homes che pechen o paso na esquina dun portal non é intimidante. Cos seus metro oitenta de estatura e algúns deles con moita forza porque son Garda Civil e militar. Supoño que que te penetren pola boca, a vaxina e o ano felicitándose por tal fazaña porque eles son moi machos non é violencia. Que fagan todo isto sen preservativo, tampouco. Porque seguro que ela o quería. Vaia porca, seguro que ía por aí en minisaia e algo buscaría.
A violación desta muller obedeceu a esa cultura patriarcal. E a sentenza, tamén.
Evidentemente, como non houbo ningún tipo de violencia nin intimidación, deciden deixala tirada medio espida, dándose noxo a ela mesma mentres é capaz de percibir o cheiro corporal de cinco homes que lle tiraron do pelo e fórona pasando, inmobilizada pola cadeira, duns a outros como se fose unha boneca. Seguindo esta lóxica de que non houbo intimidación nin violencia quítanlle o móvil porque como ela o estaba pasando en grande pois para que non sexa todo festa. Dezaoito anos contra cinco homes que non xuntaron entre todos un ápice de humanidade ou empatía para parar a barbarie. Pero é que claro: eles son homes que fan o que lles peta e ela andaba por aí facendo o que non poden facer as mulleres: vivir libres. Tampouco quero esquecer que nese grupo de whatsapp da “Manada” había 21 homes que viron o que estaban facendo os seus colegas moi machos e a todos lles pareceu normal.
O certo é que a todos eses (homes, sobre todo) que se lles enche a boca dicindo que ela consentiu porque non se defendeu desexaríalles que estivesen nese mesmo portal con cinco homes que lles dobrasen a altura, o peso e a forza a punto de meterlla por onde se lles ocorrese. A ver que facían. Se defenderse ou evadirse a calquera outro sitio para ver se, polo menos, non che rompen os dentes…
Non entres en shock porque un xuíz non vai entender que non te defendeses ante cinco homes tamaño monovolume. O que igual si comprende é que eles interpretasen a túa pasividade como consentimento
O caso é que iso é un abuso sexual porque vivimos nun Estado no que a educación sexual é moi escasa e onde os adolescentes cubren este campo educativo co porno. Aos 21 homes pareceulles normal porque non se lles ensina aos homes que non se pode violar mulleres. Ensináronnos a nós a taparnos, a escondernos, a invisibilizarnos. Vivimos nun estado onde os adolescentes se educan a base de porno, de Torbe, de Santiago Segura, do maltratador do Betis ao que a grada apoiou, de “Piqué, Shakira es de todos”, dun porno onde a liberdade sexual é a dos homes mentres que a das mulleres vai ligada aos desexos masculinos. A cultura patriarcal está reflexada perfectamente no porno. Probade a ver uns cantos vídeos a ver en cantos hai violencia explícita contra a muller. Igual vos cae a cara de vergoña. E se, desde logo, para excitarvos precisades ver un vídeo dun grupo de homes humillando a unha muller en situación de inferioridade igual sodes vós quen tedes que facer unha fonda autocrítica e unha revisión do que significa que temos a metade da poboación mundial.
A violación desta muller obedeceu a esa cultura patriarcal. E a sentenza, tamén.
Total, que a partir de agora haberá que berrar moitísimo se alguén te quere violar. Berrar, morder, arañar, dar patadas, pechar as pernas e todo o que se che ocorra. E aínda así, se levabas minisaia e te deches un pico previamente cun dos violadores e, ademais, tras a violación fas vida normal pode que o teñas chungo tamén. O caso: non entres en shock porque un xuíz non vai entender que non te defendeses ante cinco homes tamaño monovolume. O que igual si comprende é que eles interpretasen a túa pasividade como consentimento. Non foi abuso, foi unha violación, estúpidos!