200 anos con Carlos Marx. 200 anos de loita de clases

Cumpriría 200 anos neste 5 de maio de 2018. Carlos Marx é, sen dúbida, un dos persoeiros máis influíntes da nosa historia recente

Cumpriría 200 anos neste 5 de maio de 2018. Carlos Marx é, sen dúbida, un dos persoeiros máis influíntes da nosa historia recente. Para ben e tamén para mal. Para quen asumimos a teoría de Marx aplicando os necesarios filtros téoricos para actualizar o seu pensamento, a data merecería maior relevo e maior presenza. Máis, se cabe, se pensamos que mesmo os seus detractores usan a súa bagaxe terminolóxica e conceptual. Mentres que os que se proclaman os seus partidarios, ás veces, actúan como meros adeptos sen ter lido ningunha das súas principais obras, sen ter actuado conforme ao método dialéctico. Sen manter a máis mínima coherencia programática e, por momentos, actuando conforme aos patróns do capital máis puro e duro. E Carlos Marx, de seguro abxuraría non só de todas estas actitudes, senón que rexeitaría a imposición de dogmas emocionais, irracionais e non argumentados.

Fronte a quen refuta as súas teses pensando que desacertou na súa análise do funcionamento do sistema capitalista, aplicamos o pensamento crítico para aproveitarmos os seus acertos e correxirmos as súas eivas

Fronte a quen refuta as súas teses pensando que desacertou na súa análise do funcionamento do sistema capitalista, aplicamos o pensamento crítico para aproveitarmos os seus acertos e correxirmos as súas eivas. Trátase de actualizar, non de ser revisionistas e caer no histrionismo teórico e metodolóxico proprio das mentes líquidacionistas que atesouran os idólatras de dereitas e de esquerdas do posmodernismo.

Marx introduciu nas páxinas do discurso filosófico, económico e político unha aparataxe conceptual que chega ate nós: acumulación, alienación, contradicións do capital, explotación, fetiche, loita de clases, materialismo histórico, medios de produción, plusvalía, proletariado, subsunción, valor de uso / valor de cambio, e un longo etcétera. Conceptos que posúen, na súa propria enunciación, unha poderosa forza de evocación que nos leva da tese á praxe e que obriga a quen participe do método dialéctico a non deixarse arrastrar polos dogmas de ningunha clase. Mais, como nos dixo un bo mestre, 'o saber está escrito, só compre ler e reflexionar'. E iso, hoxe, cando se vive baixo a nube neoliberal da dixitalización, cando todo se reduce á inmediatez e á explosión actitudinal, é algo que está lonxe de ser realidade. Por iso, unha das aprendizaxes máis importantes que extraemos da lectura de Marx é a necesidade de mantermos a coherencia entre a tese e a praxe e non enganar sobre os posibles e imposibles de calquera acción política.  

Unha das aprendizaxes máis importantes que extraemos da lectura de Marx é a necesidade de mantermos a coherencia entre a tese e a praxe e non enganar sobre os posibles e imposibles de calquera acción política

Por moito que se pense que Marx errou, o certo é que as principais conclusións de O Capital, cuxo primeiro volume se publica no ano 1867, ou as reflexións máis contundentes de O Manifesto comunista, elaborado conxuntamente con Federico Engels en 1848, e que cumpre 170 anos, unha vez confrontadas coa realidade que vive a clase traballadora hoxe, conduce a minimizar a suposta falta de acerto que se lle atribúe.

Son moitas e variadas as demostracións: a contínua formación e variabilidade do suxeito-precariado, a acelerada e constante degradación dos dereitos laborais e salariais, a acumulación por desposesión que describe maxistralmente David Harvey, o incremento da xornada laboral, as estratexias de flexibilidade laboral que estenden o horario e o lugar de traballo aí onde colle corpo a subxectividade da clase traballadora, isto é, ate os fogares ou restantes espazos que, antes, permanecían fóra da produción de plusvalía.

Introducen unha noción como imprinting para designar a xeración de plusvalía co traballo denominado gratuíto e complementar así a noción de explotación que introducía Marx a través da subsunción

Todo iso, en primeira instancia, obríganos a reler a obra de Marx con ollos críticos, tal como proceden os italianos Federico Chicchi, Emanuele Lombardi e Stefani Lucarelli, que introducen unha noción como imprinting para designar a xeración de plusvalía co traballo denominado gratuíto e complementar así a noción de explotación que introducía Marx a través da subsunción.

En efecto, é de máxima importancia incorporar a extracción de valor e a xeración de plusvalía que o capitalismo fai do eido das subxectividades para entender por que o capitalismo é hexemónico e domina todos os eidos da vida do ser humano. Os autores italianos acertan cando afirman que "a subxectividade é hoxe influenciada para producirse e reproducirse como unha empresa que debe actuar continuamente -para non quebrar- na sociedade-mercado de forma competitiva e performativa" (p. 32). Así, toda a riqueza social do eido reprodutivo transfórmase en valor de cambio. É o eido do traballo vivo non remunerado, o que se manifesta fóra do eido produtivo e asalariado, en definitiva, o traballo gratuíto. Un traballo que adquire varias facianas: desde o traballo doméstico ate o traballo voluntario, pasando polas plataformas de economía supostamente colaborativa. Un traballo que vive mergullado en dinámicas complexas de medo e suposta liberdade actuante.

A flexibilidade introduce o fogar na lóxica do mercado capitalista. Por iso, as normas recentes do capitalismo procuran vender que o traballo desde o fogar é beneficioso para as persoas cando é todo o contrario. Só é beneficioso para o capitalismo

O desprazamento do tempo-espazo de traballo ao tempo-espazo de non-traballo é practicado tanto polos adeptos ao sistema como por aqueles que din seren antisistema. Neste último caso, en demasiadas ocasións, de forma ilóxica. Por poñer un exemplo que consideramos paradigmático, cando estamos diante dunha pantalla de forma non creativa, senón para formalizar / entregar un traballo ou para aloxar contidos en redes sociais fóra do horario oficial recoñecido estamos entregando o plusvalor producido ao capital, favorécese así a acumulación. Non esquezamos que detrás de telefónica, de internet, e de todas as redes sociais flúe de forma pura o capitalismo cognitivo, ben alimentado pola publicidade. A flexibilidade introduce o fogar na lóxica do mercado capitalista. Por iso, as normas recentes do capitalismo procuran vender que o traballo desde o fogar é beneficioso para as persoas cando é todo o contrario. Só é beneficioso para o capitalismo. Tal como dixemos noutros momentos, a relación social que se establece entre un suxeito e unha plataforma de economía supostamente colaborativa é unha relación dominada pola filosofía competitiva do mercado capitalista. Por iso, ademais de non mentirse sobre os alcances das relacións dixitais, pensamos que unha reivindicación de esquerdas real sería non renunciar ás conquistas do pasado e non perder os límites da xornada laboral nin o seu espazo, tal como foron definidos na relación contractual, de existir. No fondo, ten moito que ver coa recente demanda de Jorge Moruno, cando di que toda revolución debe aspirar a unha reordenación e reparto do tempo de vida.

Cómpre superar as visións individualizantes e sectorais, que segregan os intereses de clase en nichos laborais, e unificar as demandas nunha única gran loita de clases para procurar a emancipación 

Estas circunstancias, que demostran a penetrabilidade do imaxinario capitalista, levan aos autores italianos a complementar a subsunción de Marx (onde se pacta entregar o traballo ao capital a cambio dun salario) co imprinting, disolven o límite que introduce o salario entre traballo e non-traballo, ou produtivo e reprodutivo. En efecto, non é esaxerado afirmar que todo é hoxe espazo xerador de plusvalor para o capital. Este aspecto é máis importante do que pode semellar: de lermos ben a actual sociedade e a súa relación co capitalismo tecnolóxico e financeiro, tamén chamado cognitivo, percibirémonos de que cómpre superar as visións individualizantes e sectorais, que segregan os intereses de clase en nichos laborais, e unificar as demandas nunha única gran loita de clases para procurar a emancipación. Eis a difícil utopía a construír, mais sen utopía non é posible a transformación. Unha transformación que debe entender as contradicións do capital e aproveitar as liñas de fuga e resistencias existentes para ir hexemonizando un novo modo de vida alternativo, diferente e máis xusto. Mais, para iso, cómpre ir mudando primeiro as formas que permiten a expansión do modo de vida capitalista nos diferentes parámetros culturais que converten os fogares en nichos de traballo gratuíto.

Para actualizar o pensamento de Marx, debemos introducir os acertos da crítica feminista

Ou tamén, para actualizar o pensamento de Marx, debemos introducir os acertos da crítica feminista que afonda no concepto de loita de clases ao mesmo tempo que achega ao pensamento de Marx a necesaria bagaxe da crítica feminista. Neste eido, resulta moi suxestivo o traballo crítico e reflexivo de Silvia Federici sobre a dependencia con respecto á institución salario. No fondo, cando Federici pide un salario para o traballo non remunerado dos fogares, remítenos ao imprinting, isto é, ao espazo reprodutivo onde se produce a extracción de plusvalía para o capital procedente do traballo gratuíto orixinado principalmente por mulleres: reivindica que remate o patriarcado do salario. No entanto, a contradición que asume a autora é que, para facelo, cómpre usar a mesma ferramenta que disciplina a toda a clase traballadora, o salario. A estudosa italiana sinala así que non hai eido da vida humana que escape ás normas básicas do capitalismo. Perde relevancia e forza a visión de Marx sobre os supostos beneficios da industrialización no avance da liberación do ser humano. O capitalismo xa non é tan só unha etapa no progreso histórico, é o modo de vida en que nos reproducimos.

Un Marx actualizado achéganos bagaxe teórica e conceptual para non sermos incongruentes e incoherentes coa nosa praxe. O debate permitiranos establecer mellor os posibles mecanismos de resistencia que deben erosionar o capital, ao mesmo tempo que melloran a vida das persoas

En definitiva, cando se manifeste a clase traballadora o 1º de maio deste 2018, debera ter en conta as ensinanzas máis proveitosas de Marx. E deberan considerar que  non hai discusión que sexa estéril se conduce a superar departamentos estancos. Debates que deben ir máis aló dos simples edulcoramentos do pensamento correcto que só levan a unha atrofia epistemolóxica e á parálise actitudinal.  Un Marx actualizado achéganos bagaxe teórica e conceptual para non sermos incongruentes e incoherentes coa nosa praxe. O debate permitiranos establecer mellor os posibles mecanismos de resistencia que deben erosionar o capital, ao mesmo tempo que melloran a vida das persoas no camiño que debería levarnos ao socialismo. Marx ensinounos que a historia da Humanidade é un proceso de loita de clases para emanciparse e liberarse da explotación. E iso, o 5 de maio de 2018 debera ser moi recordado, xa que aínda queda todo por facer.

Referencias bibliográficas

Chicchi, Federico / Leonardi, Emanuelle / Lucarelli, Stefano (2018), Más allá del salario. Lógicas de la explotación, Madrid: Enclave de libros.
Federici, Silvia (2018), El patriarcado del salario. Críticas feministas al marxismo, Madrid: Traficantes de sueños.
Moruno, Jorge (2018), No tengo tiempo. Geografías de la precariedad, Madrid: Akal.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.