0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

Neda, vangarda da literatura universal

Neda, ao fondo da Ría de Ferrol, camiño inglés a Compostela, cunha bifurcación a San Andrés de Teixido, lugares milagreiros de romaxe. Neda cos restos do Hospital dos Peregrinos, e a Torre do Reloxo de 1785, na Rúa Real, non quere perder o contacto humanista e universal. Nada mellor que a Literatura para seguir mantendo esa relación.

Casa das Palmeiras, fermosa casa indiana do s.XIX, pedra rosada, moderna solaina de ferro e portas de nobre madeira ben conservadas. Casa de mariños cun periscopio a altura dos ollos para esculcar os visitantes que peten na porta. Na planta baixa, a carón da lareira e o fregadoiro de vedra pedra, distribúen as cadeiras para escoitar falar de Cortazar, de Mary W. Shelley, de Bob Dylan (celebrado en Neda antes que co Nobel). Durante dezaseis anos, 8 autoras e 8 autores, viaxaron desde diferentes continentes a Neda, recibidos polo Club de Lectura Pantasmas de Papel, do IES Fernando Esquío, trobador medieval, habitante da zona.

Estivera hai anos nesa suxestiva casa, un 8 de Marzo falando de Feminismo, que neste curioso pobo, de todo queren saber.  Este venres, 27 de abril, volvín á Casa das Palmeiras, para falar de Marguerite Yourcenar, a  ilustre escritora belga, de lingua francesa, primeira muller que ingresa na restrinxida e masculina Academie Française.  

Cando me chamou por teléfono Manuel P. Grueiro para invitarme a dar unha conferencia sobre Marguerite Yourcenar, en Neda, quedei asombrada. Como se interesaban por esta gran escritora nun pobo galego de pouco máis de 5 mil habitantes? Por que quererían coñecer unha humanista e racionalista que non dubido en situar no cume do pensamento do S.XX? Maior foi a sorpresa cando souben que cada ano, arredor do día do libro, celebran unha Xornadas Literarias centradas nunha gran figura literaria universal.

O promotor de ditas xornadas é Manuel P. Grueiro, bibliotecario recentemente xubilado, cun compromiso cultural e unha entrega na que participa Natividad Villaamil, Copi, colaboradora nos proxectos culturais, preferentemente o das Xornadas Literarias, ás que contribúe o Concello de Neda, a Diputación e a Universidade de A Coruña.   

Ademais de configurar a escritora, quixen introducir algúns dos temas tratados e a sólida arquitectura intelectual con que fortifica os conceptos fundamentais. Unha estética en función da ética.

Para iso, nada mellor que recorrer as miñas traducións da admirada autora ao galego: a novela de M.Yourcenar que traducín ao galego, e publiquei no ano 2002, na Colección As Literatas, de E.Xerais: Ana, Soror… , onde Yourcenar trata un tema arriscado, o do incesto, símbolo de todas as paixóns sexuais, tanto máis violentas canto máis reprimidas, máis castigadas e máis ocultas”, situado na Nápoles e Sicilia españolas da época da Contrarreforma, cunha relixiosidade asfixiante. Neste ambiente prodúcese a atracción e a paixón amorosa entre os irmáns, Ana e Miguel, fillos do gobernador de Nápoles. Escrita con sensibilidade e discreción exquisitas, e o profundo coñecemento que ten a autora de todo o humano.

Tamén puiden ler anacos do conto, A primeira noite, onde domina o tema da perda da virxindade na noite de vodas dunha mociña, destinada a ser degradada e rexeitada polo mesmo home que lle vai retirar o candor, o valor fundamental que ten aos seus ollos. Tema este tamén tratado por Rosalía de Castro en Lieders.

Conto azul, no que a autora critica a avaricia, e Maleficio, onde reflexiona sobre a superstición, completan os tres contos que traducín de Marguerite Yourcenar que, esta vez, publica no ano 1997, Edicións Laiovento.

Un pracer falar de M. Yourcenar nas Xornadas Literarias de Neda, algo que toda Galicia debera coñecer e imitar.

Publicidade

Acerca de María Xosé Queizán