0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

A estafa das débedas (II)

“Non podemos ter unha débeda de mais de 700.000 millóns de euros (….) cando chegue ao goberno unha das miñas prioridades será reducila débeda pública”  (Mariano Rajoy, 2011)

Segundo os datos oficiais, a débeda pública española está, febreiro do 2018, nos 1,15 billóns de euros que equivalen ao 99% do PIB, máximo histórico. Unha débeda que cando estourou a crise (2008) situábase no 39,5% do PIB (0,45 billóns de euros), o que nos mostra que durante todo este tempo tivo un incremento do 160% (0,70 billóns de euros). Si agora  tomamos como referencia o ano 2011, data da chegada de Mariano Rajoy ao Palacio da Moncloa, cando a débeda estaba nos 0,75 billóns de euros equivalentes ao 69,5% do PIB, o incremento neste período foi, xa que logo, de 0,40 billóns de euros (155%).

Que está pasando para que se produza tal incremento da débeda pública española?. En primeiro lugar, cómpre deixar ben claro que cando estourou a crise financeira, incluso nos anos inmediatamente posteriores, esta débeda nin era excesiva nin moito menos perigosa. De feito no ano 2010 a débeda pública española (60% do PIB) seguía sendo das mais baixas da eurozona cuxa media estaba no 85% do PIB (Francia: 82%, Alemaña: 83%,  Italia: 119%, Portugal: 93%, Grecia: 143%). Por eses anos a débeda pública española non era, xa que logo, nin un problema macroeconómico nin político.

En segundo lugar, hai que lembrar que as débedas públicas derivan dos déficits públicos quen a súa vez dependen dos ingresos e os gastos públicos. Un déficit público que no caso de España disparouse a partires do ano 2007 (+1,92, superávit), con valores que pasaron do -4,5% do PIB (2008) a valores próximos ao -10% (2009-2012) para logo baixar a porcentaxes do -5/-6% do PIB (2012-2016). Velaí as razóns macroeconómicas que explican o seu imparable crecemento (39,5% do PIB no ano 2008,  69,5% no 2011, 98,3% no 2017): os continuos déficits públicos.

Déficits públicos derivados non tanto de incrementos no gasto público como, moi especialmente, de caídas nos ingresos públicos. En relación ao gasto público destacar que dende que estourara a crise financeira (41,2% do PIB en 2008)  aquel tivo un relativo ascenso  (45% do PIB en 2014), para logo volver aos valores previos a crise (41,0% no 2017). Valores que confirman que o gasto público en España mantense en todo momento entre os mais baixos da Unión Europea (46% de media do conxunto, Francia: 56,5%, Alamana: 44%, Italia: 49%, Portugal: 46%). Valores que nembargante nin xustifican os incrementos habidos do déficit nin moito menos que a débeda pública se disparara de tal maneira.

En relación aos ingresos públicos sinalar que durante a grande recesión tiveron unha caída media anual do 8%. Uns ingresos públicos (41% do PIB) que, dadas as características do sistema fiscal español, sempre se moveron moi por baixo das autenticas potencialidades da economía quedando así entre os mais baixos da Unión Europea (45%). A grande depresión so veu a acentuar un problema fiscal sistémico: España ten unha presión fiscal (33,5% do PIB) que está bastante lonxe da media europea (Eurozona: 40,2%, UE28: 39%).

Volvendo ao gasto público resulta evidente que o seu  ascenso (2009-2014) derivou tanto dun aumento no gasto en desemprego (+200%), froito de que por mor das políticas austericidas se disparara o mesmo (pasou do 8% ao 21%), como do gasto destinado ao rescate bancario (10% do PIB) e o gasto orixinado polos pagos debidos aos servizos da débeda pública  (25% do PIB). Non menos relevancia tiveron os incrementos provocados polos mecanismos de axuda ao sector financeiro creados a maiores –amais do rescate- (compra de activos tóxicos: 20.000 millóns de euros, plan de avais: ata 100.000 millóns de euros…) e que foron posible grazas a o endebedamento do estado español. Débeda privada (bancaria) que se transformou, por mor do poder da banca, en débeda de todos (pública). Unha estafa mais.

A importante caída dos ingresos públicos ven ocasionada polo desplume dos ingresos tributarios producidos dende 2008 (-13%) que provocaron tanto o crecemento do desemprego, como a caída dos salarios e do consumo como a creba de miles de pequenas e medianas empresas. Impacto superior que se explica polas características do sistema fiscal español, un sistema ineficiente e inxusto, que se apoia fundamentalmente nas rendas das clases traballadoras (o 85% dos ingresos por IRPF, o imposto mais relevante, procede das rendas do traballo) e non nas rendas de capital quen teñen un trato de privilexio. Un sistema fiscal que, ademais, ten un grave  problema de fraude (a economía somerxida sitúase en cifras próximas ao 25% do PIB), nunha maior parte procedente das grandes empresas y fortunas, e que aínda se fixo maior durante a grande recesión.

A debilidade dos ingresos públicos ordinarios leva a que para financiarse estados como España acudan con maior frecuencia a débeda pública. En realidade trátase dunha opción política: o goberno español para incrementalos ingresos públicos prefire acudir ao endebedamento en vez de afrontar a  necesaria reforma fiscal tal que nos sitúe nos niveis medios europeos, o que permitiría de inmediato un incremento mais que notable dos ingresos fiscais (so con situar  a fraude no nivel medio europeo recadaríanse 40.000 millóns de euros adicionais cada ano). A explicación está en que dita reforma, como sinalamos, tería que afectar maiormente as rendas altas algo que este goberno de M. Rajoy e C. Montoro non está disposto a facer por razóns obvias: intereses de clase.

Pero a opción de endebedarse ten enormes custos. Coa creación da eurozona, tal e como quedara escrito en pedra no tratado de Maastrich, os estados europeos que a integran perderon soberanía monetaria e deixaron de ter (como por caso os Estados Unidos, Gran Bretaña, Xapón, China, etc.) bancos centrais que lle prestaran diñeiro. Agora (Capitulo II. Tratado Constitutivo da Comunidade Europea) é o Banco Central Europeo quen presta diñeiro pero a banca privada, quen con ese diñeiro compra débeda pública, claro que a xuros mais altos. Unha realidade que mete aos estados nunha crecente espiral debedora. Unha proba témola en que, a pesares dos fortes recortes no gasto público –os mais elevados do período democrático- que posibilitaron unha baixa relativa do déficit público (do -11% do PIB no 2009 ao -4,5% no 2016) a débeda pública española disparouse (do 53% do PIB ao 99%). A principal razón hai que buscala no custo dos servizos da débeda (a pesar da famosa “expansión cuantitativa” do BCE): dende que estourou a crise (2008) o custo desta partida para España incrementouse en mais dun 65% de tal xeito que a factura xa supera os 250.000 millóns de euros (25% PIB), cantidade equivalente a dúas veces os recortes habidos no gasto social. Pagos que explican como na actualidade por cada 100 euros de débeda pública acumulada mais do 60 euros corresponden a uns xuros cuxo pago (2016) xa representa o 9,5% do gasto total (5,3% en 2008). E a factura segue subindo: España paga cada vez mais pola débeda sen por elo evitar que esta siga medrando!.

Velaí outra grande estafa: se España non tivera que pagar tales xuros (que o BCE fora un autentico banco central e non un lobby da grande banca europea como é realmente) a débeda pública española sería perfectamente sostible.

Así de claro.

Publicidade

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista