Unha literatura moralizante

Non se pode negar que de todo texto literario se pode tirar unha leitura moral, pois os humanos xulgamos dende os nosos principios morais e éticos, tan variados coma as impresións dixitais, calquera comportamento. Mais na literatura actual non é difícil atopar argumentos onde prima o carácter moralizador, especialmente baseado no que adoita denominarse “corrección política”, sobre calquera outro contido, especialmente na dirixida aos leitores infantís e xuvenís: xorden así animaliños ou rapaces solidarios, que axudan e toman conciencia de problemas sociais e medioambientais, a pesar de estaren na idade de xogar e descubrir o seu entorno sen máis preocupación ca o propio gozo e interese; rapazas que deciden ser elas as heroínas nunha aventura, aínda que vivan nun tempo onde tal opción sería imposíbel; ou colectivos que procuran o ben da humanidade como se fosen unha soa persoa, sen disensións nin egoísmos –tan humanos eles–, soamente co sacrificio como meta.

Certo é que sempre a literatura dirixida aos menores tivo un carácter moralizante e formador, mais o “infantilismo social” imperante fixo que unha gran parte da literatura para adultos siga os mesmos parámetros, disfrazados coa escusa de dar voz a colectivos silenciados ou oprimidos: mulleres, especialmente se son feministas; homosexuais en todas as variantes posíbeis; minorías relixiosas e raciais, aínda que moitas veces non sexan tales etc. Hai unha invasión tal de ideoloxía do “boísmo” que semella que calquera desviación deste novo “pensamento único” é unha intolerábel defensa da vella orde patriarcal e do despotismo ou da inxustiza social en que viviron os nosos predecesores –e ende mal aínda viven na maior parte do  mundo–.

Hoxe parece improbábel escribir, e seguramente aínda máis publicar, un libro protagonizado por mulleres sen conciencia feminista, malia que a maioría das mulleres do mundo vivan, asuman e non poucas mesmo defendan a sociedade machista que as discrimina; ou un protagonizado por desfavorecidos sen reivindicacións sociais, a pesar de que a maioría da xente, inclusive na nosa bastante concienciada sociedade occidental, aspira primordialmente ao ascenso social e o seu benestar material; ou un protagonizado por persoas non brancas que non incidan no carácter racista da sociedade occidental, aínda que esta lles permitira acadar unha posición inimaxinábel no seu país de orixe ou dos seus maiores etc.

Tamén abundan as narracións con ideas contemporáneas nas bocas e conciencias de personaxes de épocas pasadas ou inclusive remotas sen que este incuestionábel anacronismo pase factura aos ollos da crítica –ende mal, moitas veces máis militante ca crítica–; e así mesmo son lexión as narracións que pretenden reescribir a historia, non interpretala dende un punto de vista diferente ao canónico, senón simplemente modificala para que cadre coa ideoloxía do autor, ou tamén contar supostos feitos ocultados pola historiografía oficial para dar protagonismo a personaxes que xamais puideran ter tal oportunidade –de feito existe o termo historia-ficción para tal subxénero– etc. Semella que unha parte importante dos escritores renunciaran a reflectir o mundo auténtico –por moitas interpretacións que se poidan facer do mundo–, actual ou pasado, á hora de contar unha historia ambientada no noso mundo real.

Así e todo, é ben certo que esta ideoloxía do politicamente correcto que pretende educar dentro dos textos narrativos é tan vella coma a propia literatura, pois toda época e cultura coñeceron –e sofreron– a “literatura edificante”, que na nosa sociedade occidental estivo dirixida a impoñer a moralidade cristiá, sempre máis preocupada por formar ca por contar ou entreter.

Mais o peor é a intolerancia que vai unida a esta moralidade combativa que propaga a crítica e mesmo a prohibición de todo texto que non siga os postulados da nova moral, non soamente nos novos senón mesmo cuestionando os vellos, como propagadores de moralidades perniciosas e malévolas. Apareceu o revisionismo literario e comezan a abundar os artigos atacando obras e autores clásicos polas súas mensaxes equívocas, coma se os textos literarios debesen ser asemade manuais de ensinanza moral e costumes sans e non un produto, máis ou menos afortunado, do seu tempo: Pío Baroja (acusado de fascismo e antisemitismo), Roald Dahl (acusado de antisemitismo), T.S. Eliot (acusado de antisemitismo), S. Freud (acusado de misoxinia), D.H. Lawrence (acusado de misoxinia), H.P. Lovecraft (acusado de misoxinia e racismo), Henry Miller (acusado de obscenidade), V. Nabokov (acusado de pederastia pola súa obra “Lolita”) F. Nietzsche (acusado de misoxinia), Ezra Pound (acusado de fascismo), Voltaire (acusado de antisemitismo), Edith Wharton (acusada de antisemitismo), etc.

Que todas as acusacións sexan certas non debería quitar valor ás súas obras, pois é ben certo que a literatura abunda en escritores excelentes que foron persoas execrábeis, e en realidade sería moitísimo máis breve facer unha relación de escritores sen actitudes ou comentarios desafortunados –onde seguro non se poría nome ningún–, porque como todos sabemos errar é de humanos. Ademais o fanatismo moralizador e revisionista chegou mesmo a modificar obras antigas no seu afán benpensante, así os “Dez negriños” de Agatha Christie debeu mudar o seu título orixinal “Ten little niggers”, tirado dunha canción infantil, por “And then there were none”, por mor do carácter despectivo da palabra “nigger”.

Na nosa literatura o conto “Chegou das Américas” de Castelao, protagonizado por un negriño que se cría en Galiza como un galego máis ata que ten de emigrar, seguramente podería ser acusado de racismo a pesar de que o que argumenta é xustamente o contrario. Hoxe a palabra “negro” como designación racial está socialmente banida e no Novo Mundo substituíuse por “afroamericano” e no Vello por “subsahariano” en Europa, “drávida” na India ou “aborixe” en Australia, sen que isto modifique, en moitos lugares, a discriminación racial. Tal como vai a cousa non me estrañaría que se modificase a “Declaración universal de dereitos humanos” onde expresamente se indica a raza ou a cor como diferenzas nos humanos que non se poden usar como motivos de discriminación.

Acontece o mesmo con calquera outra palabra que poida ser considerada discriminatoria por calquera colectivo social, así xa non se fala de “gordos” senón de “persoas con sobrepeso”; de “cegos” senón de “invidentes” ou “discapacitados visuais”; de “ananos” senón de “persoas de baixa estatura”; tampouco de “tolos” nin “cretinos e idiotas”, estas últimas palabras outrora usadas como termos médicos para indicar distintos graos de “anormalidade racional”, senón de “discapacitados psíquicos ou intelectuais”; nin de “tolleitos” senón de “minusválidos físicos”; mais o que se recomenda hoxe non quita que alguén decida que visto que “discapacitado” significa “sen capacidade” e que “minusválido” significa “con menos validez” tamén haxa que desterrar estas palabras por estigmatizantes, como antes pasou con “subnormal” ou “retrasado mental”, usadas no seu momento como denominacións non discriminatorias. Grazas a isto o noso léxico énchese de eufemismos hipócritas que non mudan no fondo a valoración ou o trato das persoas afectadas, soamente camuflan o tratamento.

Nesta nova “caza de bruxas” Internet é ferramenta imprescindíbel e grazas a ela existen numerosas listas de escritores reprobábeis, como a dos escritores machistas: en esencia a inmensa maioría dos escritores masculinos anteriores á aparición do feminismo e todos os posteriores que non defendan expresamente esta ideoloxía; de escritores homófobos: basicamente todos os que sigan a doutrina cristiá ou de calquera outra relixión –no pasado todos por imperativo vital–, amais dos heterosexuais furibundos da actualidade; de escritores totalitaristas: os que comunguen con algunha das ideoloxías sociais dos últimos séculos, que sempre acaban resumidas en que unha minoría manda e unha maioría obedece; de escritores elitistas: existe algún escritor que non se crea especial?; de escritores racistas: a inmensa maioría dos escritores brancos –con maior ou menor dose de hipocrisía– e gran parte dos escritores non brancos, sobre todo, os que adoptan os idiomas europeos porque as súas linguas nativas non valen; etc. No entanto, convén non esquecer que tras a lexítima “crítica” –e que nunca falte–, a miúdo aflora, cando se teñen os medios, as inicuas “censura” e “prohibición”.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.