Tribuna remitida pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Estimado director:
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección escénica, envíalle esta carta para tentar rescatalo da sempre atrevida e indecente ignorancia. A portada da súa cabeceira de onte, martes 7 de agosto, na que lembraron a Ernesto Chao constitúe, ademais dunha lamentable falta de respecto, un golpe ao rigor informativo ao tempo que un fraco favor ao necesario labor xornalístico.
Tal e como lle fixemos chegar á redacción a través dun comunicado de prensa para amosar o noso pesar pola marcha do noso compañeiro, lembrámoslle agora a longa e frutífera traxectoria profesional de Ernesto Chao. Unha traxectoria que se iniciou cando todo estaba aínda por inventar, a finais dos sesenta, tempo no que -xunto a outros moitos compañeiros e compañeiras- impulsou a Asociación Cultural Abrente e puxo en marcha tanto as históricas Mostras de Ribadavia coma o grupo de teatro Abrente. Posteriormente, participou na creación de Artello, unha das primeiras formacións profesionais do sector escénico galego. Xa na década dos oitenta, implicouse na creación do Centro Dramático Galego, institución que dirixiu en dúas temporadas, ou na fundación desta Asociación. Dese xeito, puxéronse as bases fundamentais para a profesionalización da interpretación en Galicia.
Dende aquela até hoxe, Ernesto construíu unha carreira de recoñecido prestixio, participando en máis dunha trintena de espectáculos teatrais de grande éxito coas principais compañías galegas, incluíndo Lagarta, Lagarta, que fundou xunto a súa parella, a actriz e directora Rosa Álvarez. No apartado audiovisual, participou en incontables producións televisivas e cinematográficas. A profesión, a crítica e o público recoñeceron o seu labor con diferentes galardóns, incluíndo o Premio María Casares á mellor interpretación masculina, o Premio Chano Piñeiro, o Premio de Honra Fernando Rey ou, como ben lembrará, dous dos desaparecidos Premios Compostela.
Sen persoas comprometidas como Ernesto Chao non existiría esta a nosa profesión. Tampouco o sector teatral nin o audiovisual galego
E até aquí o resumo urxente, a biografía apurada. Con ela, queremos transmitirlle a realidade: sen persoas comprometidas como Ernesto Chao non existiría esta a nosa profesión. Tampouco o sector teatral nin o audiovisual galego. Por suposto, tampouco sería a mesma a ficción televisiva. É dicir, EL CORREO débelle, ao igual que todos e todas nós, moito a Ernesto Chao.
Aproveitamos esta carta, ademais, para transmitirlle o enorme malestar -só comparable na súa magnitude á inmensa incredulidade- que espertou na nosa profesión e na sociedade a citada portada, a cal só podemos definir, sendo mornos, como desafortunada, irrespectuosa e ofensiva. Ao tempo, consideramos que tal portada só implica desprestixio para a profesión xornalística en xeral e para súa cabeceira en particular, cuestionada xa por determinados tratamentos informativos e pola difícil situación que atravesa o seu cadro de traballadores e traballadoras, minguado en número nos últimos tempos.
Pretendemos que esta carta sirva, máis alá de transmitirlle a nosa evidente repulsa e o noso malestar, como un convite para a reflexión. Agardamos que portadas coma esta queden relegadas ao esquecemento, alí onde nunca estivo nin estará o noso compañeiro Ernesto Chao. Con ese obxectivo, enviámoslle esta misiva que faremos pública a través das redes sociais, na nosa páxina web e co posterior envío aos medios de comunicación.
Reciba un cordial saúdo,
Xunta Directiva da AAAG.