Nos beizos dos nenos

Hai anos que non leo La Voz de Galicia. Non me entusiasman os cancros en xeral. Con todo, o outro día púxenme a ler un artigo, engaiolado polo simple dramatismo morboso do seu título.

Non creo que sexa casualidade que moitos artigos na liña da necrolóxica, apoloxía ou lamento no tocante ao galego se publiquen en La Voz, un medio que segue vivo grazas ás subvencións que deberían axudar a aqueles xornais en galego que quedaron estrangulados a partir do 2009

O artigo trataba da suposta morte do idioma galego. Estaba ben escrito, pero non aportou nada novo ao problema de resolver o problema sociolingüístico de Galiza. Daquela, para que publicalo? Todos somos conscientes do perigo que corre o idioma galego. Non fan falla máis necrolóxicas expoñendo o que xa é patentemente obvio ou predicando a apocalipse posible. O que si necesitamos son máis propostas de solucións. Pensamentos en público que pretendan aportar unha saída do labirinto. A seguir, debates sobre estas propostas. E logo actuar tanto individual como colectivamente. Co obxectivo de atopar un consenso e non para marcar territorios ou ir de ideólogos. Propoño, entón, unha moratoria sobre esas crónicas dunha morte xa máis que anunciada. Por seren, no mellor dos casos, inútiles e contraproducentes.

Non creo que sexa casualidade que moitos artigos na liña da necrolóxica, apoloxía ou lamento no tocante ao galego se publiquen en La Voz, un medio que segue vivo grazas ás subvencións que deberían axudar a aqueles xornais en galego que quedaron estrangulados a partir do 2009. Cómpre matinar sobre o motivo. Para desmoralizar? Para mostrar que o galego é supostamente cada vez máis inútil? Son os mesmos autores dos devanditos artigos conscientes desta “casualidade”? Sexa a resposta “si” ou “non”, non deixa de ser problemática...

Podemos convencer ás persoas que escriben en La Voz para que deixen de colaborar co xornal? Ou se non, poderían esas persoas doar o seu pago polos seus artigos a iniciativas tipo medios de comunicación independentes en galego?

Daquela, velaquí unha proposta decente ou indecente, segundo quen sexa o lector: podemos convencer ás persoas que escriben en La Voz para que deixen de colaborar co xornal? Ou se non, poderían esas persoas doar o seu pago polos seus artigos a iniciativas tipo medios de comunicación independentes en galego? Non creo que esteamos a pedir moito, dada a profunda incoherencia de ser ou querer aparentar ser un defensor ou unha defensora do idioma ao mesmo tempo de colaborar, paradoxalmente, cos mesmos axentes que son responsables do acelerado paso do seu declive.

Contra o lingüicidio, activismo. Contra o colaboracionismo, coherencia. Contra a duplicidade, ética

Que ben viven tantos da morte xestionada do idioma galego. Pero somos máis os que arelamos a sobrevivencia e boa saúde da lingua que é o sentir en tantos sentidos da nosa vida. Contra o lingüicidio, activismo. Contra o colaboracionismo, coherencia. Contra a duplicidade, ética. E contra os obituarios por un cantar que aínda escoitamos nos beizos dos nenos, solucións.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.