Onde está a decencia?

O problema de “Billy el niño”, recoñecido torturador franquista, para min non é tanto que alguén o invitase ao festexo celebrado na comisaria de policía do distrito da Ciudad Lineal de Madrid en honor do seu patrón, pois un pode pensar que algún fascista nostálxico das barbaridades desta besta aínda podería quedar, se non que o que sobre todo me alucina é que o personaxe acudise tan tranquilo e departise co cento de invitados -onde supoño habería numerosos polícías, ademais de empresarios, cargos importantes, cidadáns de pro, posiblemente algúen da igrexa- conversa, petiscos e viño, nun acto distendido, entretido e amigable  sen a máis mínima vergoña, como un “cidadán libre”  como o definiu, sen ruborizarse tamén, a portavoz do goberno español Isabel Celaa.

Mentres xente como “Billy el niño” ande pola vida impasible o ademán  lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando como dicía Machado

Suponse que en calquera sociedade normalizada que sufrise os horrores dunha ditadura e fose consciente deles, do sufrimento que padeceron tantos diante a inmunidade dunhas forzas que os aterrorizaron con mortes, càrceres, e torturas, non se concebiría que os causantes e participantes nesa barbarie aínda vivos tivesen a desvergoña de saír á rúa e asistisen a un evento social para máis inri organizado oficialmente, porque  nunha sociedade decente os mesmos invitados coa a súa actitude ante tal presencia converteríanse nuns acusadores implacables difíciles de soportar e  mesmo botaríano de inmediato. Porén neste caso non pasou nada, todos e todas aceptaron benfeitora e  alegremente nesta festividade a este home minguante. Esa é a cuestión, ao parecer estaba como na súa casa.

Este feito demóstranos que non estamos nunha sociedade normalizada, é dicir decente. Os piares dunha sociedade decente son fundamentalmente a xustiza, a honradez e a dignidade. E  aquí ocorre que  unha  parte da nosa sociedade non se entera de nada, outra parte non lle importa nada do que se entera, outra parte entérase por uns medios leidos ou escoitados ao dereito cando hai que facelo ao revés,  outra parte xa está de acordo coa indecencia, e a pouca parte normalizada que queda clama o deserto. Mentres xente como “Billy el niño” ande pola vida impasible o ademán  lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando como dicía Machado.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.