O perigo das falsas amizades

En Lingüística denomínase “falso amigo” á palabra dunha lingua que é igual ou parecida a outra doutro idioma, quer na pronuncia, quer na escrita, pro cuxos significados son diferentes. A maioría das veces ese parecido provén de teren ámbalas palabras unha mesma orixe etimolóxica, mais a evolución en cadanseu idioma fixo que derivasen en significados distintos: gl. carreira e oc. carrièra (rúa), gl. carreiro e ct. carrer (rúa), gl. débil e fr. débile (insensato), gl. doente e ct./oc. dolent (mao), gl. dona e ct. dona (muller), gl. femia e fr. femme/oc. femna (muller), gl. gustar/gostar e it. gustare (probar), gl. hostal e oc. ostal (casa), gl. lume e ct. llum/oc. lum (luz), gl. milagre e ct. mirall/ar. mirallo (espello), gl. montar e fr. monter (subir), gl. poxar e ct. pujar (subir), gl. raro e fr. rare (escaso), gl. saír e fr. salir (lixar) e it. salire (subir) etc.

O problema particular do noso idioma é cando os falsos amigos do castelán pasan ao galego, converténdose en castelanismos semánticos, que ben usurpan os significados orixinais, ben engaden innecesarios sinónimos

Noutras ocasións, as menos, trátase simplemente dunha mera coincidencia fonética ou gráfica entre as dúas linguas empregadas, por exemplo (palabra foránea – tradución galega pro palabra similar galega – tradución foránea): año (castelán) – ano (galego) pro año (gl.) – cordero (es.), burro (italiano) – manteiga (gl.) pro burro (gl.) – asino (it.), cama (catalán) – perna (gl.) pro cama (gl.) – llit (ct.), lupa (it.) – loba (gl.) pro lupa (gl.) – lente d’ingrandimento (it.), manche (francés) – manga (gl.) pro mancha (gl.) – tache/souillure (fr.), montone (it.) – carneiro (gl.) pro montón (gl.) – mucchio (it.), niño (es.) – neno (gl.) pro niño (gl.) – nido (es.), pau (ct.) – paz (gl.) pro pau (gl.) – pal (ct.), sable (fr.) – area (gl.) pro sabre (gl.) – sabre (fr.) –nótese o gl. xabre = area grosa–, subir (fr. e it.) – sofrer/soportar (gl.) pro subir (gl.) – monter (fr.) e salire (it.), tor (alemán) – porta (grande) (gl.) pro torre (gl.) – turm (al.) etc.

Son ben coñecidos os falsos amigos que a lingua inglesa leva consigo prós falantes de linguas romances, pois aínda que tamén proceden do latín teñen significados diferentes ós da maioría destes idiomas, así: abstract (resumo) diferente de abstracto, actual (real, verdadeiro) diferente de actual, american (estadounidense) diferente de americano –pra este concepto úsase a expresión: person from the Americas–, apology (desculpa) diferente de apoloxía, arm (brazo) diferente de arma, cult (seita) diferente de culto pro sect (culto) diferente de seita, exit (saída) diferente de éxito –para este concepto úsase “sucess” coma no portugués: sucesso–, genial (amábel) diferente de xenial, large (grande) diferente de largo, library (biblioteca) diferente de libraría, mark (mancha, pegada) diferente de marca, misery (sofremento, pena) diferente de miseria, morose (xardesco, taciturno) diferente de moroso, sensible (asisado) diferente de sensíbel etc.

E por lóxica son abundantes os falsos amigos que hai entre os idiomas dun mesmo grupo lingüístico, no noso caso o das linguas romances, na maioría dos casos por unha evolución diverxente do significado dende o étimo latino, nunha ou en ámbalas linguas comparadas. Por tanto, é unha mera cuestión de aprendizaxe do correcto significado destas palabras tan semellantes ás nosas cando as lemos ou escoitamos. O problema particular do noso idioma é cando os falsos amigos do castelán pasan ao galego, converténdose en castelanismos semánticos, que ben usurpan os significados orixinais, ben engaden innecesarios sinónimos. Esta perversión tamén incide no galego literario, supostamente moitísimo máis coidado có oral, segundo comprobo decontino nas miñas leituras. Velaquí algúns exemplos:

O castelán “arroyo” comparte orixe co galego “arroio” pro os seus significados, aínda que próximos, non son iguais: a forma castelá é “un regueiro ou regato con auga case continua”, mentres que a galega é “un regato non permanente formado polas chuvias”, mais a forma galega aparece moitas veces co significado castelan, é dicir, como sinónimo de “regato” ou “regueiro”.

A “caña” castelá desprazou na práctica o coloquialismo galego de igual forma pro de significado diferente: a palabra galega designa “a augardente” mentres que a castelá denomina “un vaso (cónico, alto e estreito) de cervexa”. Por isto quen pedía antano unha caña nun bar, pedía “un vaso de augardente” pro hoxe pide “un vaso de cervexa”.
Galego e castelán comparten o substantivo “grado”, do latín “gratus”, cos significados de “vontade ou gusto” segundo o contexto, mais o castelán tamén ten outro “grado”, do latín “gradus”, pra indicar “nivel ou rango”, onde o galego ten a palabra “grao” prós mesmos significados. A semellanza do castelán fai que moitos falantes usen o “grado” castelán onde deberían empregar o “grao” galego.

O verbo “pinchar” ten nidios signifocados diferentes en galego e castelán. En galego ten tres significados: abater unha árbore polo pé, saltar por riba de algo, e dar saltos; mentres que a forma castelá tradúcese ao galego por “picar”. Con todo, o significado castelán cóase no galego producindo un falso sinónimo de “picar”.

O coloquialismo castelán “polvo”, como sinónimo de “coito”, falso amigo absoluto do noso “polbo”, avanza impoñéndose sobor dos coloquialismos galegos de igual significado: “foguete, canivete, ferrete ou guichada”. E ese siginificado sexual seica ten moito que ver coa substitución de “polbo” polo castelanismo “pulpo”.
Hai un “rato” castelán que non é “roedor, peixe nin dispositivo dunha computadora”, únicos significados galegos desta palabra, mais comeza a ser frecuente no noso idioma desprazando as verbas autóctonas de igual significado: “anaco, bocado, cacho ou pedazo”.

A nosa lingua distingue claramente entre os substantivos: “roca” e “rocha”, mais o primeiro coincide coa tradución castelá do segundo: “roca”, e usa “rueca” pra denominar o primeiro. A introdución da forma castelá no noso idioma –tamén admitida, aínda que preterida, polo diccionario RAG– rompe a distinción tradicional por mera copia do castelán.

Co portugués tamén temos unha chea de falsos amigos, mais como a lingua irmá non ten unha relación diglósica coa nosa o perigo daqueles constitúe só un problema de má comprensión ao lermos en portugués

Temos dous adxectivos referidos á cor en serio perigo de desaparición por mor dos seus dous falsos amigos casteláns: “rojo” e “rubio”; o primeiro equivale ao noso “vermello” e o segundo aos nosos “louro/loiro” ou “roxo”. Mais a interferencia das formas castelás fai que a miúdo se use en galego “roxo” como sinónimo de “vermello” e “rubio” como de “louro/loiro ou roxo”; aínda que o significado xenuíno de “roxo” sexa “cor que vai do dourado ao avermellado” e de “rubio/roibo” “cor vermella ou avermellada”.

Co portugués tamén temos unha chea de falsos amigos, mais como a lingua irmá non ten unha relación diglósica coa nosa o perigo daqueles constitúe só un problema de má comprensión ao lermos en portugués, partindo da premisa errónea de crermos que dada a estreita relación de ámbalas linguas toda palabra igual ou parecida ten o mesmo significado. O cal é un erro maiúsculo, como a seguir se comproba (palabra portuguesa – tradución galega pro palabra galega similar – tradución portuguesa): apenas – soamente pro apenas – mal, balão – globo pro balón – bola, balcão – mostrador pro balcón – varanda –e gl. varanda – pt. balaustrada–, carro – coche pro carro – carroça –e gl. carroza – pt. carruagem–, cravo – caravel pro cravo – prego, escova – cepillo pro escoba – giesta, fraco – feble pro fraco – magro, jantar – cea pro xantar – almoço –e gl. almorzo – pt. pequeno-almoço–, lá – alá/aló pro la – lã, motorista – condutor pro motorista – motociclista, oficina – taller pro oficina – escritório –e pt. talher – gl. cuberto–, roxo – violeta/morado pro roxo – ruivo –e gl. rubio/roibo – pt. vermelho–, sótão – faiado/faio pro soto – cave, vago – vacante pro vago – folgazão etc.

Ademais hai unha chea de “falsos amigos parciais”, porque aínda que conserven a acepción que coincide co significado galego, teñen outra principal ou máis usual que non, así (palabra portuguesa coa súa acepción usual – tradución galega pro palabra galega similar – tradución portuguesa): apelido – sobrenome pro apelido – sobrenome –nótese a inversión dos significados–, criança – neno pro crianza – criação, desenho – debuxo pro deseño – design, esquisito – raro/excéntrico pro exquisito – delicioso, estufa – invernadoiro pro estufa – fogão, farol – faro pro farol – candeeiro, galheta – vinagreira e aceiteira pro galleta – bolacha, loja – tenda pro loxa –estábulo, propina – pago de matrícula pro propina – gorjeta, salsa – perexil pro salsa – molho –tamén sinónimo galego: mollo–, teto – teito pro teto – teta/teto/mamila, vaso – testo pro vaso – copo etc.

Como se pode ver os “falsos amigos” non reciben a súa denominación impunemente, mais conviría que seguisen nos seus idiomas e non entrasen no noso.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.