0 Gardados para despois

Miguel Vieito

Manipulación e falta de rigor como políticas contra o senfogarismo

Un tema agroma, e seguirá a agromar, nos espazos de certo sector da prensa do país nos últimos días: o senfogarismo volve aos espazos mediáticos, e volve da man dunha compañía habitual e xa coñecida, na forma de sesgo na información, manipulación da opinión pública e uso interesado dunha problemática social con finalidades claramente políticas. Neste senso, nas dúas últimas semanas puidemos testamuñar non só notas de prensa e reaccións do Goberno galego, senón tamén ofensivas de medios afíns coma El Correo Gallego ou La Voz de Galicia; e mesmo reportaxes de medios nacionais. Pouco efecto parece manter o posicionamento, de 21 de xuño de 2017, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, chamando á responsabilidade e ao rigor no tratamento xornalístico. De pouco parece ter servido o chamado ao respecto dos dereitos das persoas en situación de vulneración extrema.

Lamentamos a ausencia dunha mínima aproximación crítica aos datos presentados por Cruz Vermella, que parten dun estudo cuantitativo e cualitativo aínda non publicado (ao que nos sorprende que a Xunta de Galicia teña tido xa acceso, e que só presenta na súa sección cuantitativa). Un breve ollar á súa metodoloxía fainos partícipes dunha eiva manifesta: os datos parten dun único reconto, acaecido nun día frío, chuvioso e ventoso. É dicir, non pode sorprender que, por exemplo, os Albergues Municipais presentasen prazas ocupadas sen implicar isto necesariamente que todas as persoas que alí pernoctasen estivesen nunha situación de rúa ou de senfogarismo. Amais do antedito, non pode validarse a obtención dun índice, de ningún tipo, baseado só nun único dato obxectivo. Esta reflexión debe levarnos a unha segunda consideración evidente: no estudo non se analizan as causas subxacentes, ou os factores concomitantes que provocan as situacións de senfogarismo, tratando estes contextos como un continuo e unha categoría homoxénea, tratamento este tan falaz como inxusto, co que se busca deliberadamente responsabilizar en exclusiva aos gobernos locais da Galiza.

O senfogarismo é unha situación complexa cunha concorrencia importante de causas; agrupalo nun colectivo etiquetado e uniforme supón, como pouco, un erro (interesado)

O senfogarismo, así o afirman os estudos prospectivos realizados noutros lugares do Continente Europeo, é unha situación complexa cunha concorrencia importante de eventuais/posíbeis causas: dende ruptura de lazos persoais, á perda do traballo ou precariedade laboral e imposibilidade material para manter unha vivenda segura e nun réxime de tenencia firme. Con isto, agrupar ao senfogarismo nun colectivo, nun grupo etiquetado e uniforme ou mesmo nunha problemática de abordaxe unicamente local supón, como pouco, un erro (interesado). Non pode descoñecerse que non son os Concellos aquelas Administracións Públicas con competencia maior en materia de vivenda, nin sequera en materia de saúde, factores estes clave nas causas pero tamén na abordaxe efectiva do senfogarismo. Si o son en materia social, e quizais esa sexa a súa maior “condena”. En termos de Martínez Virto:

“Os municipios non poden desenvolver con plenas garantías a función que teñen encomendada dentro do sistema de servizos sociais: son o nivel máis próximo ao cidadán e a porta de entrada ao sistema, pero non conseguen ter a autoridade de prescrición precisa para conseguilo. Teñen a obriga de garantir o benestar dos cidadáns do seu territorio, pero non teñen a dimensión, nin o volume, nin a Carteira de Prestacións precisa para conseguilo: as funcións e tarefas que se lles adscriben son inabarcábeis, con moito, para as capacidades de xestión e xeración de recursos dos Concellos”

Así, depositar a responsabilidade única e última das situacións de senfogarismo nos Concellos galegos non é senón un exercicio de falacia política de primeiro nivel. Unha abordaxe que impide achegar as iniciativas e mecanismos coordinados que o país precisa para intentar poñer freo ao senfogarismo.

Non comprendemos como é posíbel que o presidente demostre “sorpresa” polo senfogarismo no país e non demostre a mesma rección coas tácticas pseudo-mafiosas para excluír as persoas da súa vivenda ou como é posíbel que non cause estupor a inhabilidade do seu Goberno para prover de vivendas sociais a aquelas persoas que as precisan.

Non comprendemos como é posíbel que o presidente da Xunta de Galicia demostre “sorpresa” polo senfogarismo no país, e que non demostre a mesma rección co gallo das tácticas pseudo-mafiosas para excluír  ás persoas da súa vivenda ou como é posíbel que non cause estupor a inhabilidade do seu Goberno para prover de vivendas sociais a aquelas persoas que as precisan.

Xa por último, cómpre referir, con respecto a Santiago de Compostela que aínda tomando como certo que o índice de situacións de rúa fose superior ao de outras cidades do país, non é menos certo que a exclusión residencial e o limiar de pobreza na cidade son superiores tamén ao doutras poboacións. Así, Santiago é a cuarta cidade con maior prezo do alugueiro en Galicia (fonte: portais “idealista.com” e “Fotocasa”), e tamén a que no primeiro trimestre do ano ten rexistrado un maior incremento no prezo do alugueiro (cunha alza do 6,7%). Ademais cómpre considerar que o 38,7% da súa poboación refiren chegar a fin de mes con dificultade, namentres que algo máis do 11 refire facelo con moita dificultade (fonte: IGE). É dicir, para unha cidade que rexistra unha das rendas medias máis altas da Comunidade, vivir en Santiago e poder manter unha vivenda segura é sensiblemente máis custoso que en moitos outros núcleos de poboación.

Unha cidade na que concorren factores coma ser fin do Camiño de Santiago, para mostrar cifras de aloxamento de emerxencia superiores a outras cidades. Un municipio no que se sitúa un dos complexos hospitalarios máis grandes do país e o maior hospital psiquiátrico da Galiza; factores estes que tamén contribúen á presenza de persoas sen unha situación habitacional axeitada.

Se non alcanzan a albiscar o importante rol que xogan no espallamento de visións estigmatizantes e comportamentos discriminatorios, sería de agradecer cando menos que empregasen o rigor e a responsabilidade nas informacións

Por desgraza, hai veciñas e veciños de Santiago de Compostela que viven en situacións de rúa, como hai en todas as Cidades do país e en todos os Estados da Unión Europea. O persoal de Servizos Sociais Comunitarios da cidade, así como as entidades de acción social que operan na mesma traballan diariamente e con esforzo decidido (moito máis alá do que o propio traballo obriga) para intentar pór freo a estas situacións. Neste contexto, facer da crispación, do enfrontamento e da demagoxia un recurso habitual non só non suma posibilidades de éxito, senón que supón un obstáculo ao labor que se realiza a diario na cidade.

Nesta orde de cousas, se o presidente da Xunta de Galicia non considera axeitado colaborar dende as competencias autonómicas para poñer fin ao senfogarismo, sería de agradecer que canto menos non enrarecese o ambiente coas súas súbitas “sorpresas”. Nesta orde de cousas, se algúns medios de comunicación do país non alcanzan a albiscar o importante rol que poden xogar e, de facto, xogan no espallamento de visións estigmatizantes e na aparición ou mantemento de comportamentos discriminatorios, sería de agradecer canto menos que empregasen nas súas informacións o rigor e responsabilidade que esixe o seu Colexio Profesional, en aras a un tratamento ético daquelas.

Publicidade

Acerca de Miguel Vieito

Xurista e investigador en Dereito