6 mulleres

'Muller', de Arturo Souto ©

All About Jazz cualificou 5 Journeys, do grupo galego Sumrrá, como un dos albumes principais de 2016. Foi un recoñecemento mundial. O último traballo do trío é unha loanza feminista; as 6 Mulleres son Qiu Jin, Nawal El-Saadawi, Malala Yousafzai, Frida Kahlo, Rosa Parks e Rosalía de Castro.

Eles compuxeron un disco complexo, de pasaxe agradábel, fortificado e de grande unidade formal, grazas ás similares estruturas de cada música. Permitan estas lixeirezas; un gusta do jazz, embálase, aventúrase e vanlle saíndo os adxectivos do viño, porque leva mal que se celebren tan pouco os nacementos felices.

Os inicios de cada composición son ritmos simples, como dunha batería medio rústica, de festa aldeá, allea aos requintes. Niso parécese á de Abdullah Ibrahim en Cape Town Revisited. Nuns casos elaboran reiteracións case obsesivas e noutros, pois arrinques contentos, como latinos e africanos á vez. Qiu Jim comeza alegre e vibrante, até que se transforma nunha longuísima tensión. Todos os temas acaban abríndose como rosas e formando frases moi amplas.

Unha sutil dramatización sonora vincula as expresións musicais coa vida de cada muller, e un fermoso lirismo asoma tamén en cada tema. Mentres o piano escala as nubes brancas, o contrabaixo explícase como un rinoceronte amoroso.

En Rosalía de Castro os sinais dos sinos son sons illados no medio da soidá. Un ollada moi intelixente, con coñecemento. Agroma a melancolía, case sen intensidade sonora, para finalmente facerse impulso e dureza, dentro dunha tristura azul, como sempre nestas músicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.