Na miña consciencia política, reservo un cálido sentimento de envexa cara a determinadas figuras políticas das democracias estranxeiras. Persoas que, sen estar perto das miñas simpatías ideolóxicas, podo recoñecer como fulcrais para o devir dos seus respectivos países. Bos xestores de crises, capitáns arriscados de tempos difíciles e, sobre todo, persoas íntegras, capaces de cumprir o mandato do pobo con honestidade, en lugar de aferrarse como samesugas á idea de poder. Eses políticos que só existiron como figuras mitolóxicas na democracia do Estado español, e se cadra nin sequera coma iso na súa última fase, esta que abanea tras trinta e cinco anos cun presidente que comparece para negalo todo “salvo algunhas cousas” e un xefe de Estado que nunca foi elixido nas urnas.
Que o Estado español non tiña tradición democrática foi unha máxima repetida coma un mantra que pretendía escusar dende a corrupción sen freo que floreceu baixo os gobernos de Felipe González, até a displicencia coa que Aznar trataba unha poboación
Que o Estado español non tiña tradición democrática foi unha máxima repetida coma un mantra durante moitos anos, un mantra que pretendía escusar as máis variadas situacións: dende a corrupción sen freo que floreceu baixo os gobernos de Felipe González, até a displicencia coa que Aznar trataba unha poboación que disentía de entrar nunha guerra absurda contra Iraq. Mesmo o feito de que un ex-ministro franquista gobernase a retagarda galega durante tantos anos se achacaba á mesma falta de madurez democrática, que se iría reparando co paso dos anos sen que fose necesario ningún esforzo por parte de ninguén. Ultimamente a frase escóitase menos, seguramente porque tres décadas e pico despois, deixa de resultar críbel. Cando un alumno repite curso por terceira vez non se pode dicir que sexa por un problema de adaptación, hai que comezar a valorar a posibilidade de que non teña interese ou capacidade para aprobalo.
A política española desvelouse como un niño de malos estudantes, esporeados por avaliadores aínda peores. Eses políticos acusados polos novos movementos sociais de “ser todos iguais” son iguais porque alguén lles permitiu selo, e durante demasiado tempo. Que un partido poida volver ao poder menos dunha década despois de mentir dunha forma flagrante nun asunto tan grave como o dos atentados do 11-M deixa ben ás claras que clase de control exerce o votante medio sobre a política estatal. Que o faga cun dos responsábeis da crise medioambiental máis grave da pasada década á fronte, evidencia que a falta de memoria colectiva roza a inconsciencia e esta desemboca moi a miúdo en temeridade.
Eses políticos acusados polos novos movementos sociais de “ser todos iguais” son iguais porque alguén lles permitiu selo, e durante demasiado tempo
Os votantes do Estado español viven, na súa maior parte, exercendo un espello do control que os seus avós tiñan baixo a ditadura, onde os plebiscitos daban a necesaria sensación de participación que nunca ía máis aló nin se traducía nunha implicación real. A pasividade do gobernado, máis temeroso de que o poder lle esixa contas que preocupado por pedirllas, é unha das eivas constantes no noso contexto político, e representa outro dos legados envelenados da chamada transición política.
A herdanza das estruturas franquistas, onde se asumía como un feito normal que a clase política fixese negocios amparada no seus estatus (un estatus gañado, a fin de contas, pola forza das armas) continúa vixente nos nosos días e alimenta os electorados fieis e as críticas comparativas. Máis roubarían outros, e corrupción haina en todos os partidos, lemas que deberan crear un verdadeiro terremoto político en calquera país civilizado, son ditos co ton de quen ten todas as trazas de deixalo correr, de que no fondo non falamos de nada tan importante. O electorado español ten unha capacidade para a indulxencia cos seus políticos que non tería nunca se quen lle mentise, roubase ou metese nunha piscina de fuel fose o veciño de enfronte. Dalgunha forma porque o político nunca foi o que debera ser en calquera democracia: o veciño de enfronte investido de poder polo pobo, senón un estamento superior, de boa familia, e coa súa capacidade para facer favores e reprimir turbas desconformes intacta.
A herdanza das estruturas franquistas, onde se asumía como un feito normal que a clase política fixese negocios amparada no seus estatus continúa vixente nos nosos días e alimenta os electorados fieis e as críticas comparativas
Cousas así son as que explican que, onde calquera outro país estaría agardando impaciente a dimisión dos membros dun goberno metido até os xeonllos nunha trama de corrupción, nós vexamos a Mariano Rajoy e os seus secuaces seguir adiante sen a menor tentativa de explicación convincente, sen sequera asumir as culpas, nin moito menos pedir desculpas cos ollos de año degolado de quen foi sorprendido nunha cacería de elefantes. E aínda se presentará á reelección. E aínda haberá quen o vote outra vez.