A Galiza activada. I. A lingua, recurso dunha cultura (aínda) viva

Campaña publicitaria de Gadis © Gadis

Hai exemplos a esgalla. Campañas institucionais, como “Entre nós, en galego”, que promoveu a Dirección Xeral de Política Lingüística a partir de 2001; campañas políticas, como a célebre “Galegos coma ti”, lanzada por Alianza Popular en 1981, disque cunha idea de Xosé Luís Barreiro; ou campañas comerciais, como as feitas por Gadis desde 2007 convidándonos a que “Vivamos como galegos”. A que aluden estes slogans? Un libriño de François Jullien pode darnos algunha pista. Il n’y a pas d’identité culturelle (2016) invítanos, en efecto, a formularmos unha pregunta básica. Os galegos –os demais integrantes da nación galega– realmente son e viven “coma nós”?

Unha cultura que xa non evoluciona é unha cultura morta. Polo tanto, é imposíbel falarmos propiamente de identidade cultural.

Certamente, unha cultura sempre é un fenómeno circunstancial, local, ligado a unha tradición, a unha lingua. Aínda así, puntualiza Jullien, non podemos atribuírlle características, porque a súa natureza é cambiante. A cultura é un fenómeno en transformación continua, marcado pola separación ou a distancia (écart), é dicir: pola tensión dinámica entre a cultura dominante unitaria, que tende á homoxeneización, á reidentificación, á conformación e ao dogmatismo, e a disidencia plural, que tende á heteroxeneización, á desidentificación, á resistencia e á aventura. De feito, unha cultura que xa non evoluciona é unha cultura morta. Polo tanto, é imposíbel falarmos propiamente de identidade cultural.

A cultura galega, desde logo, non está morta. Pero como poderiamos caracterizala, fixar a súa esencia, se está a mudar permanentemente? Intentando atopar nela un núcleo que nos permita subsumila nunha tipoloxía que nos faga sentir cómodos? Apropiándonos dela para afirmarmos que nos pertence? Para Jullien, este exercicio narcisista e etnocéntrico acaba ignorando precisamente o que a cultura ten de interesante, e ademais logra construír un muro feito de especificidades e diferenzas que repregan a cultura sobre si mesma. As pretendidas singularidades producen illamento, asimilación, alienación. Acabamos presos dunha verdade particular. Caemos no comunitarismo banal, exclusivo, sectario e integrista, afastándonos do común diverso, inclusivo e activo. Por exemplo: debemos definir a identidade galega (e, por extensión, a europea) como cristiá ou como laica? Pois como cristiá e laica, precisamente porque se desenvolveu no medio da tensión entre a fe e a razón!

Unicamente desenvolvendo –activando– o coñecemento da lingua galega como recurso de todos os galegos –e non apelando a unha identidade fantasmal– despregaremos realmente o común cultural de Galiza

Non existen, daquela –conque non poden fixarse–, as identidades culturais galega ou europea. Hai, pola contra, recursos culturais galegos e europeos que se poden activar ou explotar (máis que defender ou protexer). Está nun erro o individuo que afirma posuír a súa cultura, unha cultura “súa” porque non é compartida. Podería soster, como moito, que a cultura é súa no sentido de que se apodera dela para aprehendela. En cambio, o individuo si é responsábel dos recursos culturais de que dispón, que, en consecuencia, tamén poden ser ignorados e perdidos, porque só existen se son activados. Unicamente desenvolvendo –activando– o coñecemento da lingua galega como recurso de todos os galegos –e non apelando a unha identidade fantasmal– seguiremos unidos a unha cultura e a un idioma peculiares e despregaremos realmente o común cultural de Galiza. Sería este –segundo a desconcertante, provocadora e estimulante tese de Jullien– o xeito de demostrarmos que queremos vivir coma galegos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.