Amor a Lugrís

Templo mergullado © Urbano Lugrís

Nos primeiros anos do milenio a secretaria de A Mesa pola Normalización Lingüística, María Xosé Jamardo e máis eu, visitamos os banqueiros galegos para que nas entidades se incorporase a lingua galega. Queríamos revivir as aspiracións dunha plataforma que funcionara nos decenios anteriores, comandada pola propia Mesa e formada por CCOO, CIG, UXT e CXTG.

Había daquela cinco caixas de aforro, un banco en Compostela, outro na Coruña e varios de fóra con delegacións, cuxas sedes translucían o poder do diñeiro. Recibíronnos os máximos responsábeis en despachos con pinturas e esculturas de grande valor.

Na primeira visita iniciei a charla preguntando de quen era o óleo pendurado da parede (de Xaime Quessada, con evidencia) pero o banqueiro nin se esforzou por disimular. Así aconteceu de todas as veces. Lembro unha espléndida peza de Buciños a carón dunha cristaleira, iluminada polo sol, mais non había xeito de que aqueles dous individuos fitasen nin para a peana.

Noutra caixa de aforros escolleran un grande óleo de Arturo Souto, para a olímpica indiferenza do correspondente preboste do carto, completamente cego para o asunto.

José Luís Pego tampouco se parara nunca a mirar o chirimbolo que tiña enfronte da súa cara, aínda que a mención nosa lle serviu para tirar de argumento, destacando que a colección de arte de Caixa Vigo eximía a entidade de esforzos lingüísticos.

A visita máis amábel foi á dirección de Caixa Galicia, que por aquel dous mil catro estaba galeguizando a actividade interna, como consecuencia da nosa presión, quero crer. Recibiunos Mauro Varela, presidente da entidade, nun suntuoso despacho con varias obras, entre elas un Lugrís de grandes dimensións e falounos moi agradabelmente daquela táboa, comentando cousas do pintor e sobre algún mural de Pontevedra , sen recorrer en ningún momento a lugares comúns.

Despois explicou que en Caixa Galicia ninguén tiña o máis mínimo interese pola lingua galega e que tan lonxe estaban de ter un criterio positivo como de ter un negativo, que tal era a absoluta indiferenza e que se a galeguización ía para adiante era só por unha iniciativa particular del. Ninguén se molestaba para nada en discutir nada, dixo, precisamente pola antedita colosal indiferenza. Quizás Mauro Varela, político do Partido Popular, controvertido noutros aspectos, tivese herdado do seu pai, un portelista de Portela Valladares na II República, a sensibilidade pola lingua galega.

Ao despedirnos lembrounos que volvera abrir o restaurante Fornos, cun bo menú do día e que alí poderíamos continuar mirando as cores de Lugrís, murais submarinos, ollos de boi e a panorámica da Coruña captada desde o mar, un frontal costeiro de casas, metido entre os ángulos dese humildísimo soto da vella taberna, un recanto baixo as escaleiras da casa, case uterino, presidido polo rótulo dunha das fondas pintadas do porto: Hai viño.

 O mural da entrada comeza a estar nun estado irremediabelmente deteriorado. O novo empresario dixo que a Dirección de Patrimonio non atende as demandas administrativas que el fai. Trátase de todos os xeitos dunha neglixencia imperdoábel, dun desastre que pronto será irreparábel

O comedor estaba inzado aquel día, pero o mural da entrada á dereita comezaba a lascar, ou seguía lascando, porque o deterioro non era novo. Os xerentes comentáronnos que tiñan o problema baixo control e que a Xunta de Galicia se dispuña a restaurar a obra.

En xullo de 2015 volvín alí varios mediodías. Quixen que me cubrise a parede escondida da adega, busquei refuxio naquel sitio, ou algún sortilexio quizás, non o sei moi ben, ante a incerteza médica de estar ou non condenado a morte. Alí escorrentei o inferno por momentos, á beira daquelas augas frías pintadas polo mestre, de aquel vento mareiro, da luz da marola que se vai compondo e sen poder sandarme, serenaba algo do terror e permanecía no mundo dos vivos.

Volvín hai varias semanas. O local estaba completamente baleiro, quizás porque era un mal día de traballo. Non me quixeron acender a luz do recanto da adega, así que xantei no comedor grande un menú tamén moi saboroso. O mural da entrada comeza a estar nun estado irremediabelmente deteriorado. O novo empresario dixo que a Dirección de Patrimonio non atende as demandas administrativas que el fai. Trátase de todos os xeitos dunha neglixencia imperdoábel, dun desastre que pronto será irreparábel.

Lamentábel estado do mural de Urbano Lugrís do vello restaurante Fornos ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.