Chernobyl

A central de Chernobyl, hoxe CC-BY Ian Bancroft

Despois da desolación colectiva, Svetlana Alexiévich escribe coas palabras que fican. Non son para adornar. Aporta os datos das traxedias soviéticas como se fose unha auxiliar forense. As frases son como sucesións de tixolos cementados sen recebar. Non se preocupa polo estilo e descoñece o artificio.

Os xornais que comentan o filme aducen, sutilmente, sen entrar en fonduras, que a causa do desastre foi a ineptitude soviética. Disimulan así a natureza monstruosa da produción de enerxía nuclear

A serie televisiva Chernobyl rematou agora. Mantén a fidelidade á obra de Alexiévich na radiografía que fai do sistema administrativo e político, podre, incapaz; da xestión do accidente; mesmo da importancia da catástrofe para a posterior disolución da URSS. Tamén da dimensión apocalíptica: durante unhas horas foi posíbel que a metade de Europa ficase sen seres vivos. O balanzo da serie é moi positivo, mais perde rigor cando inventa anécdotas bobas para captar espectadores: as vítimas sangran (nos accidentes nucleares non se sangra); un helicóptero cae para o núcleo da central e bastantes máis.

Os xornais que comentan o filme aducen, sutilmente, sen entrar en fonduras, que a causa do desastre foi a ineptitude soviética. Disimulan así a natureza monstruosa da produción de enerxía nuclear. The New York Times insiste en que foi o peor accidente da historia e borra de paso o rastro de Fukushima, onde un reactor permanece acendido porque a humanidade carece de medios técnicos para apagalo. Os vertidos flúen ao océano Pacífico desde o día do tsunami, pero a eléctrica TEPCO necesita normalizar de novo as outras centrais nucleares do Xapón. O deus Diñeiro demanda adoración permanente.


 

Vozes de Tchernóbil. A História Oral do Desastre Nuclear. Esvetlana Alexijevich.

Chernobyl. Miniserie. Craig Mazin.

 

Outras obras de Alexiévich:

A guerra não tem rosto de mulher. (Sobre a muller soviética na II Guerra Mundial)

Rapazes De Zinco. (Sobre a Guerra de Afganistán).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.