Eloxio da OCU

CC-BY-SA Praza Pública

Asocieime á Organización de Consumidores e Usuarios hai quince anos, cando me fallou o frigorífico de marca branca que comercializa un distribuidor de prestixio. Acababa de expirar a garantía. Algo antes acontecérame practicamente o mesmo cunha lavadora. Os dous co timo da obsolescencia programada.

Desde que entrei na idade adulta, case na prehistoria, non miro nin leo publicidade, tanto que até dubido da súa influenza inconsciente. A contrapartida é empanarse pouco das novidades, mais a avantaxe consiste en aforrar o engano intrínseco da mensaxe, a súa probábel estulticia e sobre todo a melopea mental vitalicia, dixerindo sen cesar o fluxo ininterrompido de bobice.

Antes da miña conversión tamén lles facía caso aos vendedores dos comercios, como se fosen informantes, como se non representasen o papel que lles asigna o seu oficio, concibido para seducir o cliente. O seu traballo busca aumentar o beneficio empresarial, pasando por alto os defectos e as características negativas do produto. O cliente non sabe abondo deses obxectos porque non se dedica a iso, e ademais é imposíbel navegar con éxito en semellante océano, agás que se lle teña afección a eses trebellos, como se lle ten á natación ou ao lanzamento de bolos.

É de boa calidade? Son seguras? Eis as preguntas culminantes nun grande almacén, ou nun banco cando se pensa en mercar unhas boas preferentes.

Sinceramente, nada máis descansado que prescindir desa sabedoría, para alén de comprobar coidadosamente o que se necesita. En realidade é como afiliarse a un sindicato; defende e asesora mellor sobre o propio traballo unha organización dos propios traballadores, fundada con ese obxectivo, especializada niso. Para o consumo nada mellor que unha entidade de consumidores, e que esa unión acade forza abonda para presionar ante os abusos das grandes empresas e marcas.

Non se trata de ser pasmón, claro que non. Eses grupos empresariais seguramente cheguen até as entidades de consumidores, como tamén chegan sen dúbida até os sindicatos, partidos ou calquera outra estrutura autoorganizada. Na OCU hai ademais unha ansia excesiva por optimizar recursos, como se realmente fose unha empresa, mais a organización existe, o seu socio é esixente, observa e vixía.

Estes días apareceu un artigo de Xosé María Torres en La Voz de Galicia “A OCU e a síndrome de Robin Hood”, sobre unha análise das cremas corporais, ao parecer absolutamente equivocada. Pode ser, non entendo nin unha palabra diso e seguro que si.

O autor deduce que non pode haber boas cremas a prezos baixos, como indica a OCU. Esa non é a miña experiencia noutros produtos. Hai un par de anos recomendaban un cava que custaba tres euros no supermercado e valorábano entre os de moi boa calidade, dos mellores dese ano. E así parecía, dito sen saber moito diso tampouco, pero algo máis que de cremas si. E aínda me andan por aquí polo teléfono as fotos dun René Barbier branco a catro euros en 2016, que tampouco tiña dúbida ningunha.

Pero sobre todo, nunca nestes tres lustros me fallou en nada ningún chisme recomendado por eles, para a miña casa e para varias máis. Os excelentes rendementos correspóndense co valorado. E efectivamente, non acostuma a haber correspondencia entre os prezos de mercado e o valor, ás veces en absoluto. Os modelos máis caros aparecen con frecuencia polo medio da clasificación (valoran modelos ou gamas, non marcas). E todo coa comodidade de non mirar nada, só escribindo no buscador as características do que se precisa.

Torres remarcaba no seu artigo que a OCU se comporta como Robin Hood, como se lle dese aos pobres o que lles quita aos ricos. Eu non vexo nada máis que unha poderosa asociación que pode equivocarse ou verse influenciada, sen dúbida, pero que en xeral recomenda ben e defende ben. Está ademais moi perfeccionada tecnicamente. A comparación con Robin Hood é inxusta, pois pódeselle aplicar a calquera entidade ou persoa que busque o ben, por non precisar mellor con outros termos. Entón Mandela sería un aprendiz de profeta cheo de soberbia, o ex presidente de Portugal Ramalho Eanes un San Francisco por renunciar a un millón de euros que lle correspondían de atrasos e o doutor Fleming un ridículo emulador de Xesucristo que quería salvar a humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.