Fake News: A Galicia que crea emprego

No pasado debate da autonomía un dos principais puntos de desencontro entre o presidente da Xunta de Galicia (A. Núñez Feijoó) e os lideres de oposición (Luís Villares, Xaquín Leiceaga e Ana Pontón) estivo na visión de cada quen sobre a realidade do mercado laboral galego. Visións que, por parte do señor Feijoo, deixaron algunhas perlas que ben vale a pena recoller como aquela de que “Galicia crea emprego”…”todos os datos e indicadores indican que a nosa comunidade vai na boa dirección”. Unha visión que contrasta coa dura realidade laboral de Galicia marcada por un moi baixo nivel de emprego (45,2% claramente inferior a media española de 49,1% e a enorme distancia da media na Unión Europea de 67,7%).

Deste xeito as evidencias empíricas non fan mais que confirmar as enormes dificultades que se dan en Galicia para a creación de emprego. Dificultades que a propia Xunta de Galicia e os seus altofalantes non poden por mais que recoñecer e que teñen causas políticas como veremos a continuación se entramos a debullar as características mais relevantes do mercado laboral galego.

1. Nas derradeiros décadas o peso das rendas de traballo na riqueza nacional galega non parou de caer, como sucede en España e practicamente en toda Europa. Nembargante Galicia é unha das poucas comunidades europeas no que ese peso das rendas do traballo (43,6%) é ademais menor que o das rendas de capital (46,3%) (http://www.ige.eu). Evidencia que desmente rotundamente o argumento neoliberal (auténtico dogma) de que son os salarios (demasiado elevados) os que impiden o crecemento do emprego. En Galicia ese argumento e insostible: se non se crea emprego non é por mor duns salarios elevados.

2. O emprego é un ben moi escaso moi especialmente entre as mulleres e a xente moza. En Galicia as taxas de actividade e ocupación nas mulleres (48,8% e 41,4%) están claramente por baixo tanto da media xeral galega (53% e 45,2%) como das correspondentes a nivel de estado (53,3% e 43,5%). O mesmo sucede coa mocidade con taxas de actividade (50,6%) e ocupación (37,2%) claramente por baixo da media española (54,6% e 42,2% respectivamente) (http://ine.es)

3. O emprego é un ben moi escaso tanto no sector privado como no sector público. Galicia presenta un sector público como elemento menor na creación de emprego (menos do 12% dos activos traballan no sector público: 17,6% de media na Unión Europea) o que desminte categoricamente o argumento da Xunta de Galicia de que a creación de emprego sexa unha das súas prioridades (http://www.hacienda.gob.es). Todo o contrario: as súas políticas de axuste fiscal e de desfeita do sistema público de benestar coadxuvan a que teñamos un mercado laboral minguante.

4. O emprego non so é un ben escaso senón que mingua (en 10 anos perdéronse 118.000 empregos: unha media de 11.800 por ano) e e de crecente precariedade (preto do 40% dos/as traballadores/as galegos/as están nunha situación de precariedade laboral), realidades estas dúas que turran da emigración moi especialmente da xente moza (unha media anual de 10.000 mozos/as) (http://www.ige.eu). Precariedade na que a Xunta de Galicia ten un papel moi relevante (por caso, so o 4% dos contratos asinados na sanidade e no ensino públicos son fixos) (http://www.ige.eu).

5. Unha das razóns mais importantes desta debilidade do mercado laboral é a facilidade con que se despide en Galicia (unha media de 2.500 traballadores son despedidos anualmente) (http://www.ige.eu)

6. Unha facilidade no despido que ten que ver coas sucesivas reformas laborais aprobadas nos derradeiros anos cuxo obxectivo central foi debilitar aos sindicatos e, xa que logo, a negociación colectiva (o numero de traballadores galegos afectos a un convenio colectivo raramente supera, de media anual, os 450.000: 1 de cada 2 traballadores galegos queda fora dun convenio) (http://www.cgrl.gal).

7. Un comportamento empresarial que fronte aos problemas (produción, competividade, comercialización…) escolle sempre o opción do despido antes que, por caso, a da innovación (I+D+i) co impacto negativo que esta opción supón sobre a produtividade e, xa que logo, a competitividade. Galicia apenas gasta o 0,9% do PIB en I+D+i, cifra que esta claramente por baixo da media española (1,2%) e moi lonxe do gasto, por caso, no Pais Vasco (1,9%) por non falar da media na UE (2,1%). (http://ine.es)

8. Non menos relevancia ten a opción produtiva escollida na que o sector turístico aparece actualmente como preferente. Un sector que se caracteriza pola temporalidade e a precariedade laboral. “Emprego precario, salarios baixos, escasos dereitos e baixa categoría son a cara B do modelo turístico” (https://www.ccoo-servicios.es/turismo/). As fortes variacións na demanda, derivadas dunha actividade estacional e moi cambiante, conducen a elevadas taxas de temporalidade (39%) e unha crecente flexibilidade laboral que fan que neste sector a precariedade laboral sexa a norma xeral. Asemade trátase dun dos sectores onde a lenda salarial por razón de xénero é mais relevante. 

9. Finalmente tampouco debemos silenciar o negativo papel das entidades bancarias que lonxe de facilitar o necesario crédito, moi especialmente as pemes que son as empresas que xeran maior emprego, optan pola especulación financeira e as prácticas fraudulentas. Segundo os datos do propio Banco de España dende que estourou a crise financeira, co posterior devalo do sistema bancario galego, o crédito en Galicia non parou de desplumarse cunha caída media anual do 10%, unha das mais elevadas de España (http://www.bde.es)

Estas evidencias son suficientes para afirmar que argumentos como os do señor Feijoo relativos a Galicia que crea emprego non resisten o mais mínimo contraste coa realidade empírica. Argumentos que nembargante teñen a súa xustificación no feito indiscutible de que o emprego non é un dos obxectivos centrais da actual Xunta de Galicia por que esta ten outras prioridades, por caso, darlle diñeiro público aos bancos (vía débeda pública) e aos fondos de investimento (vía privatización servizos públicos).

Esta Galiza que nos propón o actual goberno galego (PP) non crea emprego senón que o destrúe e o precariza.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.