Intúese un refluxo do feminismo

©

Disque a evolución da historia acontece en espiral. Filósofos e historiadores descartan o progreso, antes imaxinado como unha liña recta de transformacións, cara a felicidade. Os propoñentes da espiral tampouco descartan a felicidade, aínda que non o expresen.

A medida que un vai cumprindo anos, fáiselle máis presente a intuición (irracional por tanto), de que estas construcións, tamén as orientais, o eterno retorno, todas, mesmo a totalidade da historia como disciplina, son fundamentalmente xeitos compartidos, colectivos, intelixentes, de escorrentar a morte, de non desesperanzarse nin perecer como especie. Algo así como tratar de apreixar o inasíbel, que finalmente é o misterio da existencia, imposíbel de desentrañar, nin de compoñer; porque a plenitude vital que non se pode conquistar. Pero son parvadas miñas.

Máis demostrábeis son as accións e reaccións, sistemáticas nos conflitos colectivos, porque se poden comprobar, observar, case palpar, en calquera momento da historia. Abonda con fixarse, por exemplo, nos acontecementos principais das dúas grandes revolucións contemporáneas, a francesa e a soviética, e consultar despois as consecuencias reaccionarias, a das coalicións na primeira e a dos brancos na segunda, para comprendelo. O principio da contradición, neste caso plasmado na acción e a reacción, que nada ten que ver coa falsa crenza de que a historia se repite.

Agora mesmo intúese, ólese, o inicio dunha resposta regresiva ao tsunami feminista das últimas décadas. A emerxencia fascista actual, mesmo a nosa do Estado Español, vincúlase co tempo hobbesiano que comeza nas Torres Xemelgas; afírmase na confusión e nos temores de todo tipo que xeran as mentiras planificadas, entre outros, pero ten tamén un grande caladoiro no sentimento masculino de derrota, relativamente amplo, ante a afirmación social das mulleres.

Trátase do macho vulnerado, incapaz de renovar os seus valores, que segue manexando os vellos, nos que foi formado, cada vez máis obsoletos porque cada vez son menos aceptados. E non consegue resituarse, nin atopar espazo no novo vínculo que vai xurdindo entre os sexos, tan modificado a respecto do anterior. A oferta fascista faise atractiva para el, para un segmento numericamente nada desprezábel.

O canto á forza, a preponderancia do músculo, a afirmación taruga dos valores do macho como solución aos problemas colectivos, que circula e está funcionando. O desprezo da intelixencia e xa non digamos da liberdade, a idealización da guerra, a idealización dun pasado glorioso estupidamente deseñado á medida. Todo iso venlle como un anel para o dedo do macho diminuído. Séntese seguro, volve ser o amo.

Nos medios de información atopan oco estes discursos, óuvense gustosamente entre multitudes cada vez maiores, dispostas a reaccionar, que até agora non se articulaban politicamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.