Joan Coscubiela: a soidade lúcida do corredor de fondo. II. A banalización da linguaxe

CC-BY-SA Praza Pública

A votación do 1 de outubro de 2017

En Empantanados. Una alternativa federal al sóviet carlista, Coscubiela non acepta que a votación do 1 de outubro sexa un referendo vinculante: case a metade do Parlament está en contra, exclúe unha boa parte da sociedade catalá, non ofrece garantías democráticas mínimas e carece de recoñecemento europeo e internacional. Porén, é un éxito rotundo: loxístico, de participación, de imaxe, de relato.

A votación inténtase impedir cunha operación chafalleira que só xera frustración. A torpe violencia policial –non superior, por outra banda, á habitual noutros casos– é utilizada polo independentismo na batalla propagandística; pero tamén demostra que o Estado non é débil. O único fallo que comete aquí o secesionismo, malia ser consciente de que a vía unilateral é imposíbel (alén de non ter apoio cidadán dabondo), é o de non convocar inmediatamente eleccións ao Parlament para capitalizar o triunfo.

Independencia. Ou algo

O 10 de outubro celébrase un pleno no Parlament para lexitimar a votación do día 1 como un referendo vinculante do cal se desprende un mandato democrático de declaración da independencia e de proclamación da república. Finalmente, o presidente Carles Puigdemont nin anuncia nin deixa de anunciar a independencia, senón que asume o mandato de converter Cataluña nun Estado pero decontado propón a suspensión dos efectos desta declaración. É dicir, segundo Coscubiela: propón suspender os efectos de algo que non existe.

Despois, durante o pleno dos días 26 e 27 de outubro, convocado para a declaración unilateral de independencia e a proclamación da república, Puigdemont desaproveita a terceira oportunidade (tras o 2 e o 10 de outubro) de anunciar eleccións autonómicas. Non sería, desde logo, unha decisión fácil de explicar. Puigdemont, abandonado por ERC (o gran competidor do Partit Demòcrata Europeu Català pola hexemonia no espazo secesionista) e concretamente polo vicepresidente Oriol Junqueras (interesado en que sexa Puigdemont quen apande co custo da inviabilidade do unilateralismo), non se atreve a dar marcha atrás e a quedar como un botifler confesándolle o engano da independencia unilateral low cost a unha cidadanía secesionista moi ilusionada, moi forte no plano emocional, pero afectada por unha disonancia cognitiva, instalada nunha realidade virtual que a incapacita para unha reacción racional.

A resolución finalmente aprobada no Parlament é unha declaración de independencia que se presenta como efectiva ante a cidadanía e á vez –para eludir a acción dos tribunais– como carente de efectos xurídicos.

Cando espertan, o Estado segue aí

Mentres tanto, o mesmo 27 de outubro, o Senado implementa unha aplicación do artigo 155 da Constitución que para Coscubiela é claramente inconstitucional, dado que excede as marxes previstas no propio artigo e supón a ruptura do pacto constitucional. A modalidade elixida polo presidente Rajoy é intensa no seu contido pero breve na súa duración: destitución do Govern, disolución do Parlament e convocatoria de eleccións. O Estado amosa a súa capacidade de represión.

As eleccións do 21 de decembro celébranse nunha situación de absoluta anormalidade e excepcionalidade: convocadas polo presidente do Goberno de España, con Junqueras preso e Puigdemont escapado, consideradas ilexítimas polos partidos independentistas (que, porén, as lexitiman participando nelas), cunha campaña en que se radicalizan as posicións dos bloques. O secesionismo mantén un apoio do 47,5%, con maioría absoluta no Parlament.

Junqueras e outros dirixentes independentistas son inxustamente encarcerados. O secesionismo aproveita a prisión preventiva destes líderes para fortalecer o seu relato co argumento de que o sistema xudicial –que para Coscubiela si é independente– carece de garantías e a democracia española de calidade. Os presos están acusados de rebelión, o cal é unha barbaridade xurídica e unha estupidez política. Pero o independentismo recorre á manipulación cando cualifica de persecución ideolóxica a imputación polo reiterado incumprimento de sentenzas, porque si houbo unha clara vontade de infrinxir as resolucións xudiciais.

Por outra banda, coa súa fuxida a Bélxica, Puigdemont e catro dos seus conselleiros converten o concepto de exilio nunha trivialidade. Isto forma parte do fenómeno da banalización da linguaxe, igual que as alusións ao golpe de Estado, á ditadura ou aos presos políticos. Un golpe de Estado hóuboo en xullo de 1936 contra a República. Unha ditadura foi o réxime que despois instaurou Franco. E durante esa ditadura houbo auténticos presos políticos e exiliados de verdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.