Os votos da ira. I. Un mundo en branco e negro

Mitin do Front National francés CC-BY Blandine Le Cain

Os principais beneficiarios das crises financeiras como a que disque acabamos de superar son os partidos de extrema dereita, que melloran sensibelmente os seus resultados electorais

É no espazo político da extrema dereita, que abrangue os partidos reaccionarios, contrarios ao pluralismo e á tolerancia, alérxicos á democracia liberal e, no mellor dos casos, favorábeis ao autoritarismo democrático, onde damos co populismo de dereitas ou nacionalpopulismo. Neste espazo, onde os límites entre as distintas opcións son difusos, non se atopa só o nacionalpopulismo. Hai tamén outras manifestacións concomitantes, basicamente o neofascismo e a dereita radical. Os fascistas (como os gregos de Amencer Dourado) teñen un proxecto totalitario que inclúe a creación de organizacións paramilitares, sindicais, etc.; os radicais (como os polacos de Lei e Xustiza) poñen o acento no integrismo moral. Pero por que está en auxe o nacionalpopulismo? E que nos ofrece?

Convén non desbotarmos a hipótese da gobernanza neoliberal do capitalismo globalizado coma causa do nacionalpopulismo. Despois de todo, o neoliberalismo xerou uns niveis de desigualdade incompatíbeis coa democracia. As “políticas de axuste” da Unión Europea, indisimulabelmente clasistas, aumentaron a inseguridade, a precariedade e a exclusión. Ademais, se hai algo que nos aprende a historia do capitalismo é que os principais beneficiarios das crises financeiras como a que disque acabamos de superar son os partidos de extrema dereita, que melloran sensibelmente os seus resultados electorais. É lóxico, a maiores, que tras unha crise económica medren o escepticismo e o resentimento da cidadanía.

Tanto a temática como a retórica populistas teñen un efecto de atracción sobre os demais partidos, dado que conectan dun xeito “evidente” coas preocupacións desatendidas dun segmento da cidadanía

Polo tanto, cómpre non considerarmos o nacionalpopulismo unha improvisación inconsistente. O seu programa está, de feito, moi ben trabado. Pivota habitualmente sobre a idea da exclusión de grupos considerados inimigos. Adoita haber dous bandos homoxéneos e enfrontados: “nós, o pobo” e “eles”, a elite dirixente. O discurso populista de dereitas apela normalmente ao sentido común na defensa dun ideario polarizador, hostil á política institucional, antielitista, antiintelectual, moralista e personalista. A demanda a que conduce este discurso é a da vinculación inmediata entre o pobo, representado polo líder, e mais o poder. O líder opera como unha figura carismática cuxa misión é “devolverlle” ao pobo o poder retido por unhas elites corruptas atrincheiradas no “sistema” político.

A simplificación, o seu principal recurso comunicativo, é unha das claves do seu éxito. Consiste na creación dunha realidade imaxinaria construída sobre verdades “sentidas"

Os partidos nacionalpopulistas son uns contendentes electorais fenomenais. Se hai un rexistro que dominan á perfección é o do cinismo, o maniqueísmo, a mentira, a provocación, o insulto. A simplificación, o seu principal recurso comunicativo, é unha das claves do seu éxito. Consiste na creación dunha realidade imaxinaria construída sobre verdades “sentidas” (é dicir: non comprobadas contrastando os datos con rigor), onde toda cuestión complexa atopa decontado unha resposta plausíbel. O populismo de dereitas manexa unha linguaxe –a miúdo brutal– que crea categorías excluíntes (fronte a “nós” están os demais, inimigos dos cales temos que nos protexer), anatematiza a diversidade e provoca medo, chegando á conclusión de que só hai unha solución e que esa solución é indiscutíbel porque responde á intuición e ao sentido común da maioría. Esta sofisticada narrativa é radicalmente antidemocrática, xa que na democracia nunca hai saídas únicas e incontestábeis. Ademais, tanto a temática como a retórica populistas teñen un efecto de atracción sobre os demais partidos, dado que conectan dun xeito “evidente” coas preocupacións desatendidas dun segmento da cidadanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.