O PP, á dereita dos padres

O alcalde de Santiago, co deán e o director da Fundación Catedral (dereita) © Concello de Santiago

Foi unha das polémicas da campaña electoral do 24M e inchou coa chegada das 'mareas' a gobernos como os da Coruña, Ferrol e, moi especialmente, Santiago. A aposta de novos alcaldes como Martiño Noriega ou Xulio Ferreiro por separar a actividade política da relixiosa, na liña do que viña acontecendo dende hai lustros noutras localidades, caso de Pontevedra, foi un dos primeiros argumentos do PP no seu paso á oposición municipal nestas cidades. Os conservadores veñen de reproducir as súas críticas co gallo da festividade de San Roque, patrón de Compostela, se ben foron ficando sós nunha belixerancia da que se desmarca a propia Igrexa católica a través dos seus máximos representantes na capital galega.

Semanas antes desta "renovación do voto" a San Roque o goberno compostelán xa anunciara que, na liña do acontecido coa ofrenda ao Apóstolo, nin o alcalde nin o resto dos edís de Compostela Aberta asistirían á misa. Ademais, das arcas do Concello non saíron desta volta os 400 euros que se viñan entregando á capela en concepto de doazón e o consistorio non mercou 25 candeas, unha para cada edil, como fixera anteriormente.

Neste contexto o PP local, liderado polo exalcalde Agustín Hernández, volveu saír en tromba contra o equipo de goberno, pero non atopou amparo na Igrexa, senón todo o contrario. O deán da Catedral, Segundo Pérez, que xa considerara que a ausencia de Noriega na Eucaristía do 25 de xullo carecía de "importancia", aproveitou unha nova xuntanza co rexedor compostelán para aclarar que as críticas a este respecto "non foron da Igrexa, senón dos partidos políticos, que algo teñen que facer".

O deán da Catedral defende a "liberdade" do alcalde de Compostela para non acudir ás ofrendas do Apóstolo ou San Roque

"Estamos nun momento histórico positivo no que hai que respectar as crenzas de cadaquén", sinalou o máximo responsable do Cabido compostelán, para quen neste ámbito debe primar a "liberdade" e, por iso, a Igrexa "nunca fixo un problema" desta cuestión. "Se imos reclamar" que as autoridades acudan ás conmemoracións "de todos o santos, imos apañados", ironizou o crego, nun contexto no que, destaca, "non vin a ninguén relevante da cidade especialmente interesado" en asistir, por exemplo, ás celebracións relixiosas na honra de Santa Susana, que "foi copatroa da cidade".

O PP censura que a Igrexa non cargue contra o goberno local de Santiago

Esta posición eclesiástica volveu proer nas filas do PP, cuxo voceiro local xa dera en criticar a Igrexa por, precisamente, non criticar o alcalde. "Sinceramente vexo un conformismo que me sorprende por parte da Igrexa", declarara Hernández días antes da ofrenda ao Apóstolo. "A Igrexa -reprochou- debería defender máis vehementemente que o alcalde de Santiago acuda a ese acto na condición de alcalde". Pero a preocupación na Catedral de Santiago nas últimas semanas non é precisamente esta, senón o atraso do Goberno central na sinatura do convenio que, publicitado o pasado novembro por Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, ía permitir financiar as obras de rehabilitación do templo. Se os cartos non chegan, as obras terán que paralizarse, advirte a Fundación Catedral.

O PP abre outra fronte en Pontevedra onde, como xa facía o alcalde, a presidenta da Deputación non foi á procesión da Peregrina

Este foi o escenario no que o pasado domingo se celebrou en Santiago a devandita misa de San Roque, á que acudiu Hernández con membros do PP e tamén o voceiro do PSdeG, Francisco Reyes, que, non obstante, rebaixou as críticas do inicio do mandato para apuntar agora que cómpre "respectar a quen teña outra visión", xa que "todos coñecían o posicionamento de Compostela Aberta, porque ía no seu programa". Mentres, case ao mesmo tempo, o PP abría outra fronte na súa batalla relixiosa nas Administracións locais ao cargar contra a nova presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, por non ir á misa nin á procesión da Peregrina na capital da provincia, secundando así a posición do alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores.

Hernández, asistindo como alcalde á misa de San Roque en 2014 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.