A boa vontade da industria que acusa os gandeiros de "ir de festa" cando se ven abocados a organizar tractoradas ou da distribución, que vende cartóns de leite a prezos inasumibles para quen produce o seu contido. Esta, de existir, será a que condicione o futuro do atribulado sector leiteiro galego, inmerso nunha das peores crises de prezos da súa historia tras a fin dos sistema de cotas. O Ministerio de Agricultura comprométese a supervisar se esa boa vontade se dá e a acompañar os profesionais cun paquete de medidas complementarias que para os gandeiros galegos son insuficientes e que, sobre todo, non solucionan o problema que os vén sacando á rúa nas últimas semanas: estanlles a mercar o leite por baixo do prezo do custo.
As organizacións agrarias galegas afrontaban a xuntanza do sector celebrada este martes en Madrid cunha petición clara: que o Goberno de España propiciase a fixación de prezos mínimos para o leite, como en Francia. E a resposta da ministra, Isabel García Tejerina, foi rotunda: "Os prezos non se poden acordar nin pactar, non o permite a lexislación española nin a comunitaria". A Tejerina non lle vale o exemplo francés. "Existen serias dúbidas a respecto da legalidade do acordo" acadado ao norte dos Pirineos, di o gabinete de Mariano Rajoy.
O Ministerio admite que existen explotacións galegas que venden por baixo do custo pero reitera que fixar prezos mínimos é ilegal
Nestas circunstancias, a cerna da cuestión segue estando onde sempre aínda recoñecendo que existen granxas que "están recibindo polo seu leite prezos por baixo do custo de produción" e mesmo admitindo, asemade, que a situación é especialmente grave en Galicia. Así, a ministra propón medidas que son calquera cousa menos inéditas: á industria, que "se comprometa a acordar, antes de finais de setembro" un contrato homologado que "dea estabilidade e garantía de recollida" no que "se garantan prezos sostibles". Aos propietarios dos supermercados, que "se comprometan a eliminar as prácticas que poidan banalizar o valor do leite e dos produtos lácteos". E ás cooperativas e organizacións de produtores, que "se comprometan a lograr un acordo xunto á industria sobre o contrato".
Tejerina insta as autonomías con prezos máis baixos, caso de Galicia, a aplicar máis medidas para "protexer" o sector
O Ministerio comprométese a convocar unha nova xuntanza para comprobar se estes compromisos se cumpriron ou non. Nese mesmo mes, o día 7, será cando se reúna o Consello de Ministros de Agricultura da UE. É de alí, afirma Tejerina, de onde debe vir "calquera actuación duradeira sobre os prezos". Nese foro "España reiterará a solicitude de incremento temporal dos prezos de intervención do leite desnatado en pó e da manteiga" para que "poidan ser retiradas do mercado cantidades significativas destes produtos, de xeito que esta retirada teña repercusión sobre os prezos". Así e todo, a propia Comisión Europea xa desbotou este martes a posibilidade de fixar prezos mínimos.
Mentres o Estado asegura que "estudará" a posibilidade de conceder axudas específicas aos gandeiros con "maiores dificultades" a ministra envía tamén un recado ás comunidades autónomas, cuxo ton fixo que a propia Tejerina se vise obrigada a matizar que non estaba a lanzarlle un reproche á Xunta. "É moi importante que as distintas autonomías, que son as competentes en materia de agricultura, asuman un compromiso polo seu sector lácteo, especialmente aquelas que teñen máis traballo por facer", di, nun contexto no que Galicia é a última da lista. É precisamente onde os prezos son máis baixo onde cómpre "avanzar na organización e protección do sector se queren xerar resultados que se vaian aproximando aos doutras comunidades autónomas", conclúe.