Marea.gal e Pola Unión esbozan as bases para a confluencia

Encontro por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega e o Banquete de Conxo 2.0 fan unha nova xogada de cara á hipotética marea galega para as xerais de outono. As tensións entre algúns dos actores políticos poderían derivar en dúas candidaturas, en parte polas condicións que Podemos puxo enriba da mesa, como non renunciar ao seu nome, en aras de ser o paraugas do cambio. Con todo, a complexidade do escenario non permite, polo momento, dar nada por definitivo.

Liñas verdes e contactos cos partidos

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega desenvolveuse o sábado e contou con oito mareas que contaron a súa experiencia de unidade popular para aportar ideas ao debate, entre elas estiveron Compostela Aberta e a Marea Atlántica. En xeral, coincidiron na necesidade de que o BNG  estivese na candidatura, tal como expresou o concelleiro de CA, Jorge Duarte, "polo que representa para este país". Tras as mareas as plataformas en defensa da sanidade e a educación, a PAH e o Sindicato Labrego Galego aportaron as liñas verdes a trazar para a confluencia. Unha das ideas forza foi que os partidos deben ser unha peza secundaria do proceso e que son os cidadáns os que deben levalo a cabo.

Unha das ideas forza foi que os partidos deben ser unha peza secundaria do proceso e que son os cidadáns os que deben levalo a cabo

Gonzalo Rodríguez, un dos promotores, sinalou que "os partidos responderán se se marcan unhas regras de xogo que garantan a pluralidade de actores". Afirmou que "tamén o fará Podemos, tardará máis ou menos, pero farao". Tamén avisou de que "hai que ter moita confianza e non ser agoreiro nin facer pronósticos autocumpridos". "Deixaremos de ser periferia cando nos convenzamos de que podemos deixar de selo", concluíu.

Gonzalo Rodríguez, un dos promotores, sinalou que "os partidos responderán se se marcan unhas regras de xogo que garantan a pluralidade de actores"

Posteriormente foi a quenda dos diversos movimientos que pediron a confluencia, como Confluencia Galega, Pola Unión, Somos Maioría, Somos Nós, Grândola ou a mocidade que asinou o manifesto É tempo de Unión. Mocidade pola unidade galega ás xerais. Iago Lestegás foi o encargado de dar voz aos máis mozos e cre que o grupo parlamentario propio é preciso porque “asuntos como a precarización, o paro ou a emigración agudizaron un problema que en Galicia xa é estrutural, e precisamos deseñar políticas ou, como mínimo, influír no seu deseño". Rodríguez tamén incidiu nisto: “É preciso o un grupo parlamentario galego porque hai que ir ao Congreso a falar de Galicia pero tamén a participar no Estado, das decisións dos sistemas portuarios e ferroviarios, do modelo educativo, ese é o xeito de defender os nosos intereses”.

Quen tamén interviu no acto foi Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, que recentemente vén de deixar a alcaldía de Boimorto polo BNG por causa dun tránsfuga do PSOE. A súa causa concitou unidade popular e afirmou que "o país xa non aguanta máis, e que precisa dunha candidatura forte e dun movemento cidadán de base que a leve adiante".

Pola tarde os 300 asistentes organizáronse en grupos para debater as diversas caras do proceso. A comisión promotora disolverase e elexirase unha coordinadora por voto telemático. Ao longo desta semana, o grupo promotor, iniciará reunións cos partidos: a principios de semana Podemos e Anova, a fin de semana co BNG e despois con Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia e Cerna. Nas reunións transmitiranlles “a vontade expresada de activar un proceso de construción dunha candidatura de unidade popular desde un polo de base cidadá”.

A reedición do Banquete de Conxo

A segunda das reunións foi a de Pola Unión, materializada no Banquete de Conxo 2.0, que tamén contou cunhas 300 persoas, entre as que estiveron varios altos cargos do BNG como Ana Miranda, Carme Adán ou Goretti Sanmartín. Na quenda de intervencións, escoitáronse voces reticentes a Podemos, a raíz das declaracións de Carolina Bescansa no Faro de Vigo nas que tachou de "imposible" que a hipotética marea galega teña grupo parlamentario propio se vai con Podemos. Pola tarde os asistentes organizáronse nos grupos de Contido, Extensión e Organización para debater as partes do proceso.

Na quenda de intervencións, escoitáronse voces reticentes a Podemos, a raíz das declaracións de Carolina Bescansa

Un dos promotores, o decano do  Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, subliñou a necesidade de ter un “grupo político propio no Congreso para defender o sector lácteo, os estaleiros, os dependentes, os mozos, que trate a dispersión poboacional, as deficiencias en infraestruturas, e non unha sección dun grupo estatal”.

No nome da Executiva do BNG Néstor Rego sinalou que "estes tempos requiren xenerosidade e unidade. Unha gran candidatura galega na que as forzas políticas sexan actores, pero na que os verdadeiros protagonistas sexan as persoas".

No nome do BNG Néstor Rego, sinalou que "estes tempos requiren xenerosidade e unidade"

Pola Unión tamén nomeou unha nova coordenadora que será a encargada de establecer contactos cos demais grupos que reclaman a confluencia e tamén cos partidos.

Os alcaldes das mareas das cidades non foron a ningunha das dúas reunións. Tamén está expectante o portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, que xa lle deu algún tirón de orellas a Podemos ao avisalos de que non poden ser "o galo do poleiro", nin pretender "capitalizar o éxito das mareas". Malia que non falta moito para as xerais todo está aínda moi aberto, queda agardar e ver.

Asistentes ao Banquete de Conxo 2.0 CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.