O Supremo ratifica que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán

Pleno no Concello de Santiago © Concello de Santiago

É unha polémica reiterada en diversos concellos que regresa de cando en vez aos medios de comunicación. Un alcalde ou alcaldesa considera que o que acontece na casa consistorial e, máis concretamente, nos plenos do Concello, é un contido demasiado sensible como para facerse público e, aínda menos, gravarse. Esta pretensión de que o criterio restritivo dun rexedor prime sobre a legalidade vixente vén de bater unha vez máis contra os tribunais, desta volta contra o Supremo, que nun ditame ratifica que a gravación das sesións plenarias municipais é un dereito da cidadanía.

Nesta ocasión a sentenza ditada pola Sala do Contencioso Administrativo do alto tribunal vén ratificar o xa decidido polo Tribunal Superior de Xustiza de Canarias, que considerou que o alcalde do Concello de Mogán, do PP, atentara contra os dereitos dun concelleiro da oposición ao aplicar un regulamento segundo o cal tanto os edís como a veciñanza tiñan "prohibido efectuar gravacións de imaxen e son sen a previa e discrecional autorización da Presidencia", isto é, do propio rexedor.

A sentenza salienta que prohibir a gravación atenta contra o dereito de libre expresión e información

Como recollen varias resolucións xudiciais anteriores, o Tribunal Supremo resalta que prohibir a gravación dos plenos implica vulnerar os dereitos constitucionais de expresión e información. Nestas sesións, evidencia o TS, abordánse asuntos de "interese xeral" que afectan á veciñanza do Concello que se trate, polo que gravar e difundir os plenos axuda á creación "dunha opinión libre". Asemade, subliña, estes dereitos non poden estar restrinxidos unicamente aos profesionais dos medios de comunicación, senón que son "titularidade" do conxunto da cidadanía.

Prohibición en concellos galegos

Casos coma este non son estraños, nin de lonxe, en Galicia. En diversos concellos do país existiron e existen prohibicións de gravar os plenos, moitos deles por parte de alcaldes e alcaldesas do PP, aínda que non só. Así, por exemplo, o portal Diario Camariñán recollía esta mesma semana que o rexedor da localidade, Manuel Alonso de León (PSdeG), mantivo este veto no último pleno da corporación, o do pasado xullo, o que leva este dixital a difundir o sucedido na sesión a través de cortes de audio. 

Camariñas, Ponteceso, Cambados, Arteixo, Gondomar ou Cualedro tiveron ou teñen esta prohibición

Ponteceso, Cambados, Arteixo ou Gondomar son outros dos concellos cuxos respectivos alcaldes aplicaron tamén unha prohibición que o pasado 2013 chegaba ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a respecto do Concello de Cualedro. Neste municipio o edil Eduardo Carneiro (CxG) levou o goberno local aos tribunais por ter prohibido rexistrar os plenos, no seu caso para recuperar o contido na casa por ser invidente. "A gravación dos plenos podería interferir na liberdade de expresión dos concelleiros", alegou daquela o alcalde, Luciano Rivero (PP), cuxo criterio tivo que mudar forzado pola Xustiza.

Aval nas leis

A lei deixa claro que as sesións plenarias son públicas

Como informou este diario tras outra tentativa de prohibición por parte da alcaldesa de Moraña en 2012, ademais da propia Constitución son, cando menos, dúas as normas vixentes que avalan estas gravacións. Así, a Lei de Bases do Réxime Local deixa claro no seu artigo 70 que as xuntanzas dos plenos do Concello son públicas con carácter xeral, e que só poderían non selo de maneira excepcional cando se traten asuntos que afecten á intimidade de persoas concretas, e para que así fose tería que apoialo a maioría absoluta da corporación.

Do mesmo xeito, cando en 1986 se aprobou por Real Decreto o funcionamento das entidades locais reiterouse o carácter "público" da sesión. Agregouse, igualmente, que "para ampliar a difusión auditiva ou visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos pechados de televisión" nas casas consistoriais.

Primeiro pleno do mandato en Lalín CC-BY-SA RC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.