O PP deixou comprometido o 90% dos fondos en catro áreas do Concello de Ferrol

Casa do Concello de Ferrol CC-BY-SA Basilio de gl

"Dende o principio sabíamos que se realizara moitísimo gasto". Quen fala é a edil de Facenda do Concello de Ferrol, Eugenia Freire, que dende esta semana ten sobre a súa mesa os "primeiros datos" da "auditoría interna" encargada polo goberno de coalición de Ferrol en Común e PSdeG para coñecer o estado das contas públicas do consistorio, que durante os anteriores catro anos estivo gobernado polo PP con maioría absoluta. O resultado deste avance é que "con data do 7 de xullo estaba gastado ou comprometido un 64,8%" do orzamento, compromisos que en catro áreas municipais chegaba ao 90%.

Segundo os datos do goberno local, dentro dos órganos nos que se divide o organigrama do Concello o que maior grao de compromiso tiña no momento da análise era o de Benestar, Xuventude e Igualdade, cun 91% de gasto executado, o que implica "que queda dispoñible apenas medio millón de euros", nomeadamente 506.000 euros, dos 5,6 millóns iniciais. Dentro deste órgano a área de Benestar ten executado o 91,8% e "quedan 412.839 euros", en Xuventude están dispoñibles 9.500 euros, o 4,3% do orzamento inicial, e en Igualdade gastouse o 76,7%. "A conta corrente asignada á Casa de Acollida atopábase cun saldo de 98 euros", exemplifica a edil.

Na área de Obras "o gasto estaba executado ao 90%" e en Benestar a execución superaba o 91%, segundo a auditoría encargada polo goberno local

Os datos de fondos gastados ou comprometidos son tamén relevantes dentro do departamento de Urbanismo e Medio Ambiente, cuxo gasto executado rolda o 69,8%, con "6,2 millóns de euros dos 20,5 iniciais". Neste caso, na área de Obras "o gasto estaba executado ao 90,3%, o que supón que o crédito dispoñible é de 174.000 euros". En Zona Rural "a porcentaxe realizada é aínda maior", de case o 96%, indican.

As cifras son semellantes en Cultura, Deportes e Turismo. "No caso de Deportes quedan 135.843 euros, o 5,9% do crédito unicial", en Cultura, Universidade e Centros queda o 3,2% e en Turismo, o 13,8%". Onde máis fondos quedaron do anterior goberno é no departamento de Facenda e Patrimonio, onde o gasto executado que herdou o novo goberno ficou no 46,6%. Non obstante, subliñan, "Cómpre ter en conta que dos 13,3 millóns" que quedan na caixa "en torno a 10 correspóndense a créditos destinados a pagar nóminas" do persoal municipal.

Modificación de crédito

"Son datos contrastados con documentos, non hai ningún problema en que se vexan e comproben", di a concelleira de Facenda, para quen as cifras que emanan da auditoría amosan "un descontrol, con partidas que están completamente esgotadas". Este esgotamento, anuncia, é o que "nos obriga a facer unha modificación de créditos", xa que "se ben isto non significa que isto estea todo gastado, si significa que está comprometido", e "para mover unha partida xa comprometida, cómpre unha modificación".

Este escenario, di, as prioridades do actual goberno fan que "se precisen partidas para Benestar, Obras ou Urbanismo". Para este, "entre outros fins", o gabinete que dirixe Jorge Suárez "fará unha modificación de crédito por importe de 1,1 millóns de euros".

Eugenia Freire, edil de Facenda de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.