Ferrol auditará e levará á Fiscalía a xestión de Urbaser en Emafesa

Auga vertida dende a depuradora de Ferrol © Concello de Ferrol

Parece que hai moito que depurar na xestión realizada por Socamex-Urbaser en Emafesa, a empresa mixta de Augas de Ferrol. O Goberno Local anunciou este martes que de forma "inminente" levará a cabo "unha auditoría independente, técnica e económica" para determinar as posibles responsabilidades penais do socio privado nas graves irregularidades destapadas na xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Cabo Prioriño. O obxectivo é recadar toda a documentación necesaria para elevar a denuncia ante a Fiscalía para que esta determine se dos feitos se desprende algún delito ambiental, económico ou de dereito público.

O Goberno Local anuncia que de forma "inminente" levará a cabo "unha auditoría independente, técnica e económica" para determinar as posibles responsabilidades penais do socio privado

O goberno quere examinar "moi polo miúdo" as contas económicas de Emafesa e tamén a xestión técnica e urbanística que vén facendo na EDAR de Cabo Prioriño desde que a anterior corporación, do Partido Popular, aprobou a encomenda de xestión a Emafesa, en maio do 2014. Jorge Suárez fixo este anuncio ao remate do Consello de Administración da empresa mixta, no que participou acompañado de tres edís.

A xuntanza permitiu comprobar unha vez máis a actitude de resistencia de Urbaser (empresa do Grupo ACS, de Florentino Pérez) aos intentos de investigación e fiscalización da xestión realizada nos últimos meses e que se atopa baixo a sospeita de graves irregularidades. Os representantes públicos levaron a este consello de administración unha proposta de cese actual xerente de Emafesa, unha destitución “mais que necesaria”, para Jorge Suárez, tendo en conta as irregularidades detectadas. Porén, Urbaser fixo valer a súa capacidade de bloqueo na votación. O Consello de Administración está formado por catro representantes do Concello e outros catro da empresa privada e, de acordo aos estatutos da sociedade, é necesaria unha maioría de dous votos para a toma de decisións. 

"Este Goberno non está disposto a tragar con este tipo de prácticas onde parece que o público queda nun segundo plano”, denunciou Suárez

"O convenio con Emafesa arrastra un defecto de forma desde a súa constitución, no ano 99. Non ten moito sentido que ocorra isto nunha empresa que é pública ao 51%. Este Goberno non está disposto a tragar con este tipo de prácticas onde parece que o público queda nun segundo plano e se deixa todo en mans desta empresa”, denunciou Suárez. "Á vista das diferenzas insalvables" con Urbaser, o Concello de Ferrol propón un modelo de xestión colexiado integrado por dúas persoas cualificadas -técnicos nomeados polas dúas partes- e fixando métodos de control mutuo.

“A ocultación de información é constante por parte de Emafesa e da Xunta”, denunciou Sestayo

A resistencia da parte privada de Emafesa ao labor de control e fiscalización que quere exercer o poder público quedou tamén á vista ao descubrirse que a xerencia lle ocultara ao Goberno municipal que Augas de Galicia realizara unha inspección técnica á EDAR de Prioriño o día 1 de setembro, na véspera do Consello de Administración celebrado o día 2. Esta, ademais, foi a primeira inspección que a Xunta de Galicia realizou na EDAR nos seus 12 meses de actividade. “A ocultación de información é constante por parte de Emafesa e da Xunta”, denunciou a tenente de alcaldía, Beatriz Sestayo. “Tampouco hai ningunha información por parte da Confederación Hidrográfica nin do Ministerio sobre os informes que aparecen publicados”, engadiu.

 

Fin da encomenda a Emafesa

O Goberno local de Ferrol reclamou así mesmo a ruptura da encomenda de xestión pública feita a Emafesa (aprobada en pleno o 29 de maio do 2014 pola anterior corporación local) para a explotación, mantemento e conservación da condución das augas, depuración e verquido, asi como a impugnación do convenio entre o Concello de Ferrol e o ente autonómico Augas de Galicia, que foi quen recepcionou as obras incompletas da EDAR de cabo Prioriño de mans da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. 

Suárez esixiu da Xunta e do anterior goberno ferrolán "unha explicación a toda a cidadanía" sobre as “présas” que tiveron "pola sinatura destes convenios cando estaban certos de que a depuradora non se podía utilizar

A EDAR de Prioriño, a carón do porto exterior de Caneliñas, presenta deficiencias estruturais -de gran reparación- que foron cuantificadas en 550.000 euros polo socio privado de Emafesa e dos que o Goberno ferrolá responsabiliza a Augas de Galicia. Jorge Suárez esixiu da Xunta e do anterior goberno ferrolán "unha explicación a toda a cidadanía" sobre as “présas” que tiveron "pola sinatura destes convenios cando estaban certos de que a depuradora non se podía utilizar na situación na que foi entregada".

 

Derrogación da taxa de saneamento

O Concello de Ferrol levará ao pleno municipal extraordinario do xoves 17 de setembro unha proposta para derrogar a polémica taxa de depuración, que a anterior corporación comezara a cobrar a finais do pasado ano

Por outra banda, e como xa anunciara o luns trala Xunta de Goberno, o Concello de Ferrol levará ao pleno municipal extraordinario do xoves 17 de setembro unha proposta para derrogar a polémica taxa de depuración, que a anterior corporación comezara a cobrar a finais do pasado ano. Este tributo foi cobrado de forma indebida pois, como a mesma empresa acabou recoñecendo nas últimas semanas, en ningún momento se levou a cabo a pretendida depuración que xustificaba o cobro desta taxa. Os veciños e veciñas de Ferrol víronse obrigados a pagar ao redor de 70 euros por un servizo que non recibiron, e que lle reportou a Emafesa uns ingresos de case un millón de euros cada catro meses.

O Goberno local esixiralle ao socio privado da empresa de augas que lles reintegre aos veciños e veciñas o importe da taxa que xa foi cobrado, ben coa devolución directa aos abonados ou ben, pola vía da compensación nos vindeiros recibos, de acordo ao consello dos servizos xurídicos do Concello de Ferrol.

Suárez e Sestayo, na xuntanza mantida esta mañá cos representantes de Urbaser © Concello de Ferrol
O exalcalde e a conselleira de Medio Ambiente, visitando a depuradora en vésperas das eleccións © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.