Oito partidos exploran vías para unha marea galega ao abeiro do Encontro Cidadán

Participantes na mesa de partidos do encontro CC-BY-SA Praza Pública

Os días pasan, o tempo é cada vez máis xusto e sucédense os encontros, así como algúns desencontros. A efervescente actividade política en torno á posibilidade de fiar unha candidatura unitaria que abranga múltiplas sensibilidades da esquerda e do soberanismo tivo este sábado unha parada en Santiago. Baixo o lema 'Construíndo a unidade' o Encontro Cidadán por unha Marea Galega desenvolveu unha xornada de traballo co "obxectivo de avanzar cara a un proceso unitario de cambio político" que tivo como un dos actos centrais unha mesa oito partidos, moitos dos cales veñen mantendo contactos entre si dende hai semanas.

Anova, o BNG, Cerna, Compromiso por Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida e Podemos sentaron na mesa moderada pola voceira da Coordinadora do Encontro, Marilar Aleixandre, que como pórtico do debate amosou a "convicción" da plataforma de que "é posible unha lista única cara ás eleccións xerais". "Non dúas, nin tres, senón unha", afirmara a propia Aleixandre na presentación da xornada á prensa.

Entre os diversos focos de interese manifestados polos presentes, unhas 400 persoas no conxunto da xornada, figuraba a posición que Anova está a adoptar ante a posible confluencia, así como a disposición de BNG e Podemos a participaren nunha mesma candidatura. Pola banda da formación que lidera Xosé Manuel Beiras un dos participantes nas conversas, Raúl Asegurado, afirma que o obxectivo último de procesos coma este debe ser poñerlle fin "ao réxime do 78" e para isto "o proceso non pode ser un continuo comezar para nada", mais aínda tras o "éxito" de "espazos políticos" como as mareas municipais, que foron quen de dar "un duro gole ao PP".

Raúl Asegurado (Anova): "O proceso non pode ser un continuo comezar para nada"

"A nivel de Estado -di Asegurado- o primeiro que van tentar é tombar as candidaturas de unidade popular como as mareas" e, con esta perpectiva, indica, unha candidatura "de unidade popular" debe "contribuír a un proceso constituínte galego no conxunto do Estado". Esa posible candidatura, resalta, debe ter "tres actores fundamentais: cidadanía autónoma, mareas e organizacións políticas".

Goretti Sanmartín (BNG): "Ou arriscamos, ou non dá tempo"

Unha "base cidadá que sume todos os actores políticos e sociais" é tamén o que, a xuízo do BNG, representado por Goretti Sanmartín, debe sustentar a posible candidatura. O Bloque, di Sanmartín, manifestou dende o pasado xuño a súa disposición á "unidade" e á "renuncia" ás siglas polo "momento excepcional, de emerxencia social" que vive o país. A confluencia, afirma, debe servir para "atender a demanda das clases populares" e tamén para "impulsar" un "cambio no Estado" no que unha candidatura galega participe "desde a igualdade", cun "grupo realmente propio e soberano". Con estas condicións de partida, indicou a resposta dunha pregunta dos asistentes, "non temos problema pola confluencia" nunha candidatura "nacional" na que participen tamén forzas "non nacionalistas". Todo isto debe terse en conta sen perder de vista o calendario, di: "Ou arriscamos, ou non dá tempo".

Marcos Cal (Podemos): "Cómpre traballar nun bloque político e social de cambio"

Dende Podemos, formación que enviou o encontro a Marcos Cal, admítese que o actual momento é "de vital transcendencia" e nel, di, "cómpre traballar e construír un bloque político e social de cambio" para promover "un cambio político" no que, resalta, deben participar "os actores que participaron no 24 de maio". "Os pasos deben darse con entendemento, audacia, sen perder a perspectiva estratéxica" e nun "espazo onde colaborativamente poñamos en común as ideas e vaiamos construíndo en común".

Manuel González (CxG): "É o momento propicio para unha reforma do Estado na que Galicia estea presente, debemos ser xenerosos"

A apelación ao "cambio político que rache co modelo bipartidista" é tamén un dos puntos sobre os que puxo o acento Manuel González, de Compromiso por Galicia. A confluencia, di, ten que ter no horizonte a aspiración dun "novo escenario no que Galicia estea presente" e contribúa a impulsar "políticas alternativas ao modelo neoliberal". Dende o punto de vista de CxG "é o momento propicio para que haxa unha reforma a nivel do Estado no que Galicia estea presente" e por iso todos os actores políticos "debemos ser xenerosos".

Tamén EU ve posible a construción da candidatura galega. En verbas de Xabier Ron, "cómpre definir ben os procesos, a metodoloxía" e plasmalos nun "programa con concrecións, que non sexa un brinde á utopía". "Do que se trata -agrega Luís Eyré, de Cerna- é de lograr unha confluencia o suficientemente ampla na que a protagonista sexa a cidadanía" e partindo da base de que "estamos dicindo o mesmo dende hai tempo "unidade popular concretada nun espazo cidadán democrático, pasemos das proclamas aos feitos". "Temos unha posibilidade real de cambiar as institucións se o facemos xuntos", advirte Pepe Vara, de Equo. "Imos cooperar politicamente para acadar a unión", engade Manel Cardoso, do Espazo Ecosocialista.

 

 

Asistentes ao encontro, durante a mesa de partidos CC-BY-SA Marea.gal
Un intre dun dos grupos de traballo CC-BY-SA Marea.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.