Beiras, disposto a participar nunha lista ao Congreso "con Galiza como suxeito e en clave de esquerda"

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova © Óscar Corral

Xosé Manuel Beiras axita o taboleiro. Dúas semanas despois de pronunciarse por primeira vez a respecto da posibilidade de fiar unha candidatura galega unitaria para as eleccións xerais e instar as mareas municipais a impulsala, o portavoz nacional de Anova amósase disposto a participar directamente nesa eventual lista, mesmo encabezándoa, "se se dan as condicións" para que o seu "perfil" encaixe nela e así llo solicitan. Para que esa hipótese tornase en real, advirte, as "características" esenciais do proxecto son dous: que se trate dun "suxeito político galego" e situado "en clave de esquerda".

Nunha entrevista na Radio Galega o histórico líder nacionalista foi cuestionado polo seu papel nos múltiples contactos entre formacións políticas e revelou un deles. No marco das "conversas de Anova" co resto de forzas "o outro día estivemos falando por teléfono Pablo Iglesias e mais eu" e el, subliña, "formuloume directamente a cuestión de que dea un paso adiante". Como xa expresara, Beiras advirte de que o seu "ciclo político está rematado" e apenas lle resta "o epílogo", e por iso xa tiña decidido "non presentarme máis a ningunhas eleccións ao Parlamento galego nin ás Cortes". Pero isto pode mudar "en determinadas condicións".

"Eu -admite- podo facer unha achega marxinal coa miña participación activa e persoal, non o rexeito de entrada, reconsideraríao". Pero "só podo facer iso -explica- se a alternativa encaixa co meu perfil", isto é, o dunha persoa "cada vez máis de esquerdas", pero tamén "nacionalista, sen ambaxes", o que non impide "que entenda que hai que facer cousas alén do nacionalismo". "Se non se dan esas características, a miña participación sería contraproducente", asegura. Se "unha candidatura artella o pobo galego como suxeito político en clave de esquerda e se considera que eu debo achegar coa miña presenza do xeito qeu sexa, eu non me nego a consideralo", resalta.

O líder de Anova revela unha conversa con Pablo Iglesias nos últimos días

Este paso adiante de Xosé Manuel Beiras dáse nun contexto no que non desbota a posibilidade de que poida artellarse unha única candidatura unitaria. "Estanse a dar paso que poden desembocar diso", se ben aprecia como "principais problemas" que "o BNG foi dando pasos, pero non dá os suficientes" e "Podemos tampouco dá os pasos suficientes". Ao seu xuízo, mentres os de Pablo Iglesias "sigan insistindo nunha visión centralizada" e en ser "protagonistas" de candidaturas que actúen como "sucursais", "vai ser imposible unha candidatura unitaria". Se Podemos recoñece a plurinacionalidade do Estado debera "ser congruente" e aceptar que a posible candidatura galega non pode ser "un apéndice de nada, nin subordinada".

Beiras coida que "se están a dar pasos" que poden desembocar nunha candidatura unitaria que non debe ser "apéndice de nada nin subordinada"

Dende o punto de vista de Beiras o resultado das eleccións catalás do vindeiro 27 de setembro poden ser "decisivas para a posición de Podemos" neste eido. Mentres, indica, cómpre continuar o traballo ara ese "irrenunciable suxeito político galego" no que un grupo propio "non sería máis que a expresión dese suxeito político". O grupo galego, resalta, non debe ser un fin en si mesmo, porque mesmo acadándose cunha candidatura esencialmente nacionalista, "o que podería facer é protestar, porque non tería potencia suficiente para derrotar as forzas do réxime e abrir un proceso de cambio de réxime".

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova © Óscar Corral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.