Beiras apela as mareas a artellaren un "suxeito político galego" para as xerais

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Anova

Unha das pezas que se estivo a botar en falta durante as últimas semanas a respecto da posible configuración dunha candidatura unitaria en Galicia para as eleccións xerais era a posición de Xosé Manuel Beiras. Malia estar ao corrente dos case incesantes contactos entre formacións políticas e dos encontros celebrados ao respecto, o portavoz nacional de Anova mantívose en segundo plano ata este domingo, facendo pública unha declaración sobre estas "análises e diálogos" na que apela as mareas municipais, especialmente as que lograron gobernar tras o 24M, a seren a base para "artellar" un "suxeito político galego" para os comicios do vindeiro outono.

Como vén sinalando dende hai meses, Beiras advirte de que a convocatoria do vindeiro outono non será a "dunhas eleccións ordinarias ás Cortes españolas", senón dunha oportunidade para unha "creba democrática" tanto para "os pobos que compoñen a realidade plurinacional do Estado, para exerceren o seu dereito de autodeterminación", como para "o conxunto do Estado e das súas institucións". Neste contexto, di, "andamos a comezar a construción da nosa casa común polo tellado", polas "fórmulas de elaborar candidaturas alternativas, no canto de definirmos conxuntamente os eixos vertebrais dunha estratexia de unidade popular" para ese eventual "proceso constituíne".

O líder de Anova coida que o obxectivo da posible candidatura "non debe limitarse a conquerirmos un grupo parlamentar galego"

A xuízo do histórico nacionalista "Galiza, en canto o pobo e nación que é", debe "participar como suxeito político de seu no seu combate pola ruptura democrática" para, nun novo escenario, lograr ser un "suxeito soberano". Isto, a xuízo de Beiras, implica "que o obxectivo non pode limitarse a conquerirmos un grupo parlamentar galego", toda vez que "se negamos a validez das actuais institucións estatais para elaboraren políticas ao servizo do común cidadán", unha eventual "minoría parlamentar galega nesas Cortes pouco máis podería facer que protestar", sen "lograr decisións políticas favorábeis a Galiza". "Será necesario que o pobo galego poida decidir libremente que políticas lle conveñen, o que implica o exercicio da súa soberanía". E para iso, di, cómpre "un novo marco constitucional no que a nación galega sexa suxeito soberano efectivo".

Chamada ás mareas

"Cómpre que as mareas actúen como axentes de presión cara a ese necesario acordo"

Dende o punto de vista do líder de Anova ese "suxeito político galego" ten que ter entre as súas "pezas" o "tecido asociativo da cidadanía" e mais as "forzas e partidos políticos da esquerda rupturista", tanto "as confesionalmente nacionalistas como as que asuiman e defendan a identidade nacional do pobo galego e o seu dereito" a "exercer a súa soberanía". No entanto, advirte, son "as mareas municipais" as que "teñen a necesidade de se activaren e artellaren como marea galega cara ás eleccións ás Cortes, alén mesmo dos posíbeis desencontros entre partidos que teñen militancia propia integradas nelas". Así, mentres nas últimas semanas transcenden dificultades para conciliar nun único espazo as posicións de, por exemplo, Podemos e outras sensibilidades das mareas -ademais do BNG-, Beiras coida que "cómpre que as mareas actúen como axentes de presión cara a ese necesario acordo", sen "ficar a expensas de que, hipoteticamente, o necesario acordo" entre partidos "non chegase a callar".

"Todos os que din defender o dereito á libre decisión das nacións do Estado deben asumir a presenza do pobo galego nas eleccións como suxeito político de seu"

Neste contexto, o tamén líder de AGE lanza unha mensaxe que ben podera ser lido como toque de atención á formación que encabeza Pablo Iglesias: "todos os que din asumir e defender o dereito á libre decisión dos pobos-nacións do ámbito do Estado deben, congruentemente, asumir a presenza e participación" nesas eleccións "do pobo galego como suxeito político de seu". "Un pobo sometido a espolio colonial" só "pode confiar nunha mudanza na que el mesmo sexa actor en calidade de suxeito político de seu", di. "Nada recibiu nunca o pobo galego da España" e, igual que "a autonomía" non "serviu a Galiza para emanciparse da súa condición de serva", unha "candidatura galega apendicular de calquera candidatura estatal non é compatíbel coa necesaria presenza electoral do suxeito político galego", resalta. "Outra cousa -matiza- sería o seu artellamento cunha alternativa estatal para un proxecto rupturista, do mesmo xeito que non resulta excluíbel, a priori, a participación do pobo galego (...) na construción dun edificio confederal, como xenerosamente leva formulado o nacionalismo galego" dende a Asemblea de Lugo en 1918, lembra.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Anova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.