Multiplícanse os contactos á procura dunha candidatura galega para as xerais

Relatores dun acto público do Encontro Cidadán por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública

Mareas vivas. É posible que esta sexa unha boa imaxe para describir o sucedido na política galega nas eleccións municipais. Algunhas das candidaturas de confluencia coñecidas como mareas ascenderon tan rapidamente que levaron por diante moito máis do previsto. O resultado destas formacións, tan plurais como diferentes entre si, serviu como aguillón para que, poucas semanas despois do 24M, xa xurdisen as primeiras voces a prol da unidade nos seguintes procesos electorais, comezando polas xerais do próximo outono. Ese escenario provocou un estado de efervescencia política que, en pleno verán, ten a case todo o espectro político galego que non abarcan PP e PSOE en plena ebulición.

Este proceso terá un punto de inflexión o próximo fin de semana, cando se celebren as reunións abertas convocadas por dúas das plataformas xurdidas nos últimos meses para alentar a confluencia: o Encontro Cidadán por unha Marea Galega e Pola Unidade, a plataforma que promoveu a marcha unitaria do Día Nacional e que organiza o 'Banquete de Conxo 2.0' para o vindeiro domingo. Os dous ofrécense como espazos para a confluencia, ofrecemento que tamén lanzou a plataforma Somos Nós. Nestes colectivos e na súa contorna mestúranse, en maior ou menor medida, nomes de persoas procedentes de diversos ámbitos sociais con membros e afíns ás organizacións políticas que, case a diario, están a manter contactos a múltiples bandas, tales como Anova, BNG, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia (CxG) e tamén Podemos.

Todas elas, agás o Bloque, apoiaron a algunha das mareas municipais e este, entre outros, foi un dos motivos polos que moitas miradas se dirixiron cara á formación frontista. Ao contrario do sucedido en anteriores procesos, nesta ocasión o BNG deu un dos primeiros pasos acordando, apenas un mes despois das municipais, apostar por unha candidatura galega "de amplo espectro" e renunciando para iso ás súas siglas. A proposta, sinalou entón o seu portavoz nacional, Xavier Vence, dirixíase "á cidadanía" e tamén ao resto de forzas políticas co obxectivo de lograr unha "voz forte e soberana de Galiza no Congreso". Esta iniciativa, non sen algunha tensión interna, veuna mantendo ao longo de todo o verán en encontros con outras formacións.

A vindeira fin de semana celébranse as xuntanzas propiciados dende o Encontro Cidadán por unha Marea Galega e 'Pola unidade'

Outro dos puntos de inicio deste proceso produciuse apenas dúas semanas despois do chamamento do BNG. Durante a súa visita a Galicia o secretario xeral de Podemos sentou á mesma mesa que Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, líderes de Anova e EU. Todos os participantes naquel encontro aseguraron concidir no "que", pero non no "como". As tres formacións compartiron "diagnóstico", pero Pablo Iglesias situou como "innegociables" as siglas de Podemos, mentres que a formación encabezada por Beiras e tamén Esquerda Unida apelaban á "unidade popular". Esta, afirmaron, non é posible coa mera incorporación a determinados postos das listas de Podemos, partido que, pola súa banda, flexibilizou a súa postura nas últimas semanas a este respecto, segundo as fontes consultadas.

O escenario actual

Case dous meses e moitas conversas despois practicamente ningunha das pezas do taboleiro dá nada por pechado. Os participantes nos contactos por parte de Anova recoñecen que o entendemento é máis fluído con Podemos e EU, pero subliñan que o seu obxectivo non é, nin de lonxe, unha coalición, senón a "ampliación" da "acumulación de forzas" que supuxeron as mareas. Un modelo como o da Marea Atlántica coruñesa é, precisamente, o que chama a imitar CxG, que reclama "protagonismo cidadán e adscrición individual".

"Todo o que non sexa unha candidatura galega de unidade popular" implica que "perde o país", din dende Anova

Neste sentido en Anova considérase que as propias candidaturas municipais poderían actuar de "arrastre" para a conformación dun "suxeito político galego" que non sexa "apéndice dunha estratexia estatal", pero tampouco unha mera aposta pola "unidade do nacionalismo orgánico". No que respecta ao BNG as fontes consultadas en Anova subliñan que, aínda que o contacto é máis frío, "comparten" a aposta por unha candidatura con "personalidade xurídica" propia que poida dar lugar a un grupo parlamentario galego no Congreso -que non sería posible coa fórmula inicialmente proposta por Iglesias-. O intento de aproximación continuará "ata o final" porque "todo o que non sexa unha candidatura galega de unidade popular" implicará que "perde o país", din.

Vence subliña que "na candidatura nacional galega" debe poder participar Podemos ou EU, pero "non nos someteremos á arrogancia de ningunha forza estatal"

Desde o Bloque sucédense tamén os contactos e tamén os intentos por acompasar  sensibilidades no seu seo a respecto de por exemplo, a relación con forzas de ámbito estatal. Neste sentido Vence veu reiterando nos últimos días que a vontade da organización é "sumar a todas as forzas, mesmo a aquelas que non son nacionalistas". Nesa "candidatura nacional galega", sinala, deberían poder participar tamén Podemos ou Esquerda Unida. "O que non aceptaremos é que algúns pretendan establecer desde Madrid as regras do xogo, non nos someteremos nunca á arrogancia e prepotencia de ningunha forza política estatal", advirte despois de que o 'número dous' de Podemos, Íñigo Errejón, afirmase nunha entrevista radiofónica que o posible pacto en Galicia "está en marcha" e que o Bloque "non quere" participar nel. A "única condición" de partida é "lograr un grupo galego propio", indica Vence.

Dadas as circunstancias todo parece indicar que os encontros do próximo fin de semana servirán, se cadra, para aclarar posturas pero non para pechar acordos. En ningún dos focos da posible confluencia se dá por "perdida" a oportunidade. A unidade segue sendo posible, asegúrase en case todas as casas, aínda que nalgunha delas xa se contempla, polo menos como hipótese, a posibilidade de que, finalmente, en Galicia haxa, polo menos, dúas candidaturas á esquerda do PSOE.

Beiras, Iglesias, e Díaz, o pasado xullo na Coruña CC-BY-SA Podemos
Xuntanza do BNG e CxG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.