0 Gardados para despois

O BNG aposta por unha candidatura galega unitaria "de amplo espectro" para as xerais

Redacción | @prazapublica

O BNG aposta por unha candidatura galega de unidade de cara ás vindeiras eleccións xerais de outono. E faino a favor dunha confluencia na que tanto a súa formación como o resto que se poidan integrar nela renunciarían ás súas siglas. O Consello Nacional da fronte nacionalista avalou este sábado esa folla de ruta cun apoio "case unánime", segundo aclarou o portavoz nacional, Xavier Vence, que detalla que ese espazo unitario debería contar con personalidade xurídica propia e servir para "a defensa dos intereses de Galiza como nación". Co centro de decisión no país. 

O BNG apoia unha candidatura de país sen siglas na "defensa dos intereses de Galiza como nación"

Esta proposta para unha Candidatura Nacional Galega de Unidade xa foi debatida durante os últimos días nas asembleas abertas convocadas polo BNG en diferentes localidades. E finalmente, semella que o Bloque abre un pouco a man para aceptar non só formacións nacionalistas neste espazo de confluencia, senón tamen outras que, malia ser de ámbito estatal, recoñezan o carácter nacional do país. 

“É unha proposta dirixida á cidadanía e as demais forzas políticas para traballar mancomunadamente na dirección de elaborar unha candidatura nacional galega de amplo espectro que poda recoller o sentir de toda esa cidadanía que quere que Galiza teña unha voz autónoma e soberana no Congreso cun grupo parlamentario propio en defensa dos intereses inmediatos e estratéxico de Galiza como nación”, insistiu Vence tras o Consello Nacional. 

O BNG lanza unha proposta "dirixida á cidadanía e ás demais forzas para traballar mancomunadamente" nunha candidatura "de amplo espectro"

Esa candidatura, tal e como explicou o BNG, "permitiría ter grupo parlamentario propio no Congreso, apostar pola soberanía de Galiza e o pleno desenvolvemento da nosa identidade nacional, lingüística e cultural".Tería como elementos básicos "a defensa dunha sociedade avanzada que aposta pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres, unha economía ao servizo do pobo, que contribúa a desenvolver os nosos sectores produtivos e o dereito de Galiza a producir".

Alén disto, a candidatura unitaria basearíase tamén na "defensa do dereito á vivenda e dos servizos públicos, así como dunha política social que contribúa a minorar as crecentes desigualdades sociais e unha aposta por unha democracia de calidade, promovendo mecanismos de control democrático e de participación social da cidadanía".

 

IU apela ao "pobo galego" para conformar a confluencia

Ao tempo, o candidato de IU ás eleccións xerais, Alberto Garzón, apostou tamén pola "unidade popular", neste caso referido a unha candidatura xeral estatal, e durante a súa visita en Galicia puxo como exemplo as experiencias da Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común para argumentar que "a marca é secundaria"

Garzón cre que será "o pobo galego" quen defina a Marea e cre que o país é o lugar de Europa "máis preparado" para a confluencia

Preguntado sobre unha hipotética marea galega, Garzón afirmou que será o “pobo galego” quen a defina e "como lle pareza oportuno". “Eu teño pouco que dicir con respecto a iso”. Puxo como exemplo as candidaturas cidadás, das que “teñen moito que aprender no resto do Estado”, e destacou que Galicia é “probablemente” o lugar de Europa “máis preparado” para crear unha marea. Asegurouno logo de reunirse con representantes da Marea Atlántica, nun acto ao que tamén asistiron Rubén Pérez, da Marea de Vigo, ou Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE. 

"As candidaturas de unidade popular, aínda que teñan nomes diferentes, son recoñecidas parte do mesmo proceso por parte da xente", dixo Garzón, que reivindicou o liderado "cidadán" por diante dos partidos, que deberían ser só instrumentos e apoios desa candidatura global cidadá. "A marca non me preocupa", insistiu, tras apostar por "salvar" e "limar" as diferenzas entre IU e Podemos. A formación que lidera Pablo Iglesias teima na súa intención de que a súa marca sexa a que lidere esa confluencia e tan só acepta algunha excepción, como no caso galego, onde aposta por unha fórmula que inclúa o nome de Podemos seguido de algunha denominación máis. 

A presión sobre Podemos para que non impoña a súa marca é cada vez maior, tamén desde as súas bases en Galicia

Non obstante, esa fórmula non é nin moito menos a que parece máis axeitada para atraer non só ao BNG ou a EU, senón tamén a outras formacións como Compromiso por Galicia, Anova ou Equo. Tampouco para a cidadanía organizada que debera ser, en palabras de todos estes partidos, quen liderase esa candidatura no país, tal e como xa deixaron claro representantes das mareas coruñesa ou compostelá como Xulio Ferreiro ou Martiño Noriega. A presión sobre Podemos é cada vez maior, tamén desde as súas propias bases. A corrente Podemos Cambiar Galicia celebrou este sábado un encontro en Compostela onde debatía sobre as diferentes fórmulas para se presentar aos comicios xerais. A aposta por un espazo de confluencia sen liderado de ningún partido é cada vez máis aceptada entre os círculos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Un novo manifesto a prol da "marea galega"

Un novo manifesto a prol dunha candidatura unitaria galega. Logo do texto impulsado por Suso de Toro, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz e Xurxo Souto no que se chama a unha "alianza" de base cidadá de cara ás xerais, agora nace o Encontro cidadán por unha marea galega, outra iniciativa coa que "impulsar candidaturas galegas de unidade popular de cara ás vindeiras eleccións xerais e autonómicas".

O manifesto chama a "impulsar candidaturas galegas de unidade popular nas xerais e autonómicas"

Varios persoeiros lanzaron este venres o chamado no que se "aposta claramente pola base cidadá, a independencia con respecto a calquera forza política e o carácter non excluínte" na procura dunha "integración de xente nacionalista e non nacionalista no seu seo".

Durante o acto do venres deuse lectura ao manifesto, "apoiado xa por un amplo número de persoas", e debatéronse as emendas. Ademais, acordouse iniciar unha rolda de contactos co tecido asociativo galego e con outros movementos cívicos para ampliar a base cidadán do movemento e estendelo ao conxunto do país.

Somos Maioría impulsa unha consulta sobre a candidatura galega unitaria

A iniciativa Somos Maioría, que serviu de impulso a varias candidaturas unitarias nas pasadas eleccións municipais, vén de lanzar unha consulta telemática sobre "a necesidade dunha candidatura única galega para as eleccións a Cortes do vindeiro outono". O colectivo lanza así entre os asinantes do seu manifesto inicial unha pregunta sobre a idoneidade ou non de "chamar a uha única candidtura cidadá guiada" para os vindeiros comicios. 

Somos Maioría pregunta sobre a idoneidade dunha candidtura galega "na defensa da maioría social" e do "dereito de Galiza a decidir"

A pregunta, en concreto di: “Credes que debemos, sen competencia ningunha con outras iniciativas que xurdan, chamar a unha única candidatura cidadá galega guiada polos obxectivos do manifesto Somos Maioría e protagonizada directamente pola cidadanía para contribuír á consecución dun Grupo Parlamentar Galego en Madrid na defensa da maioría social e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito da Galiza a decidir?

Así, Somos Maioría anima a todas aquelas persoas que desexen incorporarse á consulta a suscribir o manifesto inicial do colectivo e a "animar tamén a persoas amigas, compañeiras e coñecidas a asinalo e a participar". A entidade cre que o seu chamado de hai xa meses supuxo "unha achega máis" que "animou e alentou un traballo que moita xente e en diversas iniciativas estaba na idea de realizar".

Logo da consulta, Somos Maioría fará público o resultado que, "de ser afirmativo abriría un proceso participativo, sen competencia con outras iniciativas, a prol dunha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir".