0 Gardados para despois

Máis impulso para unha Marea Galega: "Non se pode agardar máis"

Redacción | @prazapublica

"Non se pode agardar máis: a unión é necesaria". Con esta frase comeza o manifesto que intelectuais nacionalistas veñen de lanzar nas redes sociais reclamando unha alianza electoral en Galicia de cara ás vindeiras eleccións xerais de outono. Suso de Toro, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz e Xurxo Souto impulsan un texto que vén asentar o debate e as chamadas á confluencia que, en maior ou menor medida, se están a dar na esquerda política do país ante unha oportunidade que moitos ven como a derradeira. 

"Non se pode agardar máis; a unión é necesaria", reclama o manifesto impulsado por De Toro, Docampo, Fernández Paz e Xurxo Souto

O obxectivo parece claro: un grupo propio galego no Congreso que defenda con forza os intereses do país, máis aínda ante a posibilidade de que un cambio nos futuros comicios provoque unha reformulación no modelo de Estado que ameazaría con rebaixar o estatus do país con respecto a Euskadi e Cataluña. O enorme éxito das mareas cidadás, nomeadamente en Compostela e A Coruña, acabaron por convencer a moitos da idoneidade da confluencia "ampla", dunha Marea Galega. 

"Esta é a hora na que partidos e movementos cívicos e cidadáns deben xuntar as súas forzas nun proxecto representativo común. Nun breve prazo haberá unas eleccións xerais das que sairá unha nova organización do Estado, e a unión é o único camiño para termos voz de noso", di o manifesto, que avoga por un "proxecto nacional galego" a través dunha "alianza aberta e participada directamente pola cidadanía", nunha clara alusión ao ADN das mareas municipais. A forza que xeraron esas plataformas parece clave para os impulsores dun texto que advirten que "todos os indicadores sinalan que esa unión de forzas desencadearía unha ilusionante rexeneración cívica da sociedade galega". 

O manifesto de intelectuais por unha "alianza" de base cidadá únese ás chamadas dos partidos a un proxecto galego para as xerais

A este manifesto únense xa outros -e mesmo artigos de coñecidas figuras do nacionalismo- que avogan por que o vindeiro Día da Patria sirva de impulso e proba para esta unión do soberanismo e da esquerda que recoñeza Galicia como suxeito político propio. "As galegas e os galegos saberán recoñecer o esforzo e os sacrificios que a unión lles esixa; mais, se non o fan, eses mesmos galegos e galegas haberán de lles reclamar a responsabilidade histórica do seu desafecto á nosa nación", lembra tamén o manifesto, que insiste na maioría dos partidos en considerar a oportunidade como única. 

As forzas que conformaron AGE -Anova, EU, Equo e Espazo Ecosocialista- apostan claramente por unha candidatura unitaria e "cidadá" desde e para Galicia, unha proposta na que concorda CxG. No BNG, pola contra, a dirección mantén a idea dunha "candidatura de amplo espectro", renunciando á marca propia pero limitada ás forzas nacionalistas, unha condición que non é nin moito menos unánime. Independentes, importante alcaldes e a corrente Abrente liderada por Carlos Aymerich avogan por abrir o abano. "Unha candidatura galega unitaria, aberta a nacionalistas e non nacionalistas, para que o noso país teña voz propia no Parlamento estatal", dixo o ex deputado do Bloque. 

Podemos xa abre as portas a unha Marea galega propia e dentro do BNG moitas voces piden incluír tamén os "non nacionalistas"

E todos miran a Podemos. A asemblea de Vistalegre establece que a formación debe ser o impulsor de cambio e as ofertas limítanse a incluír baixo o seu "paraugas" outras formacións. Pero Pablo Iglesias recoñece xa a "especifidade" do "ecosistema político galego", así como do catalán, e abre a porta a unha Marea Galega, con marca propia e sen liderado ningún. Sen "galo no poleiro", como lle advertiu Xosé Manuel Beiras. Ao tempo, cargos da formación reclaman xa "apertura ao exterior" ante as eleccións xerais e abren a man á "unidade popular" na que insiste IU. 

Consciente de que o éxito das plataformas cidadás galegas non pode ser atribuído nin en exclusiva nin maioritariamente a Podemos, a formación de Pablo Iglesias semella cambiar o discurso. A preponderancia da súa marca en Galicia non só imposibilitaría a alianza a grande escala que si se deu en localidades como A Coruña, senón que restaría carácter cidadá ao proxecto e deixaría escapar a oportunidade doutra marca xa asentada e recoñecida como propiamente galega tras o éxito da confluencia nas municipais: unha gran Marea. Falta por ver se sobe. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.