A Coruña estrea o escano cidadán nun pleno no que o PSOE pon o primeiro atranco á Marea

Unha veciña intervén desde o escano no pleno da Coruña © Concello da Coruña

O Concello da Coruña estreou este luns a intervención da cidadanía nos seus plenos. Inaugurou o "escano cidadán" nunha xornada que o alcalde Xulio Ferreiro cualificou de "histórica". O executivo local abriu unha quenda de rogos e preguntas aos veciños nos plenos da corporación e foron finalmente oito as persoas que se iniciaron nunha posibilidade xa recollida na lexislación actual pero non empregada antes. Houbo que esperar a pasadas ás once da noite para que a veciñanza tomase a palabra desde o mesmo espazo que adoitan ocupar os concelleiros e nunha xornada con expectación que ateigou a tribuna e obrigou deixar varios cidadáns fóra.

O "escano cidadán" estreouse nun pleno "histórico" e con polémica logo de que o PSOE botase abaixo a modificación de orzamento que pactara coa Marea

Foi logo dun longuísimo e polémico pleno no que o PSOE botou abaixo a última hora a modificación do orzamento pactada coa Marea. E fíxoo despois de terse aprobado na sesión un voto particular do Bloque polo que se engadían ao cambio no crédito 30.000 euros para Igualdade e Participación, unha modificación aceptada por todas as formacións, tamén polo PSdeG, que se abstiveron para que valese o voto único do BNG. Pero aos socialistas pareceulles unha alteración inasumible, unha suposta ruptura dun pacto que xustificaba a súa negativa e unha reviravolta que criticou con dureza o alcalde, que cre que se esa vai ser a súa actitude "poderían ter investido a Negreira". 

Non empañou a polémica o momento histórico, pero atrasouna e moito tras un pleno no que o PP e o PSOE uníronse en varias votacións contra o goberno local, nunha delas mesmo para aprobar unha moción dos socialistas nas que se reclamou a anulación do escano cidadán por terse decidido sen pasar pola Comisión de Participación Cidadá ni pola Comisión de Reforma do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. O alcalde lembrou que o mecanismo de participación cidadá era unha promesa electoral da Marea e unha competencia que outorga a Lei de Grandes Cidades. 

Sonia Hermida, nai dunha nena discriminada nun campamento e á que o goberno de Negreira lle negara intervir no pleno, inaugurou a intervención cidadá

Sexa como for, Sonia Hermida inaugurou un proceso de participación cidadá, unha estrea histórica por vir da nai dunha nena con diversidade funcional á que o anterior goberno do Concello da Coruña lle negara unha praza nun campamento por falta de monitores especializados. A súa intervención estivo cargada de simbolismo, xa que a veciña solicitara unha autorización para intervir no pleno que lle foi denegada polo executivo de Negreira. "Estou aquí por unha cuestión de dereito", dixo este luns no palacio municipal. Un ano despois, e tras contar tamén co apoio do Valedor, preguntou ao executivo polos medios que ía poñer para que non se repetise a discriminación da súa cativa. A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, comprometeuse a coordinar desde 2016 todos os campamentos municipais para evitar casos coma este. 

Logo, Marina Sangiao pediu ao executivo medidas para que os máis neesitados accedan a un fogar e denunciou a cantidade de pisos baleiros da Coruña, ao que o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, respondeu lamentando o escaso parque de vivendas e anunciando negociacións cos bancos para poñer casas en aluguer. Ademais, o presidente da asociación de comerciantes do barrio dos Mallos pediu medidas para fomentar o pequeno comercio, Rubén Purelo reclamou solucións para facer pública a xestión das instalacións deportivas -algo que o Concello anunciou que está negociando-, Roberto Lameiro reclamou arranxar aos problemas de accesibilidade e as barreiras arquitectónica en centros sanitarios, María del Carmen Cagiao advertiu dos problemas de aparcamento en Eirís e María Luisa Alonso solicitou que o executivo exixise máis músicos galegos na Orquestra Sinfónica. 

Os oito veciños pediron solucións á falta de vivendas, ás barreiras arquitectónicas ou para o comercio local, pero tamén houbo tempo para as críticas ao goberno

Pero non todo foron preguntas, reclamacións e suxerencias. Tamén houbo críticas, como as de Ignación Louro, que denunciou a "ineficacia" do goberno da Marea e alertou sobre o incumprimento das 25 medidas que o executivo local prometeu poñer en marcha nos cen primeiros días de mandato. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, recriminoulle ao veciño que estivese incluído nunha lista electoral do PP, actitude que Xulio Ferreiro reprochou á edil porque "aquí pode participar quen queira, sen importar do partido que sexa". 

Foi das últimas intervencións nun pleno que durou case sete horas e no que, malia as evidentes diferenzas que se manifestaron entre os grupos da Marea e do PSOE, aprobáronse unha serie de mocións dos distintos grupos políticos, como unha que aposta pola loita contra as violencias machistas, outra do BNG a favor Ría do Burgo, o mantemento dos postos de traballo de Alcoa ou instar a Xunta a activar o protocolo firmado no seu momento para impulsar a creación dun centro de saúde no mercado de Santa Lucía. 

As concelleiras do PP luciron camisetas rosas en apoio da 'Carrera de la Mujer'. "Hoy ganan las chicas", podíase ler na prenda

Tamén se aprobou cos votos a favor de Marea, PSOE e BNG solicitar ao Porto a cesión gratuíta dos terreos da súa titularidade na Mariña e dos que non fai uso portuario. A proposta contou co voto en contra da bancada do PP, cuxas concelleiras do PP apareceron no pleno con camisetas rosas en apoio da Carrera de la Mujer, criticada polo goberno local -que colabora pero non participa na organización- por repartir cosméticos e a revista Hola! entre as mulleres e polo seu controvertido "enfoque". "Hoy ganan las chicas", poñía a camisola. 

Xulio Ferreiro recibe os veciños que interviron no pleno Dominio Público @ConcelloCoruna
Sonia Hermida inaugura o escano cidadán no pleno da Coruña © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.