Este martes comezan o curso arredor de 200.000 estudantes de ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial. Únense así a un volume semellante de alumnado, segundo datos da Xunta, que a pasada semana retornaba ás aulas de Infantil e Primaria. Os centros educativos do país que funcionan a base de fondos do Goberno galego -os públicos e os concertados- afrontan o período escolar 2015-2016 cun lixeirísimo incremento orzamentario na Consellería de Educación, pero despois de media década na que a dotación das contas públicas para o ensino se reduciu en máis de 300 millóns de euros.
Malia seren negados en diversas ocasións, as propias táboas orzamentarias do Executivo galego amosan ás claras que o orzamento educativo non deixou de baixar dende o cambio de goberno no 2009, ano no que estiveron vixentes as derradeiras contas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Naquel exercicio Educación dispuña de 2.383,2 millóns de euros, a maior cantidade da serie tras varios anos de subas.
O recorte acumulado tocou teito en 2014, con 336,5 millóns menos que nos Orzamentos de 2009
Nas primeiras contas do gabinete de Alberto Núñez Feijóo a función orzamentaria de Educación algo menos de 24 millóns. En 2011 a tesoirada duplicouse e retirou 55 millóns do orzamento e, ao ano seguinte, 11 máis. As contas públicas de 2013 chegaron cun recorte aínda maior, de 127 millóns, e en 2014 quedaron polo camiño 20 millóns máis. Así, cun recorte acumulado de 336,5 millóns de euros, a leve suba incluída nos Orzamentos Xerais de 2015 deixa o saldo total nunha baixada de 335 millóns de euros dende o acceso de Feijóo á Presidencia.
As consecuencias destas restricións orzamentarias son diversas e van dende o material ao humano. Así, por exemplo, nestes últimos anos sucedéronse as denuncias dende os centros educativos públicos por falta de recursos, especialmente no que atinxe ao profesorado. Á espera de coñecer os datos do curso 2015-2016, aínda non publicados pola Consellería de Educación, os resumos realizados polo Ministerio de Facenda indican que entre 2009 e 2015 o cadro de persoal do sistema educativo galego se reduciu nunhas 1.500 persoas, pasando de máis de 35.500 profesionais no ano 2009 a pouco máis de 34.000 a comezos deste ano.
O cadro de persoal do sistema educativo público de Galicia reduciuse en 1.500 persoas nos últimos cinco anos
O curso comeza tamén cunha maior presenza de equipamentos tecnolóxicos nalgunhas aulas. Así, o presidente da Xunta sinala dende hai meses que a xestión do Goberno está permitindo "facer realidade" o que denomina "educación dixital", en referencia á utilización nos centros educativos de pizarras dixitais ou ordenadores como os do Proxecto Abalar. Nesta liña, un informe que vén de facer público a OCDE, organización recorrentemente aludida pola Xunta como termómetro do sistema educativo a través do informe PISA, evidencia que a maior presenza de ordenadores nas aulas non implica, necesariamente, uns mellores resultados escolares do alumnado.