Os gobernos locais da Coruña e de Compostela, xunto cos de Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza e Alacante, veñen de asinar unha declaración conxunta na capital aragonesa na que "exixen" ao Goberno central que "de modo inmediato" aborde a reforma de todo o sistema tributario das administracións locais por ser un sistema "inxusto, discminatorio e insuficiente que nin tan sequera permite a progresividade fiscal".
Os sete concellos reclaman outro sistema tributario para as administracións locais que permita un financiamento "suficiente e sustentable"
Os municipios -gobernados todos eles por candidaturas de unidade popular- pretenden así que se garanta unha Lei de Financiamento dos Concellos "suficiente e sustentable con criterios de progresividade e xustiza social e sustentabilidade medioambiental" e reclaman a modificación da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira "para que as necesidades sociais non estean subordinadoas aos plans económico-financeiros de re-equilibrio previstos na devandita lei".
Na xa denominada Declaración de Zaragoza -subscrita polos responsables económicos dos municipios-, estes gobernos locais lembran que os concellos son "as institucións máis achegadas á cidadanía e as que máis competencias asumen" e que, malia iso, tamén son as que "menos asegurada teñen o seu financiamento" por este "inxusto" sistema que depende, basicamente, de "impostos que non poden vincularse á riqueza real e que, polo tanto, non son xustos na súa aplicación". Así, denuncian que a Lei de Racionalización aprobada polo Executivo central -imposta polo ministro Montoro- "racha co principio de autonomía municipal, que segue sendo unha causa pendente da democracia".
A Declaración de Zaragoza exixe máis autonomía financeira tras unha Lei de Racionalización que "racha co principio de autonomía municipal"
"Hoxe, esta circunstancia legal asfixia os concellos", di o manifesto, que insiste en que numerosas leis "merman a captación de recursos municipais en beneficio de organizacións privadas ou relixiosas". De feito, advirten que a lei fai "un auténtico exercicio de ilusionismo xurídico" para facer desaparecer a partir do 1 de xaneiro de 206 as competencias de carácter social que viñan prestando os concellos e que pasarán a ser das comunidades autónomas.
Así, segundo denuncian, neste marco lexislativo, nin o superávit da administración local garantiría beneficios socials á poboación, senón que este deberá estar destiando a seguir saciando os propietarios de débeda. "Aínda que un consistorio consiga cumprir coa amortización da débeda e ademais xere superávit, non poderá investir eses cartos en investimento social", aclaran, xa que a Lei de Estabilidade Orzamentaria exixe que "deberá servir para adiatntar pagamento de débeda".
"Aínda que un consistorio consiga cumprir coa amortización da débeda e ademais xere superávit, non poderá investir eses cartos en investimento social", lembran
Por iso lembran tamén o "papel frustrante e desigualdador do artigo 135 da Constitución imposto por poderes non elixidos e que confrontan coas necesidades básicas da maioría". "Os Concellos sofren sistemas tributarios e marcos legais esgotados, non dan para máis. Precisamos crear as liñas básicas dun novos sistema de finaciamenteo local do século XXI", rematan os membros dos gobernos locais que se reuniron en Zaragoza, entre eles a concelleira de Economía e Facenda de Compostela, María Rozas.