Operación Patos: Cinco preguntas e respostas para non perderse

Caballero, Bravo Bosch e outros cargos, nunha visita a unhas obras © Concello de Vigo

Unha decisión xudicial sacode por enésima vez a política galega. O auto no que a xuíza María del Carmen García Campos dispón a imputación de 46 persoas -todas as solicitadas pola Fiscalía, agás tres- no caso Patos trouxo consigo a confusión que adoitan implicar este tipo de macrooperacións, máis aínda cando, como neste caso, afectan a empresarios, técnicos e, sobre todo, políticos de distinto signo. Posiblemente a imputación máis mediática de todas as ditaminadas é a do alcalde de Vigo, Abel Caballero, por chegar xusto cando vén de ser elixido presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). No entanto, a maxistrada investiga tamén a gran parte da cúpula do PP de Pontevedra e á delegada da Xunta en Vigo, entre outros cargos. Estas son algunhas de claves que poden servir como guía no caso.

1-Cando comeza?

As peticións da Fiscalía e o auto deste venres non foron, nin de lonxe, os primeiros episodios dunha operación que estouraba en febreiro de 2014, cando varias comitivas xudiciais e policiais irrompían en diferentes instalacións públicas e privadas en Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Nigrán e Ponteareas. Foron, en total, 17 rexistros, entre eles os de dependencias municipais de Vigo e Pontevedra, a delegación viguesa da Xunta e a autoridade portuaria da mesma cidade, e a sede da Deputación de Pontevedra. Ademais, rexistráronse as sedes de empresas como a compañía de servizos de xardinaría Cespa, Enalvi, Intermediación Ambiental e, sobre todo, a construtora Eiriña. Naquel primeiro movemento foron detidas catro persoas ligadas a Cespa e o entón concelleiro de obras de Nigrán, José Álvarez (PP).

2-Que investiga?

Como noutras das operacións xudiciais desenvolvidas nos últimos anos en Galicia e outros puntos do Estado, a investigación céntrase en presuntas irregularidades en concesións públicas e en supostos delitos de prevaricación, suborno e tráficos de influencias de políticos e responsables públicos para beneficiar as empresas supostamente implicadas. Concretamente, segundo transcendeu nas últimas semanas, investígase a legalidade dunha corentena de adxudicacións da Xunta, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vigo, Nigrán, Santiago, Pontevedra e Ponteareas, que durante case unha década sumaron ao redor de 40 millóns de euros

3-Como actuaban?

Segundo os informes da Policía, a intermediación do responsable de Eiriña, Enrique Alonso Pais, estaría no centro de toda unha rede de adxudicacións "irregulares" conseguidas grazas á intermediación con responsables políticos. Sempre segundo a investigación, a empresa construtora manobraba para que nos diferentes procedementos de contratación participasen as compañías que consideraba oportunas, amañando así os procesos e determinando o seu resultado. A legalidade dos procesos, di a Policía, era só aparente, xa que as adxudicacións eran "arbitrarias e inxustas".

4-A quen afecta?

Tras o primeiros cinco imputados de 2014, o auto deste venres eleva a cifra de persoas presuntamente implicadas ao medio cento. Ao alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero (PSOE), a UDEF atribúelle a recepción de reloxo Montblanc en 2010 e dunha pluma estilográfica en 2009. Tamén se atribúe a recepción dun reloxo, así como amaños de contratos, ao líder do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, a quen a investigación relaciona ademais con supostos amaños de contratos de obras en tres campos de fútbol e pequenas obras en varios concellos durante a súa etapa como presidente na Deputación de Pontevedra, que encabezou ata o pasado xuño. A investigación atribúe igualmente agasallos das empresas e influencias ao exlíder do PP vigués, José Manuel Figueroa.

A Policía interceptou mensaxes de Bravo Bosch a Feijóo interesándose por xestións de empresas e consultando se acudir a un xantar co responsable de Eiriña

Ademais das imputacións no ámbito da Administración local, como as dos concelleiros socialistas de Vigo Ángel Rivas, David Regades e Isaura Abelairas, esta investigación salpica tamén o goberno galego na persoa da súa delegada en Vigo, María José Bravo. Segundo publicou Faro de Vigo, os investigadores atribúenlle a Bravo Bosch "predilección" por adxudicarlle obras a Eiriña na súa calidade de presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo. Ademais, a Policía interceptou mensaxes da delegada dirixidos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nos que a delegada lle expuña ao líder do PP problemas de diversos empresarios con contratos, créditos e pagos pendentes, ou lle consultaba a idoneidade de acudir a unha comida co responsable de Eiriña.

5-Como responderon os políticos?

Tras coñecerse que a Fiscalía pedía a súa imputación o rexedor vigués asegurou que nunca chegou a recibir o reloxo e que a pluma foi devolta tras serlle enviada. "Poño a man no lume por min", advertiu ao ser preguntado polas posibles responsabiidades dos seus concelleiros. Tras coñecerse a imputación, Caballero enfatizou este venres que "non recibín o reloxo ao que alude o Ministerio Fiscal, nin eu nin ninguén do meu entorno". No que atinxe á pluma, indica, a propia UDEF "amosa que non existiu tal agasallo, porque foi devolto pola empresa ao comercio, e así o corrobora a propia documentación da Policía".

Louzán, que agora ostenta a presidencia da Federación Galega de Fútbol, nega igualmente recibir agasallos de empresas "alén do detalle de cortesía" -a xuíza fixa ese límite da cortesía en 600 euros-. A delegada da Xunta, pola súa banda, declarouse "sorprendida" pero "tranquila", xa que, asegura, non adxudicou contratos a Eiriña. Mentres, o presidente da Xunta negou que participase en "chanchullo" ningún e, ademais de anunciar un informe sobre os contratos coas empresas investigadas, xustificou as mensaxes con Bravo Bosch sinalando que "se é delegada do Goberno, terei que ter contacto con ela".

Feijóo e Louzán, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.