Ampla maioría absoluta do independentismo catalán, que fica ao bordo do 50% dos votos

Simpatizantes de Junts pel Sí, na celebración do resultado CC-BY-SA Sandra Lázaro / Catalunya Plural

O independentismo alcanzou con claridade a maioría absoluta no novo Parlament catalán, pero quedou a pouco menos de dous puntos da maioría dos votos. Con máis do 94% escrutado, Junts pel Sí (JxSí) e a CUP suman 72 escaños (en 68 está a absoluta) e algo menos do 48% dos sufraxios. 

Junts pel Sí gañou con diferenza, pero os seus 62 escanos non superan, nin moito menos, aos que obtiveran a CiU e ERC por separado en 2012, cando sumaran 71. Perderon varios, case os mesmos que gañou a CUP, que pasou dos 3 deputados de hai tres anos aos 10 de agora. O avance desta última forza pode ser clave, xa que xa deixou claro que non apoiarían a investidura de Artur Mas, a quen non queren liderando un procés que semella que seguirá adiante, pero que non parece que poida ser acelerado ao non superar o independentismo o 50% dos sufraxios. 

De feito, a Artur Mas -e JxSi- non lles serviría a abstención da CUP para ser investido presidente, senón que precisarían o voto a favor, polo que a posibilidade de que o candidato non sexa o actual president é cada vez máis clara. A CUP será a chave do proceso. 

O independentismo saíu fortalecido, pero sobre todo a forza daqueles que apostan por un novo estatus. A suma de todas aquelas formacións que avogan por unha consulta e unha nova relación co Estado. Junts pel Sí, CUP, Catalunya Si que es Pot e Unió, que piden un referendo legal, superan con amplitude o 60% dos votos.

Junts pel Sí obtivo menos escanos que a suma de CiU e ERC en 2012 e perdeu case os mesmos deputados que gañou a CUP

O que quedou claro é que non eran unhas eleccións calquera. Deixárono claro as enormes ringleiras de xente que durante todo o día acudiron aos colexios electorais. E o carácter plebiscitario, explícita ou implicitamente, tamén foi evidente polas mensaxes que independentistas, soberanistas e non independentistas lanzaron durante toda a campaña. Era unha data histórica e así o foi. Ao final, a participación alcanzou o 77,21%%, case dez puntos máis que nas eleccións autonómicas de 2012. 

A suma dos partidos que apostan por un novo estatus e un referendo supera o 60% dos votos

Quen sae mal parado, ou cando menos non como desexaba, é Podemos, que integrou a candidatura de Catalunya Si que es Pot xunto a Iniciativa per Catalunya e outros grupos. O seu resultado non mellorou en escanos aos de IC-V en solitario e as expectativas de Pablo Iglesias quedaron fondamente tocadas, tendo en conta tamén as negociacións que mantén noutros territorios para integrar grupos nacionalistas na súa candidatura. Quedou lonxe do PSOE e empatado co PP en escanos.

Os malos resultados de Catalunya Sí que es Pot supoñen un golpe a Podemos

Foi o PP quen tamén levou un duro golpe ao non conseguir recoller o voto do unionismo, que foi parar fundamentalmente a Ciudadanos, que é a outra gran formación que saíu fortalecida deste 27S, sobre todo de cara ás vindeiras eleccións xerais. O cambio de candidatura e o discurso radical de García Albiol non funcionou para os de Rajoy. Entre os socialistas, a perda de apoios era esperada, pero se cadra foi menor do agardado. Un mal menor para un partido que non hai moito gobernaba o país. Pola súa banda, Unió, que aspiraba a entrar na Cámara autonómica, non alcanzou superar a barreira do 3% dos votos. 

"Gañamos", dixo Artur Mas na súa primeira comparecencia, na que dixo que houbera "dúas vitorias nunha" neste 27 de setembro: "a do si e a da democracia". Ademais, preguntouse que "que dirán" aqueles "que negaron o carácter plebiscitario" dos comicios ao superarse o 75% dos votos. "Do mesmo xeito que teriamos aceptado a derrota, pedimos que os demais acepten a vitoria de Catalunya e do si", engadiu o president da Generalitat e número 4 da lista de Junts pel Si. 

>> Máis información en Catalunya Plural

Artur Mas, tras coñecer os resultados CC-BY-SA Sandra Lázaro / Catalunya Plural
Baños e candidatos da CUP, celebrando os resultados CC-BY-SA Robert Bonet / Catalunya Plural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.