A Xunta terá que pronunciarse antes de final de ano sobre a continuidade de ENCE en Lourizán

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

Antes de que remate o ano a Consellaría de Medio Ambiente deberá emitir un informe que valore a demanda de ENCE de prorrogar máis aló de 2018 a concesión que lle permite operar en Lourizán, no interior da ría de Pontevedra. Todo semella indicar que o ditame do Goberno galego será favorable. Aínda que o informe non é vinculante, unha resposta positiva sería case definitiva para que a Dirección Xeral de Costas do Goberno central lle outorgase a prórroga solicitada a ENCE: 60 anos máis en Lourizán, ata o ano 2078.

Aínda que o informe non é vinculante, unha resposta positiva sería case definitiva. 60 anos máis en Lourizán, ata o ano 2078

É a segunda vez que Costas lle pide este informe ao Goberno galego. A primeira, a comezos de 2014, o proceso foi freado ata a aprobación e entrada en vigor do regulamento que desenvolve a nova Lei de Costas. Co regulamento en marcha, e unha vez que Costas desestimou en agosto as alegacións presentadas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Salvemos Pontevedra e mais o propio Concello, que cuestionaban a vixencia da actual concesión, a empresa reactivou a súa solicitude de prórroga.

Costas úrxelle á Xunta que se pronuncie sobre a continuidade de ENCE en Lourizán e esíxelle que emita o seu ditame antes de que remate este ano

Agora Costas úrxelle á Xunta que se pronuncie sobre a continuidade de ENCE en Lourizán e esíxelle que emita o seu ditame antes de que remate este ano. Nos últimos dous anos o Goberno galego e o Partido Popular deixaron claro o seu apoio á permanencia da pasteira, a pesar de que no pasado amosaran unha posición máis ambigua e mesmo apostaran claramente (entre 2009 e 2013) polo traslado. Porén, desta volta o Goberno galego deberá pronunciarse oficialmente. A Xunta é a única administración que defende oficialmente a continuidade, fronte á posición do Concello de Pontevedra e da Deputación, agora gobernada por PSdeG-PSOE e BNG. O ente provincial sinalou hai unhas semanas que a planta "supón un ataque frontal á poboación da ría" e unha "agresión ambiental, social e económica ao futuro" da contorna. 

Factoría de Ence en Pontevedra © Ence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.