Ciudadanos recadou en Galicia pouco máis de 16.000 votos nas eleccións europeas de 2014 e algo máis de 28.000 nas municipais deste ano, nas que obtivo 16 edís en todo o país. Foron dous discretísimos resultados, en ambos casos por baixo do 2% dos votos, que situaron este partido nuns niveis de apoio cidadán semellantes aos que nos últimos anos viñera tendo UPyD. No entanto, cara os vindeiros comicios xerais e galegos nas filas do PP existe, especialmente tras o resultado de Catalunya, certo temor a que a formación de Albert Rivera poida pescar nos caladoiros máis nacionalistas españois ou nos máis escorados á dereita que queiran castigar a Mariano Rajoy por, entre outros asuntos, os casos de corrupción. Neste contexto, Ciudadanos e a súa moi feble estrutura en Galicia preséntase como un partido nado ex novo, se ben xa ten tras de si certo currículo, sobre todo vinculado á crítica máis dura contra as medidas de normalización da lingua galega e o que denominaban "galleguización".
Tras o resultado catalán existe temor no PP a que Ciudadanos pesque nos seus caladoiros máis nacionalistas ou escorados á dereita
Un dos primeiros intentos de Ciudadanos por internarse na política galega produciuse na primavera de 2008, cando traduciu o seu nome ao castelán para anunciar que o seu Comité Executivo decidira dar "total apoyo" á manifestación que convocara en Vigo unha asociación denominada Galicia Bilingüe contra os "ataques que ha sufrido a manos de independentistas radicales gallegos". O Goberno da Xunta, daquela dirixido por PSdeG e BNG, estaba a amosar "pasividad cómplice", polo que, ante a "amenaza del nacionalismo excluyente contra la libertad", que, dicían, "se extiende por toda España", resultaba "preciso demostrar que los ciudadanos no estamos dispuestos a permanecer en silencio".
Pouco despois daquel acto, en setembro do mesmo ano, Ciudadanos reaparecía en Galicia para, de novo, cargar contra o uso do galego nos espazos públicos. Nesta ocasión facíao para "aplaudir" a presentación dun informe do lobby empresarial Club Financiero de Vigo que, baixo o título Política lingüística, una visión empresarial, defendía teses como unha suposta "imposición" do galego, axitaba a bandeira da "falta de libertad" e, no marco dunha dura crítica contra a Xunta, chegaba a teorizar sobre unha suposta marcha de empresas de Galicia por mor da política lingüística do Goberno.
Os de Rivera aplaudiron o Club Financiero de Vigo polo informe sobre o que teorizaba sobre unha suposta falta de liberdade en Galicia por mor da lingua
Dende a súa "Federación Norte" Ciudadanos evidenciaba que as "ideas" do Club "casan a la perfección con el ideario y el trabajo" do partido. O galego, afirmaban, estaba a tornar "en una frontera que dificulta actividades financieras, económicas y comerciales", e por iso ofrecían "apoyo y ayuda a las familias para las que escolarizar a su hijo en castellano es una misión imposible". "La Federación Norte de Ciudadanos recuerda que la lengua común de todos los españoles es el castellano y su defensa es la defensa" de "Galicia como parte de España", proclamaban, mentres aludían a circunstancias que nunca se produciron, como supostas "multas por no rotular en el idioma autonómico".
Manifestación en Santiago
Tras estas primeiras aparicións, cunha repercusión practicamente nula, a terceira incursión de Ciudadanos en Galicia tivo, relativamente, un eco maior. Foi cando a mesma asociación que se manifestara un ano antes en Vigo fixo o propio en Santiago, nesa ocasión ás portas da campaña electoral galega e co apoio explícito do PP, que enviou á marcha contra a normalización lingüística a dirixentes tan destacados como Alfonso Rueda, Carlos Negreira ou Ana Pastor, entre outros. Ás portas daquela protesta Ciudadanos anunciaba "que apoya y estará presente" nun acto que, aseguraba, tiña como obxectivo "la defensa de la libertad".
O partido celebrou "la eliminación de las galescolas y el freno de la imposición del gallego", pero atribuíulle ao PP "complejos" polo seu "doble juego con el nacionalismo"
"Este es un problema nacional, del conjunto de todos los españoles", sinalaba o partido, a xuízo do cal aquel 8 de febreiro de 2009 serviría para "exigir una Administración bilingüe, que los empresarios y comerciantes sean libres de usar la lengua que prefieran en sus negocios y para que las subvenciones de la Junta de Galicia no estén condicionadas al uso de un idioma concreto". "El día antes -aproveitaban para lembrar- hay convocada una concentración para pedir la dimisión del presidente de la Generalidad de Cataluña".
Unha vez pasadas aquelas eleccións -ás que Ciudadanos non concorreu-, este partido volveu secundar a mesma asociación para, poucos meses despois da vitoria de Feijóo, "reconocer" que "la llegada del PP a la Xunta ha supuesto un avance relativo en la defensa de los derechos tan atacados por socialistas y nacionalistas". Para os de Rivera resultaba "positivo" a posta en marcha de iniciativas como "la consulta a los padres, la eliminación de las galescolas y el freno al proceso de imposición del gallego que se estaba producindo en distintos municipios de Asturias", dicía aquel comunicado. Non obstante, as medidas do PP non ían máis alá polos "complejos que arrastra en lo que respecta a su doble juego con los nacionalistas". Media década despois, Rivera é promocionado en diversos ámbitos como alternativa de Goberno no Estado.