O Encontro pola Marea Galega rexeita fusionarse coa Iniciativa pola Unión

Encontro por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión (IxU) non confluirán nunha única plataforma a prol dunha candidatura unitaria da esquerda rupturista e do nacionalismo en Galicia. Os integrantes do primeiro dos colectivos acordaron na consulta telemática levada a cabo nos últimos días a "cooperación práctica en prol da maior confluencia posible" pero non a "integración inmediata nunha soa organización", segundo as dúas opcións que se votaron conforme ás propostas da coordinadora do Encontro e de IxU respectivamente tras as demandas desta última a unha fusión e camiño conxunto. 

O 57% dos integrantes do Encontro que participaron na consulta optaron pola "cooperación práctica" mentres o 43% votaron a prol da "integración inmediata"

Segundo os datos facilitados polo Encontro, o 57% das persoas que participaron no referendo optaron por esa "cooperación práctica", en concreto 239 integrantes do Encontro, fronte ao 43% e 183 membros desta plataforma que optaron por unha "integración inmediata" con Iniciativa pola Unión. 

Gañou así a tese da coordinadora do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, que optaba por unha colaboración con Iniciativa pola Unión pero coa integración que propón a plataforma xurdida do Banquete de Conxo. Xa que logo, a confluencia da esquerda e do nacionalismo galego nunha única candidatura de cara ás eleccións xerais segue a dar voltas e a dividirse en dous camiños que transcorren paralelos -mesmo nos obxectivos que se din perseguir- pero que nin se tocan nin tan sequera se cruzan. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Encontro por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.