Un dos momentos máis tensos da turbulenta vida política galega na segunda metade dos anos 80 foi a votación da moción de censura contra o Goberno de Alianza Popular, aquela en cuxo debate Mariano Rajoy anunciara que se dispuña a "abandonar a vida política" dentro de "pouco" tempo. Tras a ruptura da dereita galaica os votos de PSdeG, Coalición Galega e PNG fixeron presidente o socialista Fernando González Laxe. A toma de posesión daquel 29 de setembro de 1987 ficou amplamente reflectida nos xornais do día seguinte e, por exemplo, na prensa local compostelá, atacábase duramente o novo presidente pola ausencia do crucifixo na súa promesa do cargo. Durante estas tres décadas o símbolo católico apareceu e retornou neste tipo de actos, e a última desaparición aconteceu, sen anuncios previos nin comentarios posteriores, co actual Goberno galego.
Durante o fraguismo a cruz presidiu os actos de toma de posesión do presidente e mais dos conselleiros, uso e costume que se mantivo ata agosto de 2005, coa elección do Goberno bipartito. Como fixera González Laxe, o 2 de agosto o daquela líder do PSdeG prometeu o cargo no Parlamento sobre senllos exemplares da Constitución e do Estatuto de Autonomía, sen a presenza do crucifixo e sen un exemplar da Biblia. Do mesmo xeito, dous días despois o vicepresidente, Anxo Quintana, e os conselleiros e conselleiras asumiron as súas novas responsabilidades no Pazo de Raxoi ante a representación as leis fundamentais de Galicia e do Estado, sen simboloxía católica.
González Laxe foi duramente criticado pola ausencia da cruz na súa toma de posesión; o símbolo volveu durante o fraguismo e desapareceu co bipartito
O retorno do crucifixo a estes actos oficiais do Goberno produciuse en abril de 2009, no retorno do PP ao poder da man de Alberto Núñez Feijóo, que asumiu a Presidencia coa cruz, a Biblia, o Estatuto e a Constitución como testemuños. O mesmo fixeron os restantes dez compoñentes do seu primeiro Consello da Xunta. En 2012 a escena repetiuse tanto na toma de posesión do presidente como na do vicepresidente Rueda e restantes conselleiros. Tamén houbo Biblias e crucifixos nos actos de toma de posesión de cargos intermedios e mais na da conselleira Ethel Vázquez, que en xuño de 2014 substituíu a Agustín Hernández á fronte de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas.
A toma de posesión de Ethel Vázquez celebrouse tan só vinte e catro horas antes doutra que ocupou todos os titulares da prensa: a de Felipe de Borbón, coroado ante as Cortes como novo rei de España. Un detalles resaltados desa proclamación foi a ausencia do crucifixo xunto ao cetro e a coroa que representan a Casa Real española.
Nas tomas de posesión de 2009 e 2012 o crucifixo estivo presente, e nas que se celebraron tras a coroación do rei, que a desbotou, xa non estivo
Causalidade, casualidade ou non, o certo é que o seguinte acto de toma de posesión que se celebrou no Goberno galego, o dos conselleiros Valeriano Martínez e Román Rodríguez como novos responsables de Facenda e Educación, en febreiro deste 2015, non estivo presente a cruz, aínda que si a Biblia ao carón dos textos legais. O mesmo sucedeu o pasado luns, no acto en que se fixo oficial a crise de goberno decretada polo presidente, coa reestruturación do Executivo e a chegada de tres novos conselleiros. Estas ausencias non suscitaron, cando menos polo momento, crítica ningunha.
A Xunta especifica que non existe ningunha norma ao respecto
Esta silenciosa desaparición da cruz nestes actos prodúcese nun contexto no que o partido que sustenta o goberno non aforrou críticas ás forzas que, nos últimos meses, decidiron desligar os concellos e outras institucións de eventos confesionais. Mentres, fontes do Goberno galego consultadas por esta redacción indican que non existe unha norma ou criterio específico para a presenza de simboloxía relixiosa nas tomas de posesión, cuxa retirada foi desbotada no Congreso dos Deputados no marco dunha votación en maio de 2008.