Francisco Franco vai ficando sen as escasas honras que -oficialmente- lle quedaban. O vindeiro 19 de outubro todos os grupos da corporación municipal de Pontevedra ratificarán a decisión que vén de adoptar a comisión municipal de Benestar, Cultura e Deporte, e certificarán a retirada da medalla de ouro da cidade ao ditador, outorgada pola Corporación de 1944.
Esta retirada culminará, en certo xeito, unha das primeiras accións do goberno municipal tras a chegada do BNG á alcaldía en 1999. Daquela desapareceu das instalacións municipais unha placa en homenaxe a Franco, pero o actual trámite non foi posible ata agora, "despois dun proceso de investigación interna na documentación do Arquivo municipal" que permitiu dar coa acta da sesión extraordinaria que, o 27 de agosto de 1944, decidiu outorgar tal medalla.
Naquela ocasión, o goberno local dirixido polo alcalde franquista Luis Ponce de León y Cabello decidiu conmemorar unha visita do ditador á cidade homenaxeándoo deste xeito. Así o testemuña a documentación rescatada por persoal municipal mentres reunía documentación para "homenaxear os funcionarios represaliados", acto celebrado o pasado ano.
A medalla outorgárase nunha sesión de 1944 cadrando cunha visita do ditador á cidade
Ao contrario do que veu sucedendo noutras localidades -recentemente na Coruña, por exemplo, o PP desmarcouse e mesmo criticou o cambio de nome da praza Millán Astray-, en Pontevedra a iniciativa ten o aval non só do grupo do Bloque, senón tamén de PP, PSdeG, Marea e Ciudadanos. "Cumprindo coa lei de memoria histórica -resalta o goberno local-, a corporación de 2015 acorda retirarlle" a Franco "o máis grande recoñecemento que se pode outorgar por parte do Concello.
O acordo de retirada desta medalla enmárcase nun programa de actos mais amplo que, avanza o Concello, se estenderá durante todo o vindeiro ano. Cadrando co octoséximo aniversario do golpe franquista, o Concello Pontevedrés realizará homenaxes "a todas as vítimas da represión franquista, especiamente centradas nas mulleres" e nas persoas cuxo padecemento durante a ditadura foi "máis esquecido".