Marea.gal celebra o foro de partidos sen IxU nin o BNG, que lamenta "exclusións"

Mesa de partidos celebrada o pasado setembro CC-BY-SA Marea.gal

O chamado a un foro de partidos ao abeiro do Encontro Cidadán por unha Marea Galega e mais da Iniciativa pola Unión finalmente non se celebrará tal e como se anunciou. Ao longo da tarde deste venres celébrase en Compostela unha xuntanza de forzas políticas e mais de Marea.gal, pero nel non hai representación de Iniciativa pola Unión nin do BNG, que nun comunicado explica que "declinou" asistir porque foron "excluídas" da convocatoria varias formacións políticas.

Segundo indica o Encontro Cidadán, a xuntanza deste venres encaixa co "acordado a pasada semana con Iniciativa pola Unión", isto é, constituír "un foro político con Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida e Podemos", xa que estas son as "organizacións que xa participaran no encontro" do pasado 12 de setembro no que se abordaron os "elementos esenciais para unha candidatura de unidade popualr e de base cidadá".

"Esta convocatoria -din- mantense malia á situación de confusión creada pola retirada de Iniciativa pola Unión, xa que os tempos apreman e é necesario forzar a definición dos diferentes actores a respecto dun proceso no que a cidadanía non adscrita poida participar de xeito efectivo". Trátase, di, dunha "última chamada" para a "unidade" na que Marea.gal publica a súa "proposta de bases" coa vista posta nas eleccións xerais, pero tamén nas galegas de 2016. "O único obxectivo deste foro -resaltan- é pechar un acordo de colaboración entre aquelas forzas que asuman estes principios, recollidos no manifesto fundacional". "O Encontro percibe o enorme ruído xerado arredor da confluencia, e entende non se pode continuar dándolle voltas á cuestión sen asentar consensos estables. A xente ten demandas claras e está farta de esperar", conclúen.

Marea.gal indica que mativo a convocatoria porque "non se pode continuar dándolle voltas á cuestión sen asentar consensos estables"

Diante deste convocatoria, Iniciativa pola Unión sinala, pola súa banda, que unha vez lanzada a convocatoria conxunta ambas plataformas mantiveron unha segunda xuntanza, na que, resaltan, "IxU "trasladou a vontade de participar nun acto aberto, plural e no que teñan cabida todas as organizacións políticas e partidos que así o desexaren" sen "exclusións", se ben "Encontro Cidadán argüen razóns organizativas para rexeitar que así sexa, asegurando que é inviábel a presenza de máis delegacións que as propostas", isto é, as oito do encontro de setembro. A plataforma detalla que "reiterou formalmente" a proposta de "convocatoria aberta a todas as forzas" pero "non obtivemos resposta".

IxU asegura que realizou unha proposta de "convocatoria aberta a todas as forzas"

Este é o contexto no que o BNG decidiu non acudir o foro, ao entender que "na súa convocatoria foron explicitamente excluídas, de xeito unilateral, forzas que están participando activamente en Iniciativa pola Unión". "Entendemos -di a formación frontista- que a candidatura galega de unidade debe construírse con todas as organizacións e persoas que comparten os obxectivos básicos" sen "vetos previos". O Bloque, sinalan, "vén participando" en IxU e apostando por un "proceso que integre en pé de igualdade persoas e organizacións políticas que compartan este obxectivo básico, sen máis condicións que a de articularse arredor dun procedemento participativo para a elaboración do programa e a elección de candidatos e candidatas mediante eleccións primarias".

O BNG sinala que segue en "disposición a asistir a todos os foros que as iniciativas pola candidatura galega consideren preciso"

Así e todo, e á espera dos resultado do encontro deste venres, o BNG indica que segue a ter "disposición a asistir a todos os foros que as iniciativas pola candidatura galega consideren preciso convocar no futuro inmediato". Estes foros, din, non deberan ter "máis premisas que a participación en pé de igualdade de todas as persoas e organizacións que persigan o obxectivo de conformar a candidatura que está a demandar unha ampla representación da sociedade galega"

Acto de Iniciativa pola Unión en Compostela CC-BY-SA Quino Vilas / Pola Unión

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.