- Marea.gal celebra o foro de partidos sen IxU nin o BNG, que lamenta "exclusións"
- Compromiso lembra que decidirá como concorrer ás xerais na convención do día 24
As sete forzas políticas que participaron no foro organizado dende o Encontro Cidadán por unha Marea Galega (Marea.gal) aseguran estar xa a camiñar cara á "construción dunha candidatura de unidade popular". Anova, Cerna, Compromiso por Galicia -que vota o día 24 como concorrerá ás xerais-, Espazo, Equo, EU e Podemos e mais a propia Marea.gal veñen de difundir un comunicado no que estas organizacións indican que, "tras analizar o documento achegado" dende o Encontro, poden afirmar xa a "vontade de presentarse unidas tanto ás eleccións xerais" de decembro "como ás próximas autonómicas" de 2016.
"A mobilización da esperanzad a unidade popular non pode reducirse a un simple movemento táctico, estamos construíndo un novo suxeito político" que, sinalan, terá "vontade de permanecer" coa "cidadanía galega" como "protagonista. "É imprescindible a cooperación" entre as forzas políticas "nacionalistas e non nacionalistas" que teñan no seu horizonte acadar a "capacidade de gañar as eleccións en Galicia". Esa "cooperación", resaltan, debera darse tamén "nos concellos", coas "mareas municipais que son procesos de unidade".
Marea.gal e as oito forzas apostan pola fórmula da "coalición electoral técnica" que conforme un "grupo parlamentario ao servizo da cidadanía galega"
Así as cousas, estas organizacións amosan a súa aposta por conformaren unha "candidatura plural e cívica para vencer" que xuridicamente teña a forma de "coalición electoral técnica" orientada a conformar un "grupo parlamentario ao servizo da cidadanía galega". "Ao esgotárense os prazos para outras alternativas legais diferentes -detallan-, entendemos que a coalición de partidos é a forma xurídica adecuada para presentarse ás eleccións xerais", porque "permite fixar fórmulas de organización, dirección común e intervención por parte dos partidos e iniciativas cidadás implicadas".
Nesta coalición, indican, constituiranse "órganos de partipación e dirección" que "asumirán os métodos transparentes da democracia participativa e da nova cultura política das mareas". "Os deputados e deputadas" que saian electos, acrecentan, "funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentario que se debe ao pobo galego e rende contas diante da súa cidadanía".
"Decidiuse manter aberto o proceso á incorporación doutros axentes políticos e sociais"
Así as cousas, Marea.gal e estas oito forzas emprázanse a desenvolver un "calendario de traballo con prazos concretos" que organice un proceso de "primarias abertas á cidadanía" con mecanismos correctores de xénero e a posta en marcha da elaboración dun "programa aberto e participativo" e mais dun "código ético" e un sistema de "rendición de contas". "Asemade -agregan- decidiuse manter o proceso aberto á incorporación doutros axentes políticos e sociais que asuman estas premisas".
Dende Iniciativa pola Unión sinalan que os "vetos" impiden a unidade
O encontro deste venres ía estar inicialmente auspiciado por Marea.galm pero tamén por Inicitiva pola Unión (IxU). No entanto, IxU sinala que desde Marea.gal reduciuse a convocatoria a este oito partidos, que xa participaran nun encontro anterior, impedindo "un acto aberto, plural, no que teñan cabida todas as organizacións políticas e partidos que o desexen". Desde a contorna de Iniciativa pola Unión laméntase un "veto" que, sinalan, impide a unidade.
Estas "exclusións" son tamén o motivo aludido polo BNG para "declinar" participar no foro de Marea.gal. "Na súa convocatoria foron explicitamente excluídas, de modo unilateral, forzas que están a participar activamente en Iniciativa pola Unión", sinala o Bloque. "Entendemos que a candidatura galega de unidade debe construírse con todas as orgnizacións e persoas que comparten obxectivos básicos, sen vetos previos". No entanto, aclara a formación frontista, "o BNG segue en disposición de asistir a todos os foros que as iniciativas pola candidatura galega consideren preciso convocar no futuro" e facelo "sen máis premisas que a participación en pé de igualdade de todas as persoas e organizacións que persigan o obxectivo de conformar a candidatura que demanda unha ampla representación da sociedade galega".