Que elixe Galicia nas xerais?

Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

A apenas dous meses das eleccións xerais o panorama político galego está inmerso xa na efervescencia propia dun período preelectoral, aínda que polo momento só se coñezan dous actores certos no proceso, PP e PSOE, mentres no resto da banda esquerda se suceden os movementos en torno á posible unidade e no ámbito da dereita, Ciudadanos fía candidaturas para tentar pescar fundamentalmente nos caladoiros do PP, pero tamén nos dos socialistas. Neste contexto, son múltiplas as análises das forzas políticas a respecto da cita do 20D, dende a posibilidade dun cambio de Goberno no Estado ata as repercusións para Galicia da nova composición das Cortes Xerais. Pero, que elixe Galicia nestes comicios?

Aínda que o electorado estará chamado a renovar dúas Cámaras, o Congreso e o Senado, é o resultado da primeira o que concita todas as olladas na noite electoral. Ao novo Congreso chegarán de Galicia vinte e tres deputados e deputadas -ata 1989 foron 27, en 1993 pasaron a 26, en 1996 e 2000 quedaron en 25 e no 2004, en 24, reducións causadas pola perda de poboación- procedentes das catro circunscricións nas que a lexislación divide o país, as catro provincias. É unha representación que, como amosa a gráfica que encabeza este texto, estivo tradicionalmente dominada polo centro-dereita, e que nas eleccións de 2011 lle outorgou 15 escanos ao PP, 6 ao PSOE e 2 ao BNG.

Galicia achega 23 escanos ao Congreso, elixidos nas catro circunscricións provinciais

Con independencia da lectura dos resultados en clave galega, as diferentes candidaturas terán que dar a batalla polos escanos a nivel provincial nun campo de xogo no que, atendendo aos precedentes, A Coruña e Pontevedra son máis propicias aos cambios que as circunscricións do interior. En Lugo, por exemplo, nunca houbo deputados que non fosen das grandes forzas estatais -UCD, AP ou PSOE, primeiro, AP e PSOE posteriormente e, dende 1989, PP e PSOE- . En Ourense ese esquema só rachou nunha ocasión, nas xerais de 1986, cando Coalición Galega logrou un escano na provincia na que tiña unha maior fortaleza.

Estas distribucións de escanos son o resultado dunhas votacións nas que as forzas preponderantes no Estado sempre estiveron, moi folgadamente, por riba do 50% dos votos e na que o limiar do 3% que marca a lei para obter representación no escano se revelou, a efectos prácticos, como moito maior. Tal e como marca a Lei Electoral, cada provincia ten asignados 2 escanos e o resto distribúense en función da súa poboación, o que provoca unhas sobrerrepresentación das circunscricións menos poboadas e unha maior dificultade nelas para traspasar o limiar de acceso a un escano.

O limiar do 3% para obter representación é, a efectos prácticos, moito maior

Unha ollada aos resultados das xerais das últimas dúas décadas en Galicia, por exemplo, permite comprobar que, malia obter en ocasións porcentaxes de voto non excesivamente dispares nas provincias interiores e nas do litoral, a terceira forza política, o BNG, nunca obtivo escanos por Lugo nin por Ourense, mentres que dende 1996 sempre os logrou na Coruña e Pontevedra, un por provincia agás nas eleccións do 2000, cando acadou un segundo escano na circunscrición coruñesa.

Todas estas cifras son o resultado dunhas votacións nas que, dende o seu nacemento en 1989, o PP sempre estivo en Galicia por riba do medio millón de votos e, dende 1993, por riba dos 700.000, acadando nos comicios do ano 2000, os da maioría absoluta de José María Aznar, o que ata agora foi o seu teito electoral galego nestes comicios, con máis de 880.000 votos. A segunda posición veu sendo de xeito practicamente constante para o PSOE, que durante os anos 90 veu superando tamén os 500.000 votos e, tras a caída do 2000, remontou ata un máximo de 750.000 votos en 2008, a segunda vitoria de Zapatero, co bipartito na Xunta. Dese resultado, que deixou os socialistas a apenas 50.000 votos do PP, pasou a algo menos de 460.000 votos en 2011.

Dende mediados dos anos 90 a terceira forza política en eleccións xerais veu sendo o BNG, que en 1996 superou os 200.000 votos e se mantivo por riba dese limiar ata as xerais de 2011. O maior número de sufraxios obtido polo Bloque nos comicios a Cortes Xerais foi o do ano 2000, cando máis de 300.000 persoas elixiron a súa papeleta.

Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.