Preparando o camiño para os orzamentos participativos nos concellos

Un dos encontros celebrados a través da iniciativa 'A Porta Aberta' © Concello da Coruña

A participación é un dos eixos principais do novo ciclo político e das novas demandas cidadás. Se se esixe participación e codecisión no deseño das políticas, iso implica igualmente a esixencia de que a concreción económica e orzamentaria desas políticas tamén sexa froito da participación e do debate social. Os orzamentos participativos levan xa un par de décadas no discurso público. As experiencias de Porto Alegre e outras localidades nos anos noventa foron recollidas polas forzas de esquerda como unha reivindicación de empoderamento cidadán e democracia real. E, ao igual que outras demandas, gañaron forza nos últimos catro anos. Nas eleccións municipais de maio moitas das candidaturas elevaron os orzamentos participativos a un lugar destacado dos seus programas, de xeito que esta lexislatura pode ser decisiva para a consolidación destas prácticas.

"Para ter orzamentos participativos hai que ter ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema orzamentario"

Porén, para chegar ao deseño partcipativo dos orzamentos, hai que percorrer primeiro un camiño, crear estruturas de debate e codecisión e, por exemplo, levar a cabo experiencias piloto nalgunha área. É o caso de Compostela, que este martes inicia o proxecto piloto de orzamentos participativos para o 2016, que se desenvolverá na área de Mocidade, un departamento que conta cun orzamento pequeno -100.000 euros- e que, pola natureza dos seus proxectos e destinatarios e destinatarios, pode ser propicio para probar estas novas fórmulas de deseño colectivo. María Rozas, concelleira de Facenda, adiantaba hai uns días en entrevista con Praza que "estableceremos un cronograma para 2016 para ter o que entendemos por uns verdadeiros orzamentos participativos, con asembleas de barrio que decidan determinada porcentaxe do capítulo de investimentos xa en 2017" e salientaba que "para ter orzamentos participativos hai que ter ferramentas de participación, e nos últimos anos desapareceron as poucas que había. Primeiro hai que implantalas e despois, traballar o tema orzamentario". 

O Centro Sociocultural do Ensanche acollerá a partir das 20 horas unha primeira xuntanza, aberta a todos os mozos e mozas entre 16 e 30 anos residentes na cidade (non só ás persoas censadas, senón tamén ao estudantado universitario de fóra), na que se escollerá entre todas as persoas participantes un Grupo Promotor encargado de supervisar o proceso do punto de vista non institucional. Constituído este grupo, que elaborará o seu propio regulamento e métodos de funcionamento, abrirase un proceso de inscrición a través dun formulario na web do Concello para que todas as persoas que desexen participar se anoten, tanto para votaren como para proporen actividades nas que investir os fondos orzamentados.

Este proxecto piloto servirá para artellar os mecanismos de participación precisos para elaborar, no vindeiro ano, orzamentos participativos por parte de toda a cidadanía de maneira global, como se recollía no programa electoral de Compostela Aberta. Todo o proceso participativo durará un mes. A finais de novembro celebrarase unha asemblea na que as persoas inscritas votarán as propostas realizadas neste tempo.

Todo o proceso participativo durará un mes. A finais de novembro celebrarase unha asemblea na que as persoas inscritas votarán as propostas realizadas neste tempo

O Grupo Promotor elaborará unha serie de criterios en base aos cales a cidadanía votará as propostas. Desde o Concello foi elaborada unha proposta baseada en catro criterios que poderán ser usados ou non polo Grupo Promotor, que disporá de liberdade absoluta neste senso. Entre os criterios propostos están por exemplo: que o contido das actividades promocione certos valores positivos para a mocidade, que estean dirixidas a certos colectivos (en función do sexo, exclusión social…), o territorio (para que se desenvolvan actividades fóra do Casco Histórico e do Ensanche e se aposte polos barrios e as parroquias) e que se teña en conta o tecido asociativo.

Na Coruña, tamén pensando nos orzamentos do 2017

Na Coruña, a Marea Atlántica propuxo a implantación dos orzamentos participativos pois "o diñeiro da administración é diñeiro que sae de todas e de todos, que sae do noso traballo, que sae dos nosos impostos, e sobre el tamén queremos decidir, decidir como debe ser xestionado e a que debe ser destinado", como destacaba no seu programa. "Non abonda co trámite de exposición ao público do Orzamento" -dicía- "Faise necesaria que a participación municipal se asente na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, escoitando as demandas cidadás, das asociacións, das entidades e colectivos. E non só para propoñer senón tamén para decidir e controlar".

"Faise necesaria que a participación municipal se asente na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, escoitando as demandas cidadás, das asociacións, das entidades e colectivos. E non só para propoñer senón tamén para decidir e controlar"

Para que a participación sexa eficaz é necesaria unha metodoloxía de traballo, unhas redes e uns espazos de debate. O pasado mes de setembro o departamento de Participación puxo en marcha A Porta Aberta, o programa que aglutina os seus procesos participativos, que comezan pola organización da cidade en distritos, órganos territoriais que posteriormente serán fundamentais na elaboración dos Orzamentos Participativos. Ata final de ano levaranse a cabo 27 encontros abertos nos que se reflexionará sobre como funcionarán estes órganos e sobre as súas competencias, que tamén serán decididas coa participación da cidadanía. Toda a información que se reúna será pública e compartida con toda a cidadanía nun foro cidadán aberto, que se realizará a final de ano. 

"Non estamos inventando nada novo, senón sobre todo posibilitando que as cousas que xa existen poidan emerxer e que esa nova cultura política a vaiamos practicando entre todas e todos"

"Estamos todos aprendendo. A xente está farta duns métodos, dun manual de instrucións que xa non serve, e necesítase construír colectivamente un novo manual. Iso faise pouco a pouco", destacaba en entrevista con Praza a concelleira Claudia Delso, que engadía que "non estamos inventando nada novo, senón sobre todo posibilitando que as cousas que xa existen poidan emerxer e que esa nova cultura política a vaiamos practicando entre todas e todos. É un proceso de aprendizaxe colectiva, con moita pedagoxía e moita escoita activa". "Participar é algo máis que abrir, algo máis que facer unha asemblea e falar por falar. Implica unha reflexión crítica sobre o que significa participar, a súa importancia, a responsabilidade que implica. Se as decisións as tomamos colectivamente, van ser moito máis ricas", concluía.

Lugo, pioneira entre as deputacións

Ao longo de 2014 a Deputación de Lugo elaborou o primeiro orzamento participativo nunha deputación en todo o Estado. O proceso constou de varias fases, comezando pola convocatoria de xuntanzas abertas en todos os partidos xudiciais da provincia, celebrando na Fonsagrada a primeira delas, a finais do mes de xuño. Nas xuntanzas puideron participar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas nos concellos de cada partido xudicial. Ademais desta ferramenta de participación, a Deputación abriu outras dúas vías, a través dun portal web, e a través das redes sociais.

O proceso constou de varias fases, comezando pola convocatoria de xuntanzas abertas en todos os partidos xudiciais da provincia

As achegas realizadas pola cidadanía foron analizadas por unha comisión técnica da Deputación, que realizou un informe sobre a súa viabilidade, deseñando os posibles plans de actuación, determinando a dispoñibilidade orzamentaria e estudando as posibles colaboracións con outras administracións. En total, aprobáronse 17 proxectos concretos.

A metodoloxía escollida pola Deputación de Lugo para estes encontros coa cidadanía comezaba cunha introdución, a cargo de representantes do ente provincial, na que se daba conta do contexto xeral do orzamento. A seguir, entregábanse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opinase e elixise cales debían ser, ao seu xuízo, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base a 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medioambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Os veciños e veciñas debían elixir un máximo de tres áreas de actuación, puntuándoas do 1 ao 3. Finalmente, abríase un período de intervencións para que os cidadáns expuxesen os problemas do seu Concello ou para que fixesen propostas e achegas concretas.

Só a Deputación de Guipúzcoa puxera previamente en marcha (no 2013) unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio

Só a Deputación de Guipúzcoa puxera previamente en marcha (no 2013) unha experiencia piloto cunha pequena parte do seu presuposto e nun determinado territorio. Porén, o obxectivo da Deputación de Lugo era que o orzamento no seu conxunto se elaborase de xeito participativo. Tamén as deputacións de Málaga e Barcelona impulsaran presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento.

Experiencias noutras localidades

Nos últimos anos foron moitas as cidades e vilas que exploraron fórmulas, máis ou menos ambiciosas, para o deseño colectivo dos seus orzamentos. E semella que na presente lexislatura serán moitas máis as localidades que aposten por eles. Por exemplo, o Concello de Lugo comezou a dedicar o pasado ano unha partida de 500.000 euros ás propostas emanadas dende a cidadanía. As propostas foron recollidas a través do número 010, do Rexistro Municipal e da páxina web do Concello. E, posteriormente, cada concellería avaliaba de forma interna a viabilidade económica e técnica das iniciativas, para posteriormente presentalas en exposición pública e iniciar as votacións. En total, aprobáronse 59 proxectos concretos.

O Concello de Lugo comezou a dedicar o pasado ano unha partida de 500.000 euros ás propostas emanadas dende a cidadanía

De igual xeito, dende o ano 2008 o Concello de Ourense recolle nas súas contas algunhas propostas de obras e actuacións urbanísticas propostas pola veciñanza. E, por suposto, cómpre facer referencia ás experiencias de Fene e Ferrol, que foron pioneiros en Galicia na década pasada. En 2008 Fene botou a andar o proxecto, que finalizou coa selección de obras por parte dos veciños das parroquias de Sillobre e San Valentín cun investimento total de 240 mil euros. Coincidindo no tempo, Ferrol puxo tamén en marcha mecanismos de participación, ao abeiro do seu Regulamento de Participación Cidadá, unha experiencia que non se repetiu na lexislatura 2011-2015.

Cómpre facer referencia ás experiencias de Fene e Ferrol, que foron pioneiros en Galicia na década pasada

Tamén en Pontevedra o Goberno municipal ten previsto impulsar nesta lexislatura os Orzamentos Participativos, como recolle o BNG no seu programa, no que chama á consolidación desta fórmula como "espazo de relación permanente do goberno municipal coa cidadanía e como modelo de xestión pública no que os veciños e veciñas participan de maneira directa e voluntaria, asegurando a transparencia no gasto dos recursos e o destino do diñeiro público aos máis necesitados".

Un dos encontros celebrados a través da iniciativa 'A Porta Aberta' © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.